Apenas mes e medio. É o tempo transcorrido entre a sentenza do Supremo que evidenciou a instancias da CIG a ilegalidade, á luz da lei educativa de 2006, de financiar os centros educativos que segregan por sexo e a decisión da Xunta de incrementar estes concertos, xa coa LOMCE na man. Cando aínda ecoa a controversia por aquel ditame xudicial, que vén dicir que o gabinete de Feijóo formalizou concertos con estes colexios malia ir contra a lei, a Consellería de Educación apóiase na coñecida como Lei Wert para incrementar a achega de cartos públicos a catro dos cinco centros que operan en Galicia, todos eles propiedade dunha empresa do Opus Dei.
O pasado día 14, xusto un ano despois de obviar a LOE e seguir subvencionando estes colexios, o conselleiro de Educación asinaba unha orde para modificar o que dispuxera en 2013 e adaptar os concertos educativos a outras normas da Xunta, a un Real Decreto relativo á Formación Profesional e tamén á propia LOMCE. Nela o departamento de Jesús Vázquez lembra que a lei educativa de Rajoy regula a situación dos centros privados "aos que se lles denegou a renovación do concerto ou se lles reduciron unidades polo único motivo de ofrecer unha educación diferenciada por sexos". Ao abeiro da nova norma os colexios segregacionistas pediron recuperar os concertos que perderan -os do inicio de Educación Primaria- e a Xunta devólvellelos.
Os catro colexios que gañan concertos son propiedade dunha empresa do Opus
Trátase, concretamente, de catro unidades de Educación Primaria, unha para cada un dos centros que as pediron: Montespiño e Peñarredonda, na Coruña, e Las Acacias e Montecastelo, en Vigo. A LOMCE permítelle tamén ao quinto colexio segregacionista, o vigués Aloya, gañar o concerto do segundo curso de Anatomía Patolóxica e Citoloxía mentres que perde fondos públicos para unha unidade da ESO en virtude da norma que fixa en catro anos a duración de cada concerto, caso no que está tamén unha unidade de Primaria en Peñarredonda. Montespiño, pola súa banda, gaña por esta vía unha unidade de Primaria.
Demanda pendente no TSXG
Alén da lectura política e educativa, resulta evidente que estes concertos si se adaptan á lei, toda vez que a LOMCE protexe os centros que segregan. Non o é tanto a devandita orde de 2013, ditada cando o TSXG xa considerara ilegais os concertos por unha demanda do STEG. O alto tribunal galego terá que resolver sobre unha demanda da CIG-Ensino na que o sindicato explica que, malia "ter coñecemento directo da interpretación correcta" da LOE, que daquela aínda estaba vixente, "decidiu conceder concertos educativos aos centros que só admiten alumnado masculino ou feminino, nunha actuación que nos parece raiana na prevaricación".
A Xunta concedeu concertos aos centros que segregan cando a lei aínda o impedía
Educación, di o sindicato no seu escrito ante o TSXG, ditou aquela orde co "arbitrario propósito de atribuír un financiamento público a quen a lei llo nega" e fíxoo catro meses antes de que a lei Wert convertise en legal o que antes non o era. A LOMCE, di a CIG, "non convalida os vicios" dos concertos que foron "indevidamente concedidos". Así e todo, aínda que o tribunal lle dea a razón á CIG os colexios do Opus non sufrirían grandes cambios. Segundo a nova lei "non constitúe discriminación a admisión de alumnos e alumnas ou a organización do ensino diferenciado por sexos" e "en ningún caso" esta circunstancia pode implicar "unha desvantaxe á hora de subscribir concertos".