Mareas: Coñecerse para avanzar xuntas

Xuntanza das mareas cidadás galegas, este sábado na Coruña Dominio Público Marea de Vigo

Ao longo de cinco horas de debate público e transmitido en directo a través da rede, representantes da Marea Atlántica, a Marea de Vigo, a Marea Ártabra, a Marea de Pontevedra, a Asemblea Cidadá de Compostela, Ames Novo, Ourense en Común e dunha iniciativa cidadá de Culleredo debateron e puxeron en común este sábado experiencias e metodoloxías de traballo. Na Casa da Fariña da cidade herculina as distintas iniciativas municipalistas describiron os procesos iniciados nas súas localidades, o traballo feito até o momento e o calendario máis inmediato, tanto aquelas candidaturas que teñen andado máis camiño, coma o caso da Marea Atlántica coruñesa, coma outras que veñen de iniciar o seu percorrido, coma a Marea Ártabra ferrolá (que celebrou este xoves a súa primeira xuntanza) ou a Asemblea Cidadá de Compostela, que se presentará publicamente nesta vindeira semana.

A Marea Atlántica, anfitriona e convocante deste encontro, puxo en común a metodoloxía desenvolvida até o momento, un traballo iniciado antes do verán que lle permitiu celebrar varias asembleas xerais, e segmentar a súa actividade, con varios grupos de traballo (Relato e Análise, Comunicación, Mediación, Loxística, Financiamento e Legal e Apertura) e asembleas abertas temáticas (mobilidade, urbanismo, cultura, feminismo...) e de barrio. Tamén compartiu co resto dos grupos os debates e tomas de decisión realizadas xa por esta iniciativa pioneira en Galicia, tanto a nivel de fórmulas de financiamento, procedementos legais ou escollas de ferramentas tecnolóxicas. E adiantou a convocatoria nas vindeiras semanas dunha Marea Viva, un encontro cos movementos sociais da cidade. 

Nunha segunda sesión os distintos grupos debateron sobre a participación cidadá e a relación coas entidades e movementos sociais preexistentes, expoñendo as experiencias vividas até o momento por cada grupo no obxectivo de conectar coa cidadanía e facilitar a súa participación. Tamén se falou das distintas ferramentas comunicativas ao alcance das mareas, dende os métodos internos de traballo (a creación de grupos de traballo específicos de Comunicación que centralicen esta actividade) ás novas ferramentas en rede para a relación interna entre as persoas adheridas, e os distintos grupos de traballo e para a toma de decisión.

Debateuse o estatus legal das candidaturas, os métodos posibles para a súa confección e a relación cos partidos políticos preexistentes

Xa na sesión da tarde, as distintas iniciativas debateron distintos asuntos relacionados coa constitución de candidaturas para as eleccións municipais, o seu estatus legal, os métodos posibles para a súa confección e a relación cos partidos políticos preexistentes. Os distintos grupos analizaron as respectivas experiencias de cada un nos encontros mantidos con partidos políticos, uns encontros con resultados distintos, que van dende a desconfianza até apoio expreso e a aposta polas mareas como fórmula para concorrer aos comicios como agrupacións de electores. Dous aspectos centraron esta parte do debate: as fórmulas para evitar que as mareas sexan controladas ou fagocitadas polos partidos, e a diferenciación entre estruturas de partido e bases do partido nas críticas que dende as candidaturas cidadás se lles realizan a estas forzas. Tamén se debateu a necesidade de evitar situar as mareas no esquema esquerda-dereita, asumindo uns "aliñamientos existentes" que só benefician ao poder.

Debatéronse tamén fórmulas de funcionamento das candidaturas, dende a convocatoria de primarias abertas, a limitación de mandatos até os mecanismos de revogación dos candidatos electos

Debatéronse tamén fórmulas de funcionamento das candidaturas, dende a convocatoria de primarias abertas, a limitación de mandatos até os mecanismos de revogación dos candidatos electos, elementos nos que existe un gran consenso entre todas as iniciativas, pero cuxa concreción práctica aínda necesita de debate, tanto no que respecta ao censo que podería votar nesas primarias ou nas fórmulas para asegurar equilibrios de xénero ou xeográficos. Tamén se puxeron sobre a mesa as distintas fórmulas para a concorrencia ás eleccións, como partido ou como agrupación de electores, e as consecuencias que isto pode ter para a representación nas deputacións provinciais.

Un dos últimos aspectos tratados foi o das distintas follas de ruta e calendario de traballo de cada iniciativa, comezando polas datas de celebración das eleccións primarias en cada cidade, un mecanismo que quedaría na maior parte dos casos para os primeiros meses de 2015, pero que noutras localidades, como Ames, poderían ter lugar antes de final de ano. Precisamente Ames Novo propuxo unha nova xuntanza en común que se podería celebrar en Bertamiráns en 14 días, o 25 de outubro. As distintas iniciativas comprometéronse a mater unha coordinación máis estreita a partir desta xuntanza, unha relación que incluirá tamén distintas actividades formativas para compartir ferramentas e métodos de funcionamento.

 

Críticas do PP ás mareas

Tellado sinalou que estas candidaturas de base "nin son cidadás nin son mareas", senón "os restos do naufraxio da esquerda"

Este sábado o portavoz do PPdeG, Miguel Tellado, atacou con dureza estas candidaturas cidadás a través dunha entrevista difundida pola axencia Europa Press, centrando nelas boa parte da entrevista e dos seus ataques aos grupos da oposición. Tellado sinalou que estas candidaturas de base "nin son cidadás nin son mareas", senón "os restos do naufraxio da esquerda" e acusou sobre todo a Esquerda Unida e Anova de "concorrer ás municipais disfrazadas ou camufladas detrás de mareas que eles mesmos dirixen".

Xuntanza das mareas cidadás galegas, este sábado na Coruña Dominio Público Marea de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.