Garantías para o castelán. Pero só para o castelán. Desde este xoves 31 de xullo, aqueles pais que desexen que os seu fillos estuden co castelán como lingua vehicular nas autonomías con idioma cooficial nas que -segundo as teses do Goberno- non se lles garanta esa opción nun centro público e cunha oferta razoable, poderán solicitar xa a compensación dos gastos nun colexio privado no que os seus nenos serían escolarizados no vindeiro curso. Xa que logo, poderán solicitar que os cartos públicos lles sufraguen a opción de estudar en español.
Os pais que desexen que os seus fillos estuden co castelán como lingua vehicular poderán solicitar que a Administración lles pague a escolarización en centros privados
Iso é o que di o real decreto que regula os procedementos de "recoñecemento á compensación dos custos de escolarización en castelán previsto na disposición adicional 38 da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce)" e que este mércores publicou o BOE. Nada se di no texto de garantir o dereito de, por exemplo, os pais galegos a que os seus nenos estuden coa lingua propia como vehicular. Todo malia que, segundo datos d'A Mesa pola Normalización Lingüística, o galego está relegado a un 2% das aulas de infantil nas cidades. Ou malia que a Xunta, achegando os seus polémicos datos, asegura que o peso da lingua galega non adoita pasar do 50% entre Primaria, ESO e Bacharelato.
O emprego e ensino do galego na educación segue á baixa, pero o Goberno central vén de garantir a ensinanza en castelán, nunha medida coa vista claramente posto no sistema de inmersión lingüística de Cataluña. Non obstante, os sindicatos educativos xa temen que se aplique tamén en Galicia (e en Euskadi, Comunidade Valenciana ou Baleares) e que haxa familias que aproveiten a situación para que lles subvencionen os gastos dun centro privado ou para evitar que os seus fillos estuden as poucas horas que se imparten en galego.
O decreto garante o ensino vehicular, pero non en lingua galega, malia o retroceso do idioma propio no ensino
Desde este xoves, os pais que así o desexen xa poden acceder ao modelo de solicitude que se atopará dispoñible na web do Ministerio de Educación, así como nas oficinas de Atención ao Cidadán de devandito departamento e das delegacións e subdelegacións do Goberno nas comunidades con lingua cooficial.
A subvención ás familias podería chegar aos 6.000 euros anuais
O prazo máximo para ditar e notificar o dereito á citada compensación será de seis meses e, de non notificarse, quedará desestimada. Ademais, a contía máxima do importe determinarase polo gasto público dunha praza non universitaria nun centro público (unha cantidade que se estima que supera os 6.000 euros ao ano), aínda que o decreto explica que, con anterioridade ao comezo do curso, poderase modificar "o indicador tomado de referencia" con obxecto de adecualo aos custos efectivos de escolarización "ofertados no mercado".
O dereito a obter a compensación destes gastos de escolarización terá efecto desde o inicio do curso en que se recoñeza ata o remate da educación obrigatoria do estudante.
No prazo dun mes a partir da notificación da resolución do recoñecemento á compensación o representante legal do alumno deberá achegar a documentación xustificativa dos gastos cuxo pago se relizará por mensualidades, a diferenza do correspondente aos cursos seguintes, que se practicará ao comezo de cada ano académico.
Do mesmo xeito, o texto explica que corresponde ao Ministerio a comprobación do suposto feito que determina o nacemento da "obriga financeira", instruído pola Alta Inspección de Educación, e no que deberá darse audiencia á Administración educativa afectada.
Logo desta comprobación, Educación asumirá "integramente", por conta da Administración educativa correspondente, os gastos efectivos de escolarización deste alumnado en centros privados, gastos que "repercutirá" a devandita Administración educativa, que terá un prazo máximo de quince días para presentar alegacións.
Ademais, Educación informará a Facenda, de forma trimestral, dos correspondentes acordos de retención dos gastos abonados por pais aos centros privados.