Galegos coa consulta catalá, cataláns polo referendo desde Galicia

Presentación da ANC-Galiza en Compostela © ANC-Galiza

Galegos en Galicia, galegos afincados en Cataluña e cataláns residentes en Galicia. O apoio á consulta catalá abrangue moitos lugares e cidadanía. Tamén no país. A reivindicación do referendo consultivo que a Generalitat pretende convocar o vindeiro 9 de novembro, así como da nova Diada reivindicativa do vindeiro xoves 11, suma manifestos, mobilizacións e achegas que pretenden internacionalizar a defensa do dereito a decidir dos cataláns.

A plataforma Galiza con Catalunya ou a delegación galega da Assemblea Nacional Catalana (ANC) son dous exemplos. A primeira xunta organizacións políticas e sociais que desde Galicia pretenden apañar apoios para a consulta do 9-N a través de sinaturas e adhesións individuais e colectivas. A segunda é unha das máis de 25 delegacións coa que a ANC -a organización que desde a sociedade civil lidera a reclamación dunha consulta popular e do dereito a decidir catalán- pretende impulsar e apoiar o referendo desde diferentes partes do mundo e internacionalizar así "os valores da democracia participativa". Está formada, maioritariamente, por cataláns residentes en Galicia, mais tamén por galegos que viviron durante anos naquelas terras.

Galiza con Catalunya "solidarízase" co pobo catalán e amosa o seu "apoio perante os entraves que interpón o Estado"

Galiza con Catalunya amosa a súa "solidariedade co pobo catalán e apoio perante os entraves de todo tipo (xurídicos, políticos, mediáticos, policiais) que interpón o Estado Español". Ademais, expresa o seu apoio tamén á celebración da consulta de 9 de novembro e o "rexeitamento á prohibición da voz do pobo", advertindo que "se o Estado Español rompe por fin, todo estará aberto e en xogo de novo, a comezar polas liberdades nacionais de Galiza e Euskal Herria".

Cataláns de orixe residentes en Galicia e galegos que desde Galicia apoian o referendo. Tamén son moitos os galegos emigrados en Cataluña que se amosan a favor de que a cidadanía sexa consultada e a Asemblea Cultural Galega de Barcelona organiza para este mércores un coloquio sobre a postura dos "galegos perante o proceso soberanista".

A ANC en Galicia insiste en que o proceso catalán "é unha revolución tranquila e pacífica" que "xorde da cidadanía"

A ANC-Galiza pretende "dara a coñecer o proceso catalán" a través de diversos actos. Na súa presentación en Galicia os seus impulsores insistiron no concepto de "revolución tranquila e pacífica", esa que pretenden levar a cabo a través do proceso soberanista e da consulta. Pere Tobaruela, escritor en galego e catalán, coordinador do colectivo e residente agora no país, insiste en que un dos propósitos fundamentais é "transmitir os valores da democracia participativa". Ademais, desde a organización insístese en que o proceso, ao igual que a ANC, xorde da cidadanía malia que moitas organizacións políticas o apoien. "Somos independentes de calquera partido e loitamos pola independencia e a emancipación da nación catalá dun xeito pacífico e democrático", explican.

En declaración a Praza, Tobaruela insiste en que a idea que se pretende transmitir é que a consulta "é un exercicio de democracia real e práctica". "O proceso é que a cidadanía está a tirar dun carro que ven posible e faise coa implicación da xente do común, que quere que se saquen as urnas e se pregunte", asegura quen aclara que aínda que "a situación política favorece o proceso", este é "apartidario". Ademais, contrapón a actitude da Administración española co que acontece en Escocia: "Alí hai unha resposta política e fanse propostas e ofertas, pero aquí todo se resolve con recursos e tribunais".

"Mentres en Escocia hai respostas e propostas políticas, en España todo se resolve con recursos e tribunais", lembra a ANC

 

"É unha revolución pacífica, pero unha revolución"

"É unha revolución pacífica e tranquila, pero unha revolución", engade Tobaruela, que recoñece que o que máis costa é evitar que "se mesturen cousas que nada teñen que ver". "Hai casos de corrupción política que benefician ao proceso e outros, como o gravísimo de Pujol, que non, pero nada diso vai deter o que a xente desexa de maneira democrática", conta quen se queixe de que "sempre haxa quen acuse os cataláns de insolidarios" ou de que "non haxa medios que expliquen as cousas de maneira obxectiva e non sesgada".

"Falar de independencia en Cataluña é moi diferente a facelo en Galicia, onde desde o poder se fomenta a vinculación co radicalismo"

En canto á transmisión da súa mensaxe en Galicia, o coordinador da ANC no país ten claro que "falar de independencia en Cataluña é moi diferente a facelo aquí". "Alí é algo moito máis arraigado en toda a sociedade, sexa de dereitas ou de esquerdas, pero aquí engádeselle un matiz de radicalismo que vén fomentado desde o poder, malia que a revolución que pretendemos é tranquila e pacífica", asegura. Respecto de se haberá ou non consulta, Tobaruela non se atreve a dicilo, pero si ten claro que o proceso "seguirá cara adiante paseo o que pase". Non obstante, tamén advirte que "organizar estas grandes manifestacións cada ano é algo canso, sobre todo cando se defende algo que é de sentido común".

"As leis teñen que estar ao servizo dos cidadáns e se hai unha maioría que quere votar, as leis deberían adaptarse ou, cando menos, tela en consideración. Está claro que o que falta é unha resposta política ao problema", finaliza o coordinador da ANC en Galicia, colectivo que apoia a convocatoria da plataforma Galiza con Cataluña, que convoca a cidadanía a apoiar a V catalá da Diada con outra V que se formará na praza da Quintana de Compostela o vindeiro 11-S ás 19 horas. "De aquí ao 9-N seguiremos explicando o proceso e defendendo a consulta", remata.

Presentación da ANC-Galiza en Compostela © ANC-Galiza
Cartel de Galiza con Catalunya Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.