Mudar as regras de xogo trocaría notablemente o resultado do partido sen que a vontade cidadá tivese que variar o máis mínimo. O exercicio de política ficción resultante de aplicar aos comicios celebrados nos concellos en 2011 a reforma electoral que o PP di querer impulsar en solitario antes das vindeiras municipais provocaría, no caso das cidades galegas, o movemento de dúas pezas claves con evidentes consecuencias políticas no país. Coa cidadanía votando exactamente igual a como o fixo hai tres anos os conservadores pasarían de gobernar catro urbes a facelo en seis, xa que sumarían Vigo e Lugo, ficando Pontevedra como única cidade co bastón de mando nas mans da esquerda.
Segundo foi transcendendo mediante filtracións a xornais editados en Madrid unha das posibilidades nas que traballan os conservadores é aplicar un sistema mediante o cal a forza que obtivese o 40% dos votos gañaría automaticamente a maioría absoluta da corporación municipal se está cinco ou máis puntos por riba do segundo partido máis votado. Ambas condicións cumpriríanse en Vigo e Lugo, cidades nas que os de Feijóo recadaron naqueles comicios o 42,39% e o 44,21% dos votos, respectivamente.
Unha das opcións que di manexar o PP é darlle a maioría absoluta a quen supere o 40% dos votos
Dado que non lograran a maioría absoluta ambas cidades tiveron alcaldes do PSdeG, Abel Caballero e Xosé López Orozco, grazas a senllos acordos de investidura co BNG. Se estivese vixente o plan de Rajoy aos candidatos populares, Corina Porro e Jaime Castiñeira, asignaríaselles un edil máis dos logrados, que en ambos casos sería perdido polos socialistas. Así, o PP dirixiría o pleno municipal aínda que o resto da corporación representase unha maior porcentaxe de votos da cidadanía e tivese a vontade de chegar a un acordo.
Todo isto sucedería se a reforma electoral de Rajoy, que segundo o PPdeG é unha ferramenta para evitar "coalicións populistas", ten en conta a barreira do 40%. Se a modificación pasase por asignarlle automaticamente a alcaldía á forza máis votada, como vén pedindo reiteradamente Alberto Núñez Feijóo, os conservadores sumarían tamén á súa conta a cidade de Pontevedra, aínda que alí obtiveron os mesmos 11 edís que o BNG, que goberna co apoio dos tres representantes socialistas na corporación.