0 Gardados para despois

A Marea Atlántica acada os apoios que avalan o seu camiño cara á confluencia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Cinco días antes do prazo marcado, a Marea Atlántica acadou as 2.500 sinaturas de apoio ao seu manifesto, condición que se marcara este proceso cidadán para continuar adiante co seu proceso de confluencia de cara a conformar unha candidatura unitaria para as eleccións municipais de 2015. A iniciativa, a pioneira en Galicia dunha serie de procesos que continúan por outras vilas e cidades, consegue así o aval que se impuxo para validar un movemento que agora confirma o seu camiño para se converter nunha alternativa da esquerda de base cidadá nos vindeiros comicios locais.

Foi o pasado 15 de xullo cando se publicou o manifesto da Marea Atlántica, onde se expresaba o desexo de "acabar coas políticas ditadas polas elites contra a maioría social e rescatar a democracia na Coruña construíndo un proceso de confluencia liderado pola cidadanía". A condición era que estes principios e propósitos fosen apoiados, compartidos e defendidos publicamente por un mínimo de 2.500 persoas -polo simbolismo de representar o 1% da cidadanía coruñesa- para que a Marea fose tal. E xa é. Menos de dous meses e medio despois, o proceso xa foi validado e continúa adiante con máis forza. "É o primeiro paso cara a María Pita", di nun comunicado o movemento.

As máis de 2.500 sinaturas validan un proceso que afronta agora a conformación dunha candidatura cidadá unitaria para as municipais

Polo camiño, a Marea Atlántica levou a cabo xa varias mareas sectoriais ou de barrio -como as de cultura ou urbanismo ou as das áreas da Agra do Orzán, a Cidade Vella ou a Falperra-Os Mallos- para recoller as inquedanzas e propostas da cidadanía e que culminarán este outono coa celebración dun Foro Social ou Marea Viva onde se artellará a iniciativa, se avaliarán todas as propostas e alternativas recollidas e onde se estudará a metodoloxía para crear un "espazo de confluencia" e un programa común de cara ás eleccións municipais.

Unha medida de 200 persoas participaron en cada unha das diferentes asembleas abertas por barrios ou sectoriais e xa hai preto de 180 cidadáns inscritos para participar nos grupos de traballo.

EU, Anova, Equo ou ecosocialista amosaron xa a súa intención de diluírse na Marea mentres BNG ou Podemos manteñen as portas abertas á confluencia

Ao tempo, representantes da Marea levaron a cabo xuntanzas con formacións políticas que non fixeron máis que reforzar as expectativas ante a boa disponibilidade manifestada por todas elas. Aínda que con matices, a análise que fai o movemento e a necesidade de confluencia "é compartida" por todas elas, a maioría dispostas xa a apoiar esa candidatura unitaria e, xa que logo, a diluírse como cidadáns nunha plataforma e non presentar lista alternativa ningunha ao Concello. É o caso de EU, Anova, Equo, Espazo Ecosocialista ou Compromiso por Galicia.

No caso do BNG, a Marea tamén é vista con bos ollos, aínda que a concreción programática e o resultado do propio proceso asembleario que vén de lanzar a formación nacionalista marcarán o futuro dunha decisión que será consultada polas bases pero que para nada descarta a confluencia final.

Os promotores de Podemos apostan por apoiar procesos como a Marea Atlántica ou Guanyem nas municipais

Por outra banda, a decisión de Podemos dependerá do seu cónclave en outono, aínda que as súas bases na Coruña parecen dispostas claramente á confluencia, do mesmo xeito que o núcleo duro da formación, que aposta por non se presentar ás eleccións municipais e apoiar procesos como a Marea Atlántica, Guanyem en Barcelona ou Ganemos en Madrid.

Ademais, o movemento que agora segue adiante na Coruña busca xa un encontro formal co resto das diferentes mareas e procesos abertos noutras cidades para os vindeiros días. Marea Atlántica foi o primeiro en Galicia, pero para nada é o único. Marea Ártabra en Ferrol, Ourense en Común, a Marea de Vigo ou procesos semellantes en Pontevedra ou Compostela buscan tamén unha confluencia de base cidadá á esquerda do PSOE:

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.