Non é a primeira vez que acontece pero si unha das ocasións nas que o presidente da Xunta foi máis categórico. Alberto Núñez Feijóo defendeu este mércores por enésima vez a súa política social ante a oposición, desta volta a preguntas do PSdeG, asegurando que os seus orzamentos son os máis sociais da historia. O socialista José Luis Méndez Romeu considerou "sarcástico" que Feijóo fale de "blindaxe" do gasto social mentres executa recortes e o presidente, irado, censurou ser acusado de "que non temos interese pola política social" cando "nunca utilizamos tanta porcentaxe do orzamento para política social" como na actualidade. Os datos oficiais desmenten esta afirmación do presidente.
Aínda que resulta difícil realizar unha comparación histórica entre os orzamentos anuais da Xunta, esencialmente polo cambio de denominación e distribución das partidas por parte dos diferentes gobernos, unha vía para facelo é acudir ás bases de datos do Ministerio de Facenda. Cada ano a Secretaría de Estado de Administracións Públicas recompila os datos dos orzamentos autonómicos para poder presentar e analizar de xeito homoxéneo os de todas as autonomías. Unha ollada a esa análise permite concluír que a afirmación presidencial non se corresponde coa realidade.
Feijóo: "Nunca utilizamos tanta porcentaxe do orzamento para política social"
Tendo en conta as cantidades que, segundo Facenda, a Xunta destinou cada ano a política social e restando das mesmas o orzamento cultural -o Goberno central contabilízao neste apartado- o resultado é que, tomando como referencia a última década, o ano con maior porcentaxe para partidas sociais foi o 2011, no que se acadou un 70,24%. Segundo o Ministerio neste 2014 o dato quedou no 60,59%, cunha redución de cinco puntos a respecto do ano 2013.
Os Orzamentos de 2014 non son os máis xerais en termos relativos pero tampouco no que, ao cabo, afecta máis á vida da cidadanía: en cantidades absolutas. O propio Ministerio de Facenda certificou a finais do ano pasado que o proxecto orzamentario agora vixente traía consigo unha "redución de 56,07 millóns de euros" para políticas sociais en Galicia. Un repaso polos anos anteriores indica que o dato de 2013 non é illado, senón a continuación dunha tendencia á baixa iniciada no ano 2010, primeiro orzamento con Feijóo na Presidencia da Xunta.
O ano con máis fondos para políticas sociais foi o 2009, segundo os datos de Facenda
Sempre segundo os datos ministeriais no último exercicio do que xa hai datos homoxeneizados e consolidados, o de 2013, a política social galega tivo un investimento de 6.278 millóns de euros, un 13% menos que no primeiro orzamento aprobado polo PP tras retornar á Xunta e un 14% menos que nos derradeiros orzamentos do bipartito, que con 7.368 millóns de euros son os que, en termos absolutos, dedicaron un maior volume de recursos públicos a política social en todo o período analizado. Para atopar unhas cantidades semellantes ás da actualidade cómpre remontarse ao ano 2006, tamén co bipartito, cando o investimento social foi de 6.041 millóns, o que representaba o 60,95% do total do orzamento, case catro décimas máis que en 2014.