Ás poucas horas de se coñecer a dimisión de Alberto Ruiz Gallardón como ministro de Xustiza tras a retirada da contrarreforma do aborto, o Goberno apurou a nomear o seu substituto. Trátase de Rafael Catalá, ex secretario de Estado de Infraestruturas, cargo que ocupou no momento do grave accidente ferroviario de Angrois e por cuxas actuacións é duramente criticado polas vítimas. O seu nomeamento provocou unha reacción inmediata.
As vítimas amosan a súa "indignación e rexeitamento polo indecente nomeamento de Catalá como ministro de Xustiza"
A plataforma Vítimas Alvia 04155 vén de emitir un comunicado na que mostra a súa "indignación e rexeitamento polo indecente nomeamento de Catalá como ministro de Xustiza". O colectivo considera que sendo secretario de Estado de Infraestruturas "non fixo nada por depurar responsabilidades, nin asumiu para si ningunha; tan só mentiu e negou que fose un accidente de alta velocidade española para defender intereses económicos".
As acusacións son graves e duras e van máis aló da súa actitude. Acusan o xa ministro de Xustiza de autorizar a desconexión do sistema de control de velocidade ERTMS "sen ningunha análise previa", cando eles pensan que de estar activado o sinistro teríase evitado, tal e como sinalan tamén os peritos forenses. "Tomáronse decisións que mermaron claramente a seguridade dos pasaxeiros, sendo un dos responsables políticos Rafael Catalá", din desde a plataforma.
"Mentiu e negou que fose un accidente de alta velocidade para defender intereses económicos"
"Alguén que mente ás vítimas e que está politicamente involucrado nun accidente con 80 falecidos e máis de 140 feridos, polo que hai aberta unha causa xudicial, non pode ser o máximo responsable do Goberno en materia de xustiza". Ademais, a plataforma amosa a súa preocupación e din "temer" que o nomeamento "poida interferir no proceso xudicial".
A ex deputada do PP ferida no accidente acusa a Catalá de "presionala" estando convalecente para que non pedise dimisións en Adif e Renfe
E as dúbidas sobre Catalá tampouco acaban aí. A xa ex deputada do PP na Asemblea de Madrid, María Teresea Gómez-Limón -ferida no accidente de Angrois e que dimitiu hai pouco- acusou a Catalá de "presionala" logo de que solicitase a dimisión dos presidentes de Adif e de Renfe. Segundo asegurou hai dúas semanas, o agora ministro de Xustiza, Rafael Catalá, chamouna a casa durante a súa convalecencia para recriminarlle que reclamase a renuncia deses dous cargos e para advertirlle que coas súas declaracións sobre a alta velocidade "poñía en tela de xuízo os negocios de España".