Somos Maioría decide por ampla maioría en referendo confluír coas 'mareas'

Xuntanza de Somos Maioría en Compostela © Somos Maioría

As persoas asinantes da iniciativa Somos Maioría acordaron moi maioritariamente e en referendo aberto dar impulso ás candidaturas de unidade cidadá e propoñer a confluencia coas diferentes mareas e movementos que se están a desenvolver en Galicia de cara a unha confluencia para as eleccións municipais de 2015.

O 95,4% dos participantes no referendo aposta por "propoñer a confluencia local con iniciativas análogas"

No referendo telemático que se celebrou desde o pasado domingo 21 até este sábado ás 12 horas, o 96,8% dos participantes dixo si á primeira das propostas, que consiste en "facer un chamado á cidadanía e aos partidos que concordan cos principios do manifesto para que a cidadanía participe e os partidos animen á participación dos seus afiliados". Ademais, o 95,4% tamén respondeu afirmativamente á outra das cuestións propostas e na que se aposta por "propoñer a confluencia local con iniciativas análogas sempre que cumpran cos principios de transparencia, horizontalidade, radicalidade democrática e apertura que inspiraran o manifesto Somos Maioría".

Estas dúas propostas foran a que asinantes desta iniciativa acordaran na xuntanza celebrada o pasado 7 de setembro en Santiago de Compostela. Neste innovador referendo telemático participou máis do 60% dos asinantes -arredor dun milleiro de persoas- que firmaran o manifesto até aquel 7 de setembro e, segundo os convocantes, "puxo de manifesto a posibilidade de posta en práctica da democracia directa cunha ferramenta segura e auditábel que garante o segredo do voto" e a través dun sistema "que posibilitou unha alta participación" e co que "apenas se deron incidencias".

A participación no referendo foi de máis do 60%

Somos Maioría xurdiu hai semanas como un proxecto que pretende xuntar a esquerda alternativa de cara ás eleccións municipais pero desde os alicerces da xente do común. A iniciativa incide "na necesidade de que a cidadanía sexa a protagonista do proceso de construción das candidaturas de unidade" e insistiu en declararse "totalmente compatible" coas mareas xurdidas.

Entre as sinaturas do manifesto atópanse alcaldes do BNG e caras visibles de Anova, EU ou CxG

O proxecto aposta por listas abertas arredor dun proxecto de esquerdas alternativo que respecte o dereito a decidir e entre as súas sinaturas coincidiron as de alcaldes do BNG como os de Monforte ou Zas, ademais de concelleiros do Bloque doutras comarcas, xunto a responsables de Anova e caras visibles de Esquerda Unida ou Compromiso por Galicia, entre outros.

Así, asinates de Somos Maioría levaron a cabo xa reunións na procura de acordos para unha futura candidatura unitaria en localidades como Vilagarcía, Noia, Fene, Lugo, Redondela, Noia ou Narón.

Xuntanza de Somos Maioría en Compostela © Somos Maioría

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.