Artur Mas asina a convocatoria que chama os cataláns a votar o 9 de novembro

Artur Mas asina o decreto da consulta Dominio Público eldiario.es

O president da Generalitat, Artur Mas, deu este sábado o último paso cara á consulta soberanista ao asinar o decreto de convocatoria para o 9 de novembro. O decreto, que se sostén legalmente na lei de consultas aprobada a semana pasada por unha ampla maioría do Parlament e publicada na mesma mañá deste sábado, incorpora as preguntas pactadas polos partidos do bloque soberanista o 12 de decembro "Quere que Catalunya se converta nun estado? En caso afirmativo, quere que este estado sexa independente?", ademais do regulamento para a votación.

Mas deu o último paso cara á consulta soberanista tras asinar o decreto de convocatoria

Na súa comparecencia tras a firma da convocatoria, o presidente Mas destacou os aspectos que guiaron o proceso político. Así, referiuse en primeiro lugar ás "amplas maiorías sociais" que se significaron a prol da consulta a través de mobilizacións masivas, a última a V da última Diada. En segundo lugar, falou do consenso político "dentro da pluralidade", un consenso que, segundo o xefe do Executivo catalán, entende que Cataluña é unha nación e que contrasta "coa negativa a todo e que non dá solucións", en referencia á actitude inmobilista de Rajoy. Por último, tamén destacou que a convocatoria fíxose de forma legal, con base na lei de consultas, da que dixo que é "constitucional e estatutaria". 

"Este decreto é unha ferramenta que poñemos en mans dos 7,5 millóns de cataláns para que decidan o seu futuro", exlicou Mas, logo de anunciar que segue aberto a un pacto co Estado para celebrar a consulta. "Estivemos e estamos dispostos a negociar as condicións da consulta", asegurou, malia estar xa convocada. Tamén enviou un mensaxe ao pobo español "co que nos unen lazos profundos, e eses lazos seguirán". "Cataluña quere decidir democrática e pacificamente o seu futuro. A ninguén pode asustarlle que a cidadanía exprese os seus desexos nunha  urna", dixo en castelán para despois falarlle en inglés á comunidade internacional para dicirlle que "Cataluña é un pobo que se quere manifestar".

O presidente apela ao consenso e ao apoio masivo á consulta e non pecha a porta a un referendo pactado co Estado

O acto solemne tivo lugar no Palau da Generalitat, ao que asistiron o líder de ERC, Oriol Junqueras, e os deputados da CUP, David Fernàndez e Quim Arrufat, ademais da presidenta do Parlament, Núria de Gispert, e membros do Govern. En cambio, os líderes de ICV e EUiA, Joan Herrera e Joan Mena, estiveron ausentes pois declinaron a invitación ao considerar que se trata dun acto presidencial. Unha gran concentración independentista tivo lugar en Praza Sant Jaume para mostrar o seu apoio á sinatura.

O decreto de convocatoria foi publicado a mesma mañá como un anexo do Boletín Oficial e ampárase na lei de consultas que vén de entrar en vigor tras ser publicado no Diari Oficial. Este é o final do camiño xurídico para a consulta do 9-N. A partir de aquí, comeza a campaña dos partidos e a preparación dos detalles técnicos sobre a votación. Con todo, o Goberno español xa anunciou que impugnará a convocatoria e a lei de consultas o luns ante o Tribunal Constitucional que, no mesmo momento que admita a trámite o recurso, paralizará ambos os dous textos, deixándoos sen validez legal.

O Goberno central insiste en que "o referendo non se vai celebrar" e acusa á Generalitat de "provocar unha fractura social"

Deixouno ben claro a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría, que rexeitou en rolda de prensa a convocatoria da consulta. "O referendo non se vai celebrar", dixo a número dous do Goberno central, que anunciou que xa se puxo en marcha a maquinaria do Estado para promover o recurso de inconstitucionalidade. O primeiro paso é a petición dun informe preceptivo ao Consello de Estado para a presentación do devandito recurso.

"Ningún goberno está por riba da vontade soberana dos españois", dixo Sáenz de Santamaría, que lembrou a Mas que "sen lei non hai democracia" e tamén que o Goberno "vai velar por que se cumrpa a lei" para evitar unha consulta que "provoca unha fractura na sociedade catalá e afástaa de Europa". "Cataluña non se entende sen a achega dos españois", insistiu a número dous do Executivo, que cre que "se trata de unir e non de dividir".

Agora, co aval do Consello do Estado, o presidente Mariano Rajoy convocará o luns á mañá o Consello de Ministros que aprobará o recurso, escrito que a Avogacía Xeral do Estado entregará nese mesmo día ante o Tribunal Constitucional.

Na consulta poderán votar os maiores dos 16 anos, os cidadáns comunitarios que leven un ano en Cataluña e os extracomunitarios que leven tres

Ao tempo, o Govern lanzou xa a campaña institucional para difundir a consulta e os seus detalles, a través dunha web institucional, dun vídeo e de publicidade do 9-N nos medios. Tamén os partidos poderán empezar as súas respectivas campañas.

Entre as particularidades da votación, a lei establece que debe ser unha consulta popular sen ser vinculante. Permite a votación a partir dos 16 anos e tamén dos cidadáns comunitarios que leven un ano en Catalunya ou os extracomunitarios se levan tres. Contempla tamén o voto por depósito anticipado -ademais do presencial o 9-N-, consistente en depositar a papeleta entre os días 20 e 25 de outubro antes nunha institución habilitada para iso para que a remita á Mesa encargada do reconto.

ERC e a CUP instan á mobilización e á desobediencia no caso de que se vete a consulta

Mentres, os partidos soberanistas xa deron o seu apoio total á convocatoria. O deputado no Parlament da CUP, Quim Arrufat, fala xa de "outono histórico" en Cataluña e chamou aos cataláns a mobilizarse para poder votar, ao igual que Oriol Junqueras, líder de ERC, que insiste na desobediencia civil no caso de que o Constitucional prohíba o referendo. Ademais, a Assemblea Nacional Catalá e Ómnium Cultural empezarán a campaña polo si-si en canto se suspenda a convocatoria ou a partir do vindeiro luns. 

Pola contra, o PP catalán e Ciutadans insisten en que a consulta é "ilegal" mentres que o PSC cre que crea "falsas expectativas e xera frustración". A líder dos populares en Cataluña cre que Mas vén de "levantar un muro para "dividir e enfrontar os cidadáns".

HABERÁ AMPLIACIÓN

 

Decreto da convocatoria da consulta Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.