O pasado 21 de marzo milleiros de persoas saían ás rúas de Ferrol na defensa do sector naval da cidade, cuxo futuro, reclamaban, pasaba por unha maior carga de traballo e tamén pola construción dun dique flotante en Navantia que permitise consolidar os estaleiros ferrolterráns no mercado das reparacións de grandes buques. Ese mesmo día o presidente da empresa pública, José Manuel Revuelta, afirmaba no diario ABC que "nas circunstancias actuais dos mercados o dique non é viable". "As circunstancias poden cambiar, pero agora mesmo non é viable", sinalaba o alto cargo do Goberno central. Cinco meses e un pronunciamento da Comisión Europea despois a cuestión do dique chegou por enésima vez ao Parlamento de Galicia e alí o PP chegou á conclusión de que o responsable último de que esta infraestrutura non se constrúa non é outro que José Luis Rodríguez Zapatero.
Despois de que, a comezos de agosto, a Dirección Xeral da Competencia da Comisión Europea respondese ao Goberno de España que o investimento no dique "podería" ser considerado unha axuda estatal e, polo tanto, colidir coa normativa comunitaria os grupos de AGE e do BNG asinaron conxuntamente unha petición de comparecencia do presidente da Xunta. A Deputación Permanente da Cámara -órgano que substitúe o pleno en períodos inhábiles- abordou esa petición este mércores e, como era previsible, bateu coa maioría absoluta do PP.
Navantia considerou en marzo que o dique non é "viable"
Representados polo deputado ferrolán Miguel Tellado os populares explicaron que non hai necesidade ningunha de que Alberto Núñez Feijóo compareza. A razón desta negativa, argumenta, é que quen deu "o non ao dique flotante" é "a UE, non o PPdeG, o Goberno de España nin a Xunta". Ese "non" deuno "o Goberno socialista do señor Zapatero e o socialista comisario europeo da Competencia", Joaquín Almunia, albo habitual das críticas dos conservadores de Galicia. "Non é o señor presidente da Xunta quen ten que comparecer aquí", abonda, toda vez que as explicacións "terá que dalas quen é o responsable desa decisión, e esa persoa depende do PSOE", reitera, obviando que o PP europeo era maioritario na Comisión antes das eleccións europeas e ségueo sendo despois e pasando por riba, ademais, de que Almunia está a piques de deixar de ser comisario.
AGE e BNG reclamaban que Feijóo comparecese para explicar a negativa a construír o dique, que o PP atribúe en exclusiva a Almunia e a Zapatero
Mentres Tellado proclama que os gabinetes de Feijóo e Rajoy foron os únicos que "tomaron en serio" o dique que non se construirá tanto Alternativa como o Bloque lembran non so a negativa dada en marzo polo presidente de Navantia, senón tamén que o conselleiro de Industria, Francisco Conde, renunciou a seguir reclamando o dique en canto chegou a resposta do departamento de Almunia. "Como dixeron os sindicatos -di a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz- esta foi a saída para ter un argumentario e non construír o dique flotante", unha "escusa perfecta" para un proxecto que "prometeron en campaña electoral" pero que era "unha auténtica mentira" que "se estaba a converter nun pesadelo para o PP".
Como Díaz, tamén o nacionalista Francisco Jorquera coida que o pronunciamento comunitario é a "coartada" do PP para darlle "carpetazo" ao dique e non seguir "batallando" por el. "Non estamos ante unha cuestión técnica nin xurídica", senón "política", di Jorquera. A resposta da Comisión "non é definitiva", sinala, xa que só se refire ao "modelo de financiamento" das obras nun contexto no que, asegura, existen vías no propio Tratado de funcionamento da UE para lograr realizar o proxecto. "Non hai veto, parte dunha premisa falsa", profunda o parlamentario do Bloque, quen lembra que Almunia só respondeu a unha "consulta informal". Se os populares quixesen o dique, conclúen AGE e BNG, mesmo terían incluído o asunto na xuntanza de Rajoy con Angela Merkel en Compostela no canto de "preocuparse por colocar o señor De Guindos ou da cruzada contra Catalunya".