"Aparquemos as siglas para unha fronte común que dignifique o país"

Manifestación en Galicia © Somos Maioría

O manifesto Somos Maioría, que aposta por listas abertas de unidade popular arredor dun proxecto de esquerdas alternativo que respecte o dereito a decidir, xurdiu no pasado mes de xullo. Foi unha iniciativa "dun grupo de xente que quixo facer público a preocupación e as arelas das que falaba de xeito informal". Pasado o verán, o texto supera as 1.100 sinaturas e foron xa máis dunha ducia as localidades galegas nas que asinantes mantiveron reunións para dar os primeiros pasos de cara á formación de candidaturas unitarias da esquerda alternativa nas eleccións municipais de 2015.

O éxito do proceso levou a esta iniciativa a convocar unha xuntanza nacional o vindeiro domingo en Compostela (ás 10 da mañá no Hotel Santiago Apostol na Costa de San Marcos) logo das reunións que xa se produciron en Noia, Redondela, Fene, Lugo, Ourense ou Sober, entre outras vilas.

"Somos Maioría propiciou un espazo de entendemento cidadán por outra forma de facer política"

"Estamos moi satisfeitos do apoio recibido, pero sobre todo de que se desen os pasos que pretendiamos: propiciar un espazo de entendemento de cidadáns, a nivel individual, que ante un momento de ataque á democracia promovesen outra forma de facer política que se puidese plasmar en candidaturas de unidade popular", explica Miguel Pernas, un dos voceiros de Somos Maioría. Case ao tempo, un pouco antes ou un chisco despois, diversos movementos de base cidadá foron agromando nas principais cidades galegas, até que nas sete urbes apareceron procesos ou mareas que pulan tamén pola unidade popular de cara aos comicios locais. Uns e outros ameazan con rachar cos marcos da política local galega.

"Xa había iniciativas iniciadas como a Marea Atlántica que son absolutamente compatibles; eu mesmo son asinante dela tamén", explica Pernas, que cre que todas as plataformas e movementos "forman parte dun mesmo proceso, moi ligado á indignación, ao 15M e resultado da reacción dunha cidadanía cansa". "Os individuos fartos deciden xuntarse para intentar outro xeito de facer política", insiste quen aclara que "para nada Somos Maioría intenta solapar plataforma ningunha".

A iniciativa aclara que as diferentes 'mareas cidadás' son "absolutamente compatibles" e forman parte "dun mesmo proceso"

Ademais, e tal e como recoñece o voceiro, a coincidencia de militantes de diferentes partidos da esquerda entre os asinantes axudou a "mover as conciencias" e levou a que incluso alcaldes e cargos públicos do BNG, en contra da opinión maioritaria da dirección, avogasen polo acordo con outras formacións de cara aos comicios locais. "Hai asinantes que son militantes do Bloque, de EU, de Anova, de Compromiso e mesmo de Podemos, pero para nada se pide ese apelido militante, senón ganas de facer e de cambiar as cousas", reitera Miguel Pernas, que asegura que mentres nalgunhas cidades, como na Coruña, foi a cidadanía quen tomou a iniciativa, noutras foron as siglas as que o fixeron. "Esa non era a nosa idea, pero todo vai no camiño se iso remata en asembleas abertas á xente e nun proceso de confluencia e de empoderamento cidadán", aclara.

O pulo que deu Somos Maioría a esta confluencia é o importante para os impulsores dun manifesto baseado "na esquerda, na defensa da nación galega cidadá e nas bases republicanas" e para un proceso que ten un obxectivo claro: "desbancar o PP dos gobernos porque nos está a levar a unha calella sen saída". Por iso, Pernas aclara que nestas iniciativas cabe "todo aquel que se sinta representado neses principios" e pide "non seguir co reino de taifas e con cada un apoiando as súas siglas".

"Os partidos son moi necesarios, pero debemos aparcar as siglas para esta fronte común que pretende dignificar o país"

"Se continuamos así, non imos conquerir nada e moito menos cando temos sobre a cabeza esa ameaza da dereita de reformar a lei electoral", insiste o voceiro que pide "esquecer" por un momento as siglas. "Os partidos e formacións políticas son moi necesarios e ninguén pide que se renegue delas, pero aparquemos as siglas porque a fronte común é recuperar o país, dignificalo para deixarlle algo aos nosos fillos, para deixarlles un país onde se poida vivir cunhas bases radicalmente democráticas", asegura.

Así, para Miguel Pernas serán claves "este mes de setembro e o vindeiro outubro". Hai diversas plataformas cidadás en construción e o Bloque anunciou a convocatoria de asembleas abertas por todo o país. "Será determinante que nesas xuntanzas se manifeste xente que está a prol doutro xeito de facer política e da confluencia... E xa hai alcaldes do BNG que o están pedindo", remata.

Cartel de Somos Maioría © Somos Maioría

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.