A Marea Atlántica alcanza a costa e presentarase ás eleccións municipais

Rolda de prensa da Marea Atlántica CC-BY-SA M. Pereira

"A Marea Atlántica está leda e entusiasmada e non ten marcha atrás; vaise presentar ás eleccións municipais e loitar por María Pita". A iniciativa confirmou este mércores que concorrerá aos vindeiros comicios locais na Coruña logo de superar as 2.500 sinaturas de apoio que se marcou como aval para continuar o seu proceso de "confluencia e empoderamento cidadán" e de cara á conformación dunha candidatura unitaria que xa ten confirmada a súa presenza na vindeira convocatoria electoral.

"A Marea Atlántica non ten marcha atrás e vaise presentar ás eleccións municipais"

A Marea Atlántica é a primeira das xurdidas en vilas e cidades galegas que completou o proceso inicial e confirmou a súa candidatura aos comicios, reiterando unha vez máis a súa intención de ser "un espazo de confluencia máis alá de siglas e baseada no protagonismo da xente", tal e como manifestou Alfonso Mascuñana, un dos voceiros da iniciativa. A plataforma anunciou tamén a convocatoria dun grande acto público para o próximo venres 17 de outubro. Será o primeiro grande encontro -tras as varias mareas sectoriais e barriais creadas e xa en funcionamento- na que se pedirá e medirá o apoio cidadán e na que se prevé debater e aprobar un documento base como alicerce dunha futura candidatura.

Haberá un grande encontro o vindeiro venres 17 de outubro e unha gran Marea Viva en decembro, na que se avanzará sobre a candidatura, o programa e as primarias abertas

Será este acto público o que abra esta segunda fase do proceso e que desembocará nunha terceira fase que comezará xa en decembro coa denominada Marea Viva, unha grande asemblea onde se debaterá a forma na que a candidatura se presentará aos comicios, o programa ou as primarias abertas, un modelo que é "incuestionable" para a Marea Atlántica, pero sobre o que haberá que debater "o método" para levalas a cabo. Xa na cuarta fase, será o momento do programa e da candidatura que o proceso cidadá presentará ás eleccións municipais de maio de 2015.

"Non será un programa de arriba a abaixo; as mareas son os pulmóns da Marea Atlántica porque é a cidadanía a que fala en todos eses encontros", insistiron Mascuñana e Rocío Fraga, outra das voceiras, que lembrou que máis dun milleiro de persoas participaron nas diferentes asembleas abertas e que cen traballan arreo e a diario na plataforma. "Estamos acumulando apoios e forza e en decembro teremos aínda máis", aseguran, tras poñer en marcha sete mareas, tres delas barriais e catro sectoriais, que continúan traballando e recollendo achegas do pobo.

A Marea Atlántica destaca a "disposición" de todas as forzas políticas consultadas a "diluírse no protagonismo cidadán"

A valoración que a Marea fai do proceso até o de agora "é moi positiva" ao "constatar ese desexo común de confluencia na rúa" e ao conseguir tamén "activar a cidadanía para participar" nel. Tamén é positivo o resultado das xuntanzas con diferentes forzas políticas (Anova, EU, CxG, BNG, Espazo Ecosocialista, Equo e Partido Humanista), xa que en todas elas "hai disposición a diluírse no protagonismo cidadán", aínda que o compromiso "efectivo e real" non se poderá coñecer ata que se elabore un programa. "A intención foi moita, pero todo se verá nesa Marea Viva de decembro", aclararon os portavoces, que insistiron en aclarar que a iniciativa "non é unha suma de sigas nin un reparto de cotas". "A idea é pedir aos partidos que non se presenten, así como levar a cabo primarias abertas con todos diluídos individualmente na Marea", engadiron.

Respecto aos contactos coas forzas políticas, e en canto a Podemos, a Marea volveu aclarar que manteñen contactos con membros da formación, que incluso participan nas mareas sectoriais ou barriais, pero que o contacto formal producirase en canto este partido remate o seu proceso interno no que decidirá se apoiar as candidaturas cidadás nas eleccións municipais, algo que parece claro. "A sintonía é positiva", lembran.

"Quen máis dúbidas presentou sobre o proceso foi o BNG", recoñecen na Marea

Os voceiros da Marea Atlántica aseguraron tamén que "quen máis dúbidas presentou" co proceso foi o BNG, aínda que a intención da forza nacionalista "é ir vendo como vai o proceso", polo que non hai ningunha porta pechada. "Partimos da Coruña e somos municipalistas, pero non cantonalistas", dixo Mascuñana, en clara alusión ás críticas chegadas desde o Bloque.

De feito, o proceso cidadán aproveitou para anunciar oficialmente a celebración este vindeiro sábado da Marea Municipalista, na que diferentes iniciativas semellantes xurdidas en Galicia intentarán "poñer en común metodoloxías" e "afrontar colectivamente os desafíos e preocupacións". "Pretendemos potendiar o liderado cidadá sen a distorsión partidaria e defenderse das captacións por parte de liderados partidarios", explicou a Marea Atlántica, que anunciou tamén un debate sobre a realidade xurídica na que se conformará a plataforma.

A iniciativa cidadán superou as 2.800 sinaturas de apoio, das que o 75% proveñen da Coruña ou da súa bisbarra

Así, advirten que hai a posibilidade de presentarse ás eleccións de tres maneiras: como partido, como asociación de cidaáns ou como coalición de partidos. "Haberá que ver como se fai", asegurou Mascuñana, que adiantou que incluso podía ser "baixo outro nome" diferente ao de Marea, pero que "en ningún caso será unha mestura de siglas nin pactos de poder de partidos". O baleirado de competencias municipais e os requisitos legais que impón a participación na Deputación serán outros dos temas a tratar.

Por outra banda, a Marea Atlántica fixo balance dos apoios recibidos en forma de sinaturas. Superadas xa as 2.800, o 75% proceden da cidade da Coruña ou da bisbarra, mentres que un 18% proceden doutras partes de Galicia. Ademais, o 56% das firmas son de homes fronte ao 44% de mulleres. 

Rolda de prensa da Marea Atlántica Dominio Público @mareatlantica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.