"Coa súa submisión, Galiza corre o risco de perder o último tren". Nos actos de celebración do septuaxésimo aniversario da publicación do Sempre en Galiza o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicouse como "herdeiro" da obra referente de Alfonso Rodríguez Castelao. Setenta anos despois de que o libro, piar do nacionalismo galego, vise a luz en Bos Aires o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, accedeu cun exemplar do mesmo á tribuna do Parlamento para contrastalo coas, parafraseando a Castelao, "promesas electoreiras e transitorias" de Feijóo, incluíndo o "pulo democrático" prometido no inicio do debate de política xeral.
Para Jorquera ese pretendido impulso á democracia non será tal se non inclúe a posibilidade de que "a xente" poida "decidir" o seu futuro, tanto dende o que atinxe ao xeito de gobernárense os pobos como no referido a decisións da política cotián. "Hai que fomentar a participación a través das consultas populares", "para rexenerar a demoracia a RTVG non pode ser unha ferramenta de propaganda do Goberno" e "non poden cambiar a lei electoral sen consenso". Pero, sobre todo, subliña, para esa rexeneración cómpre "atacar as causas" da corrupción.
"Coa súa submisión, Galiza corre o risco de perder o último trens"
Nada disto será posible, subliña o voceiro nacionalista, se o Goberno galego segue actuando "tarde, mal e arrastro" e baseando o seu proceder en "declaracións de intencións". "Hai episodios no seu pasado que aínda non foron aclarados", di Jorquera, en referencia ás fotografías con Marcial Dorado, nun contexto no que tamén apela a "acabar coa política da porta xiratoria" e coa "privatización de servizos públicos", caldo de cultivo "para que o tráfico de influencias campe ás súas anchas".
"Poder decidir" fronte á crise
Francisco Jorquera enmarca a súa reclamación de maior poder de decisión para o país na necesidade de facerlle fronte ao "desastre económico e social que vive o noso país". "O centralismo foi sempre da man do recorte de liberdades e dereitos e vostede -dille ao presidente- está ao servizo dese proceso" e non "ao lado dos que sofren". Feijóo, lamenta, "non ten proxecto de Goberno nin de país", limítase "á administración do día a día, sen un horizonte que ofrecerlle ao pobo" e "contentándose" con "botarlle a outros a culpa". Mostra disto, ilustra, é a situación do sector naval e do último episodio vivido en Ferrol, "a cidade con máis pobreza de Galiza", que perdeu parte da construción flotel de Pelex mentres Feijóo "dixo que se enterou pola prensa".
"O centralismo sempre foi da man do recorte de liberdades e dereitos"
A enerxía renovable, a pesca ou a produción agraria son outros dos ámbitos nos que o Bloque ve urxente dotar a Galicia de poder de decisión pero tamén de financiamento, un ámbito para o que os nacionalistas reclaman a constitución dunha comisión no Parlamento. Outra comisión, a de investigación das caixas de aforro, é a que esixen reabrir tras a aparición de "novos datos que demostran as prácticas de saqueo" practicadas no que noutrora foron Caixanova, Caixa Galicia e Novacaixagalicia. Así e todo, Jorquera non amosa demasiada esperanza na resposta de Feijóo, que "preside un goberno autonómico, mais non cre no autogoberno".