O PP de Galicia teima en que goberne a lista máis votada e en vetar os gobernos de coalición para gañar así milleiros de alcaldías no Estado e ducias no país. Tomando a iniciativa dunha proposta que abraza como ninguén, a formación conservadora vén de anunciar que levará a cabo mocións en todos os concellos da autonomía así como unha proposición non de lei no Parlamento no mesmo camiño.
O PPdeG impulsará mocións en todos os concellos e unha proposición non de lei no Parlamento
Así o decidiu o PPdeG logo do seu último comité de dirección antes do novo curso político. Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e secretario xeral do partido, presumiu de que será a súa formación a que dará o primeiro paso para "intentar chegar a un acordo ou impulsalo" para que acabe converténdose "nunha realidade".
"Queremos que vaia cara a adiante que nas municipais aquel que sexa o máis votado acabe sendo o alcalde", insistiu, tras explicar unha iniciativa que provocará que, de aquí a setembro, a moción sexa debatida en todos os concellos do país. A idea do PPdeG é que en cada corporación se exprese a vontade de que se adopten "as modificacións legais oportunas" para garantir "o respecto á vontade maioritaria dos cidadáns e a estabilidade" do concello. "O cabeza de lista máis votado nas eleccións locais debe ser elixido alcalde", insiste.
Os populares queren que os concellos expresen que "a estabilidade" gañaría no caso de que goberne o máis votado
Nada di dunha segunda volta nin doutro sistema máis xusto. O obxectivo do PP é asegurarse unha morea de alcaldías máis ao tempo que frean opcións emerxentes como Podemos ou AGE, que se verían obrigadas a xuntarse a outras formacións en grandes frontes para acadar as alcaldías no caso de que a reforma conservadora vaia adiante.
A base da moción que se presentará logo en todo o Estado naceu en Galicia, que lidera a teima en vetar os gobernos de coalición
Tanta é a teima do PPdeG con esta reforma que Rueda quixo destacar que "a base" da moción que se impulsará en todo o Estado está en Galicia, aínda que sufriu algunha modificación en Génova para poder presentala en todos os concellos. "É o paso coherente co aintención dunha participación máis directa", di.
Coa iniciativa non hai fisuras. O presidente do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, tamén confirmou as mocións e presumiu dunha "vella reivindicación que xa se recollía no programa co que o actual goberno se presentou ás eleccións xerais" pero tamén, segundo di, "no do PSOE en 2004".
Porque o PPdeG foi sempre un dos líderes desta idea. No outono de hai un ano e no de 2012, Núñez Feijóo insistiu nun proxecto que acabou asumindo do PP español. Por pór só un exemplo, con este sistema electoral que pretende a dereita, os populares terían gañado 13 alcaldías urbanas nas últimas catro eleccións municipais, ademais de asegurarse practicamente un monocultivo nos máis de 300 concellos galegos.
"Un golpe de Estado"
Preguntados por esta proposta PSdeG e AGE, o voceiro parlamentario dos socialistas galegos, José Luis Méndez Romeu, acusou a Xunta de "pretender agora unha cerimonia de confusión para evitar debater sobre a non recuperación económica de Galicia". Juan Fajardo, deputado de AGE, denunciou que "o seguinte paso que pode dar o PP é meter os tanques no Parlamento porque é un golpe de Estado".
Méndez Romeu cre que a iniciativa do PPdeG busca poñer sobre a mesa "debates artificais que significan unha clara ganancia de parte". "A reforma electoral de Galicia busca a perpetuación no poder do PP e, sobre todo, a exclusión doutras forzas políticas do propio Parlamento", dixo.
Fajardo cre que suporía "un retroceso democrático inaceptable", xa que a reforma implicaría que o PP "seguise gobernando aínda que o votase só un 10% ou 15% do conxunto da cidadanía". Para AGE é innegociable unha proposta que "significa quitar capacidade de representación ao pobo para poñer aos caciques de sempre a gobernar".