O pasado marzo, en pleno escándalo polas revelacións vinculadas ao sumario do caso Pokémon, o presidente da Xunta realizaba o ademán político de dar un paso adiante na loita contra a corrupción anunciando a posta en marcha dun "código ético" que, como novidade máis salientable, explicaba, ía prohibir os agasallos aos altos cargos e demais persoal ao servizo do Goberno galego. Obviando que esas "dádivas" levaban prohibidas en Galicia dende o ano 2006, cando entrou en vigor a Lei de Transparencia impulsada polo bipartito, o presidente seguiu adiante co seu plan pasándoo polo Consello da Xunta no mes de abril e aprobándoo no mesmo órgano en xullo. Seis meses despois do inicio do proceso o Executivo publicita agora un código que, como ao principio, non ten máis consecuencias para quen o incumpra que as xa estipuladas nas leis vixentes.
Atendendo ao fixado no propio código o Diario Oficial de Galicia deste venres publica un texto que, como se anunciara, inclúe a prohibición de recibir agasallos que vaian alén da cortesía e que, en todo caso, non superen os 90 euros de importe. En caso de que se incumpran estas condicións a persoa que recibise o regalo terá que devolvelo anexándolle un formulario de agradecemento ou poñelo en coñecemento do "órgano competente" que proceda se, por exemplo, dubida do prezo real do agasallo. E, que pasa se isto se incumpre? "Procederase á apertura dunha información reservada", isto é, dun expediente secreto, para "dilucidar" se a conduta "pode ser constitutiva de infracción disciplinaria de acordo coa normativa vixente".
O código evidencia que se o Goberno detecta unha posible práctica delitiva ten que informar á Xustiza
O código non especifica sanción ningunha para os agasallos -"graduarase en función dos prexuízos que se ocasionen ao interese público, da súa repercusión e da súa entidade- e tampouco o fai para o resto de casos agás nun, o dos "membros do Consello da Xunta e altos cargos" que sexan "titulares de contas en países ou territorios con cualificación de paraíso fiscal". Así, se se detecta que un membro do Goberno é un defraudador fiscal terá que cesar no seu cargo. Así e todo, tampouco neste caso se modifica lei ningunha, polo que a repercusión será a que xa marca a lei. Neste sentido, o código evidencia que se os "órganos competentes", detectan "condutas (...) que poidan ser constitutivas de delito" terán que remitilas á Asesoría Xurídica Xeral "para os efectos de valoración da súa posible remisión á Fiscalía".
As críticas do PP á Lei de Transparencia
Así as cousas, o que o Goberno galego define como un "impulso da transparencia, a rendición de contas ante a cidadanía" e da "vocación de servizo" non vén achegar grandes novidades, alén de unificar nun único texto normas xa existentes e con outro código ético, o das viaxes institucionais. Reitérase tamén o xa fixado no marco legal galego a través da devandita Lei de Transparencia, unha norma que o PP, xa con Feijóo á fronte, deu en apoiar no seu trámite final pero á que antes lle presentara unha emenda á totalidade por considerala insuficiente e mesmo ridícula.
O PP consideraba que a Lei de Transparencia, que xa prohibía os agasallos, non achegaba "novidade ningunha"
Aquela emenda, asinada por quen daquela era voceiro parlamentario dos conservadores, José Manuel Barreiro, sinalaba que "a normativa aplicable ata o de agora", isto é, nos tempos de Manuel Fraga, "regulaba de forma suficiente e clara a materia de que se trata". Para os populares a Lei de Transparencia non contiña "novidade ningunha" e por iso a cualificaban ironicamentne de "lei da páxina web da Xunta", por fixar no seu articulado obrigas como a publicación en internet das remuneracións dos principais cargos públicos ou dos procesos de contratación.