O 2 de novembro de 2011 o pleno do Parlamento aprobaba a lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia cos votos do PP e tamén do PSdeG, que encetara o proceso en febreiro do ano anterior logrado sacar adiante unha proposta de reforma da lei de creación da CRTVG en aras da "pluralidade" e da "desgobernamentalización". O 17 de decembro dese ano a lei entraba en vigor e, como informou Praza, a mediados de 2012 xa estaba incumprida. Agora, case tres anos despois, o Parlamento vén de aprobar o "cumprimento inmediato" das previsións desta norma.
O texto aprobado en 2011 fixaba prazos moi claros para o despregamento da nova lei. Así, o 17 de xuño do ano seguinte tiñan que estar nomeados por maioría cualificada do Parlamento o novo director ou directora xeral da radio televisión pública e tamén o novo consello de administración. Ese era o mesmo prazo para que a Xunta elaborase "o primeiro mandato marco" da nova RTVG, o documento que establecerá "os obxectivos xerais da función do servizo público que debe cumprir a corporación" e que tamén está supeditado á aprobación de dous terzos ou dous quintos da Cámara. Tampouco foi aprobado.
Neste escenario, o único trámite realizado ata o momento foi, en agosto de 2013, a autorización da Xunta para a fusión de dúas das empresas da actual CRTVG, Televisión de Galicia S.A. e Radiotelevisión de Galicia S.A, operación indispensable para o cumprimento de todas as demais. Ante este enorme atraso o promotor inicial da lei, o PSdeG, elevou este mércores unha iniciativa ao pleno do Parlamento ao considerar, en verbas do seu voceiro, José Luis Méndez Romeu, que "tres anos máis tarde e despois de moitas promesas a lei é un monumento ao engano do presidente Feijóo" e amosa que "as verbas do presidente nada valen".
Romeu: "Tres anos máis tarde a lei é un monumento ao engano do presidente Feijóo"
"A pregunta é obvia: ten algún sentido pactar co Goberno?", di Romeu, que atribúe as dilacións á vontade do PP de manter os medios públicos como un "espello máxico" que "incumpre gravemente" a súa obriba de "ofrecer información veraz e plural" por mor duns "directivos que cercenan a autonomía dos xornalistas para ofrecer unha visión sesgada" ditada, en última instancia, polo propio presidente. Esta, acusa, é a "ilusión dun país irreal", dunha "propaganda gobernamental" que sería imposible se a nova lei, a mesma que impediría, por exemplo, que no pasado xuño Feijóo aparece nos informativos da TVG "once veces máis tempo que o señor Gómez Besteiro", líder do PSdeG.
O PP asegura que "trata de cumprir" a lei, cuxas primeiras previsións tiñan que entrar en vigor en xuño de 2012
Pola banda do resto da oposición o BNG, que non apoiou a actual lei por vela unha "ameaza para o futuro dos medios públicos", considerou a través de Montse Prado que o PP non ten "ningunha intención de poñer en marcha" a norma ata que "pasen os envites electorais" e Juan Fajardo, de AGE, alertou do "surrealista" que é "vir debater que se cumpra a lei", ao tempo que chama a atención sobre que, se as novas normas xa estivesen sendo aplicadas, Alternativa tería que sentar no consello de administración do ente. "Ao mellor temen que, como pasou no Parlamento" ese órgano "deixe de ser un balneario", sinala.
Ante estas reclamacións o voceiro do PP, Agustín Baamonde, botou man da súa proverbial retranca para negar as acusacións de manipulación informativa, que lle atribúe ao bipartito e, á marxe disto, deu en asegurar que o seu partido ten "fidelidade absoluta" ao aprobado e "tratamos de cumprilo". O que aprobaron executar en seis meses "require unha cantiade de medidas de orde administrativa, laboral e mercantil que complican extraordinariamente o proceso" pero, aínda así, di, o PP vota a favor da iniciativa do PSdeG porque "cumprimos o que prometemos". "Está ben que o voten para non dar exemplo de desobediencia civil", retrucou Romeu, quen advirte de que o país "soporta unha televisión de partido que despreza a lei e engana" con novas tratadas "non por xornalistas independentes, senón por gabinetes ao servizo do PP".