O PP, encastelado en romper a baralla electoral: "Non hai quen nos pare"

Feijóo e Rajoy, no mitin de Soutomaior © PP

Duplamente encastelados. Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo déronse este domingo o seu habitual baño de dirixentes do seu partido para escenificar o que se vén dando en chamar "apertura do curso político". Fixérono, como vén acontecendo dende a desaparición das romarías populares do Monte Faro ou do Monte do Gozo, ao pé do Castelo de Soutomaior, desta volta para poñer o acento en dúas ideas forza: a recuperación económica xa está aquí e quen o nega faino por partidismo e a reforma electoral executarase caia quen caia. A segunda idea, a da ruptura unilateral da baralla electoral, foi axitada con máis contundencia por Feijóo que polo propio Rajoy: "Contra un PP unido non hai forza política que nos pare", proclamou o líder da dereita galega para resumir a axenda dos vindeiros meses.

Mentres ultima o recorte ao Parlamento de Galicia, tan unilateral como a reforma de Rajoy, Feijóo reivindícase como pai da idea de ilegalizar os gobernos locais de coalición, a cal leva defendendo "dende que é presidente do partido". Ademais, asegura, co seu plan o PP "non inventa nada", porque "a proposta do Goberno ten precedentes no programa electoral do PSOE de 2004", asegura, obviando que aquel documento propuña un sistema de dobre volta avalada polo consenso entre os partidos. "Espero que ninguén se desdiga", reta, para "convidar" os "partidos da oposición" a que "se esforcen menos en rebelarse contra algo tan democrático como é que quen gañe, goberne" e se "esforcen algo máis en gañar a confianza maioritaria dos cidadáns".

O presidente da Xunta defende a reforma electoral de Rajoy como un "principio democrático sólido, básico"

Feijóo presenta a conversión do 40% dos votos en maioría absoluta como un "principio democrático sólido, básico" e o PP galego no seu conxunto alenta a Rajoy para que non dea marcha atrás asegurando que se comprometen a non gobernar en ningún concello no que non sexan a lista máis votada. "Por suposto, abrimos e imos continuar abrindo un debate sobre a necesidade de establecer a posibilidade de fortalecer o vínculo democrático a nivel local mediante a elección directa de alcaldes", asegurou Rajoy, máis centrado no discurso económico. "Imos falar", di, "e quen non o queira faer, que llo explique ao conxunto dos cidadáns". De realizarse, a súa aposta é ter a lei electoral reformada en decembro, cando resten apenas cinco meses para os comicios.

Eloxios a Rajoy e á "maioría silenciosa"

Como vén acontecendo ao longo do verán o acto de Soutomaior converteuse tamén en toda unha cerimonia de eloxios dos dirixentes do PP galego a Mariano Rajoy, a quen Feijóo considera que é "xusto" agradecerlle a súa "actitude dialogante con Galicia". O Goberno de España, afirma o presidente da Xunta, é "consciente e consecuente" e "sempre ten en conta o que se lle di dende Galicia", tamén para os sector naval, xa que "hoxe están a construírse os dous floteis e hai novos pedidos militares", di, obviando o malestar en Ferrolterra polo veto ao dique flotante de Navantia. "Sobran palabras porque falan os feitos", gaba Feijóo, quen asegura que o seu partido non se dedica a "desmontar as provocacións do fanfarrón de turno" porque " a cidadanía non reclama un Goberno respondón, senón un Goberno responsable".

Feijóo di botar en falta o "PSOE de Felipe González"

Mentres Feijóo bota en falta "o PSOE de Felipe González" e reivindica o apoio de Galicia como "nacionalidade histórica" á "unidade de España" Rajoy aproveitou o seu discurso para lanzar agradecementos noutra dirección, o da "maioría silenciosa de españois, que son moitos, moitos máis dos que pensan algúns", abstracto colectivo que "entendeu as decisións qeu tivemos que tomar; que as entenderon, que as comprenderon e que hoxe se decatan de que tiñan o seu sentido". "España é unha democracia avanzada e, senón, comparen", retou.

A cúpula dos conservadores, durante o acto © PP

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.