O 'si' á independencia de Escocia xa supera o 'non' nas enquisas

Carteis a favor do 'si' no referendo de Escocia CC-BY-NC Cams

O si á independencia de Escocia gaña por primeira vez ao non (51%-49%) nas enquisas, tras un inquérito publicado este domingo por The Sunday Times de cara ao referendo que se celebrará o vindeiro 18 de setembro. A compañía YouGov, encargada deste estudo, asegura que esta diferenza de tan só dous puntos supón un "empate técnico" en termos estatísticos entre as dúas posturas, pero recoñece a un tempo que é a primeira vez que o apoio á secesión supera en intención de voto á opción unionista.

O apoio ao 'si' aumentou en 14 puntos en menos dun mes

Os resultados da enquisa publicada este domingo revelan un incremento de catro puntos no apoio ao si desde que a mesma empresa realizara a última sondaxe, hai tan só unha semana. Pola contra, o rexeitamento á independencia caeu no mesmo período de tempo do 53% ao 49%. Nos inquéritos de YouGov a porcentaxe de escoceses que están a favor de deixar o Reino Unido para se converter nun Estado independente vai medrando considerablemente nos últimos días. O pasado 7 de agosto, por exemplo, a preferencia polo no era do 61% fronte ao 39% que optaba polo si, que aumentou en 14 puntos os seus resultados en menos dun mes.

O estudo de YouGov descarta os que declaran que non votarán e tamén os indecisos. Incluíndo a ambos, a situación sitúa ao si no 47% e o non no 45%, polo que a independencia seguiría sendo a opción preferida pola poboación escocesa, cuxas preferencias están a sorprender o goberno británico. "Reino Unido minimizou a vontade do pobo de Escocia; pensou que tiña gañado o referendo", dixo nunha entrevista en Praza Pilar Fernández, galega e coordinadora da campaña internacional Solidarity with Scotland, que xa advertía do enorme apoio que o soberanismo estaba apañando nos últimos meses.

Londres pasa ao ataque, négase a compartir a libra con Escocia e ofrece máis autonomía fiscal se gaña o 'non'

Segundo todas as análises, o si beneficiouse da vitoria percibida do ministro principal escocés, o nacionalista Alex Salmond, no debate do pasado 25 de agosto. Salmond enfrontouse ao líder da campaña antiindependentista Better Together (Mellor Xuntos), Alistair Darling.

O caso é que Londres xa asume que, sexa cal for o resultado, este non vai ser nin moito menos maioritario. Así, o ministro de Facenda británico, George Osborne, xa anunciou o desenvolvemento nos vindeiros días dun plan de aumento da autonomía fiscal para Escocia se a maioría de cidadáns rexeitan a independencia, ademais de advertir que o Goberno británico non aceptará compartir a libra. Unha ameaza directa que revela o nerviosismo de Westminster, que non agardaba uns resultados tan apertados como os que se prevén para o vindeiro día 18.

Evolución das enquisas de YouGov © YouGov
Acto a prol da independencia de Escocia CC-BY-NC-SA PhylB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.