Catro meses para a fin do veto aos barcos civís en Navantia

Vista das instalacións de Navantia en Ferrolterra © Navantia

Apenas catro meses. É o que resta para que os estaleiros de Ferrolterra se liberen do veto para construír buques civís que os afoga dende hai tres décadas. A primeira reconversión naval, pactada polo Goberno de Felipe González a mediados dos anos 80, e a segunda, acordada polo gabinete de José María Aznar en 2004, obrigaba as factorías da ría ferrolá a centrarse unicamente no ámbito militar, toda vez que a compañía pública só podía dedicar ao ámbito civil o 20% da súa facturación e, no caso da antiga Astano, tíñao completamente prohibido. Agora o comisario europeo da Competencia, Joaquín Almunia, vén de confirmarlle á eurodeputada de AGEe, Lidia Senra, que a hipoteca ficará cancelada cando estaba previsto, no remate deste ano.

"Que vai pasar o 1 de xaneiro de 2015, poderá o estaleiro público galego sentirse libre do veto que o castigou a abandonar a construción naval civil, da que era unha referencia mundial?", preguntou Senra. "O 1 de xaneiro de 2015 expiran os compromisos do Reino de España, entre os que se conta a limitación das vendas civís de Navantia", respondeu Almunia, que lembra que a sanción lle foi imposta ao que daquela era a empresa pública Izar. "Navantia e o Reino de España xa non estarán vinculados por eses compromisos, que propuxo o Reino de España no contexto do procedemento daquel momento". Polo tanto, conclúe o comisario, "xa non se apicará a limitación relativa á construción naval civil".

Almunia confírmalle a Lidia Senra que o 1 de xaneiro de 2015 Navantia pode acceder ao mercado civil

Neste escenario, dende AGEe coidan que "xa non hai ningunha escusa" para que "a Xunta de Galiza, o Goberno central e a SEPI" asuman "as súas reponsabilidades" e "comecen, dende xa, a buscar carga de traballo para Navantia". A xuízo da coalición "o momento é propicio, pois o mercado mundial da construción naval está á alza e en Galiza precisamos urxentemente postos de traballo". Para Alternatiav "a reuperación da comarca de Ferrolterra depende da carga de traballo para Navantia", polo que "hai moito en xogo", para Ferrol e para o país. "Agardamos que as administraciósn estean á altura das circunstancias e poñan os dereitos das persoas por diante dos intereses do capital".

En plena resaca pola negativa ao dique flotante

Esta confirmación de Almunia chega poucas semanas despois de que, tras unha consulta informal á Comisión Europea, os gobernos galego e central desen por perdido o dique flotante para Navantia, unha reivindicación xa histórica do persoal do estaleiro, que considera esta infraestrutura vital para asentar a empresa no mercado das reparacións de grandes buques. Sobre o dique flotante, precisamente, ten pendente unha resposta o propio Almunia, neste caso a unha pregunta do BNG formulada a través do eurodeputado de Bildu, Josu Juaristi, que a comezos de agosto cuestionou o comisario sobre a oportunidade de ter en conta o panorama socioeconómico de Ferrolterra para autorizar ou non o dique.

Competencia terá que aclarar se Navantia podería optar a axudas para que a súa "entrada no mercado non sexa discriminatoria"

Asemade, Competencia terá que aclarar tamén unha cuestión adicional, na que o Bloque, igualmente por medio de Juaristi, cuestiona o departamento comunitario polo xeito en que se vai "realizar a fase de transición da fin do veto á construción civil" de Navantia Fene. "Vai establecer a Comisión medidas de apoio económico e de modernización tecnolóxica para este estaleiro, coa fin de facilitar unha entrada no mercado que non sexa discriminatoria polo impacto de dita restrición e para a súa adaptación para competir en igualdade de condicións con outros estaleiros europeos e de terceiros países?", sinala.

Vista das instalacións de Navantia en Ferrolterra © Navantia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.