O impulso dun deputado galego instaura na Arxentina un día de homenaxe ao exilio republicano

Jorge Rivas, na presentación do seu proxecto © prensajorgerivas.blogspot.com

Todos os 14 de abril, de agora en diante, conmemorarase o Día Nacional do Exiliado Español. Será na Arxentina, logo de que a Cámara de Deputados aprobase este mércores por ampla maioría -200 votos a favor e tan só dous en contra- o proxecto do deputado galego da Confederación Socialista Jorge Rivas, fillo de fisterráns e recoñecido defensor da memoria dos represaliados polo franquismo. Será unha xornada, a que celebra cada ano a proclamación do réxime republicano, "en homenaxe a todos os españois que se viron obrigados a abandonar a súa patria despois do derrocamento da República e durante a ditadura de Francisco Franco, e que chegaron ao noso país en busca dun  porvir en liberdade", tal e como manifestou o parlamentario.

Todos os 14 de abril conmemorarase na Arxentina do Día Nacional do Exiliado Español

Jorge Rivas é fillo de pai e nai galegos e forma parte do bloque da Frente para la Vitcoria (FpV). A súa iniciativa foi realizada xunto á Agrupación Federico García Lorca, integrada por cidadáns españois e hispanoarxentinos -descendentes en moitos casos daqueles exiliados republicanos- que militan no proxecto da presidenta Cristina Fernández de Kirchner. Esta agrupación comparte tamén co deputado galego o apoio á investigación dos crimes do franquismo e á causa aberta nos tribunais arxentinos contra os represores.

A conmemoración "ten o propósito de convidar á reflexión sobre as terribles consecuencias que leva a ruptura dos procesos democráticos"

"A elección para render esta homenaxe é o da data na que se proclamou o nacemento da Segunda República española, brutalmente abatida pola dereita reaccionaria -explicou Rivas- e ten o propósito de convidar á reflexión sobre as terribles consecuencias que leva a ruptura dos procesos democráticos por parte das forzas que se opoñen ao progreso social".

"O 14 de Abril de 1931, a Segunda República substituíu en España á vella e reaccionaria monarquía, despois dun gran triunfo electoral dos sectores máis avanzados do país, que forzou ao rei Alfonso XIII a recoñecer o repudio maioritario á súa permanencia no poder", argumenta o proxecto.

"Esa esperanza, con todo, -engadiu o dirixente galego- estaba destinada a frustrarse poucos anos despois. Non polas dificultades e as contradicións propias dese proceso popular transformador que se propuña reparar inxustizas e atrasos moi arraigados, senón pola crúa violencia dos poderosos. En efecto, o levantamento armado do exército que conducía Franco, expresión da dereita máis reaccionaria, desatou o conflito que se coñece como Guerra Civil Española. Na guerra, que rematou o 1 de abril de 1939 co triunfo do franquismo, interviñeron ao lado dos vencedores o réxime nazi de Adolfo Hitler e o fascista de Benito Mussolini. Calcúlase no medio millón a cantidade de mortos durante o conflito", lembrou Rivas, que lembrou que o réxime franquista "cometeu innumerables crimes de lesa humanidade que aínda non foron investigados nin sancionados".

"Desde 1939, foron miles e miles os españois que partiron ao exilio, por razóns de conciencia, ou para salvar as súas vidas, ou porque non podían traballar nin vivir con dignidade nesa desgraciada España. Francia primeiro, e despois México e a Arxentina foron os países que máis exiliados españois albergaron. No caso do noso país, os primeiros 147 exiliados españois chegaron xa en novembro dese ano 39", engadiu Rivas, que destacou que figuras como Alberti, María Teresa de León, Manuel de Falla ou Claudio Sánchez Albornoz foron algúns dos que chegaron a Buenos Aires, onde os galegos colaboraron na fundación de editoriais como Emecé ou Botella al Mar ou na edición da revista De mar a mar.

"Por suposto, non fai falta subliñar que, máis aló das celebridades mencionadas, o nutrido continxente de españois que chegou á nosa terra despois do luctuoso 1939 integrouse plenamente á sociedade arxentina, que o recibiu con solidariedade e espírito fraternal", rematou Rivas.

O deputado socialista galego é unha figura moi recoñecida e admirada entre a clase política arxentina

Este avogado socialista foi reelixido como candidato do Frente para la Victoria, partido que apoia a presidenta Cristina Kirchner. Fillo de emigrantes de Fisterra, a súa figura é moi recoñecida e admirada entre a clase política arxentina. En 2007, sendo vicexefe do Gabinete de Ministros, sufriu un ataque na súa vivenda que lle provocaron lesións que o deixaron tetrapléxico. Malia as súas dificultades -é incapaz de moverse e fala a través dun sofisticado sistema desde a súa cadeira de rodas-  reincorporouse ao seu escano menos de dous anos despois do percance. Desde alí segue a defender causas xustas e continúa a ser admirado por simpatizantes e compañeiros.

Jorge Rivas, na presentación do seu proxecto © prensajorgerivas.blogspot.com
Jorge Rivas, na presentación do seu proxecto © prensajorgerivas.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.