Podemos define esta fin de semana o seu instrumento político

Asemblea de Podemos na Coruña Dominio Público Podemos A Coruña

Podemos celebra este sábado e domingo o encontro presencial da súa asemblea constituínte, en marcha dende hai un mes e que rematará o 15 de novembro. Máis de oito mil persoas encherán o Palacio de Vistalegre en Madrid e outras moitas máis seguirán os debates vía streaming dende as súas localidades. Deste complexo proceso debe saír afinado e definido o instrumento, a propia organización, coa que Podemos aspira a gañar as eleccións. Sobre a mesa unha multitude de debates programáticos, estratéxicos e organizativos, cuxa resolución será o resultado da posta en común de máis 250 textos.

Os máis importantes, ou cando menos os máis comentados: a conveniencia de presentarse ás eleccións municipais coa marca Podemos ou inseridos en candidaturas cidadás, a existencia da figura do secretario xeral, o número de voceiros oficiais do partido, a posibilidade da dobre militancia ou a periodicidade das asembleas. O prazo para a votación de resolucións rematará o sábado pola noite. A votación dos borradores levarase a cabo entre o luns 20 e o domingo 26, a través dunha plataforma online. Unha vez decidida a estrutura da organización, procederase á presentación dos e das candidatas (do 28 de outubro ao 5 de novembro), que manterán debates o sábado 8 de novembro. A votación das candidaturas levarase a cabo entre o 10 e o 14 de novembro.

O documento de Claro que Podemos (defendido por Pablo Iglesias, Iñigo Errejón, Carolina Bescansa, Juan Carlos Monedero, Luis Alegre e a eurodeputada Tania González) defende a creación da figura da Secretaría Xeral, o nomeamento dunha única persoa como voceira, un Consello de Coordinación (equivalente á Executiva noutros partidos) designado polo secretario xeral e un Consello Cidadán (o órgano de dirección) elixido por listas abertas. O texto de Sumando Podemos (defendido polos eurodeputados Pablo Echenique, Teresa Rodríguez e Lola Sánchez, así como por un gran número de círculos) rexeita crear esa Secretaría Xeral, aposta pola existencia de tres portavoces e por darlles máis autonomía aos círculos.

Raimundo Viejo: "Creo que Echenique e outra xente están cometendo un erro, que é crer que Podemos se pode pechar como partido"

En canto a este debate posto sobre a mesa, os dous grandes modelos de partido presentados, Raimundo Viejo (que se define como "a leal disidencia da liña oficial") achégase á proposta de Claro que Podemos e afirma que "hai xente que trata Podemos como o punto no que se pode resolver o problema, e insisten en democratizar Podemos naqueles aspectos nos que non está suficientemente democratizado. E pola contra outros vemos que Podemos é o punto de apoio sobre o que se pode provocar unha ruptura na que pode comezar a pensarse a solución institucional que resolve o problema". "Creo que Echenique e outra xente están cometendo un erro, que é crer que Podemos se pode pechar como partido, que ten que ter un congreso constituínte que constitúa Podemos, non que forme parte dun proceso de constitución máis amplo", engade.

Brais Fernández: "Ademais do dispositivo mediático focalizado en torno a Pablo Iglesias, tamén foi clave a outra forma de facer campaña: os círculos, o boca a boca, a proximidade"

Brais Fernández, que defende a posición de Sumando Podemos, cre que "os compañeiros do grupo nucleado en torno a Pablo Iglesias teñen unha estratexia que vincula o futuro de Podemos a unha vitoria electoral inmediata. E subordinan todo tipo de movementos baseados na organización a esa vitoria electoral". Neste senso defende "que o proceso é paralelo: que gañar as eleccións e a autoorganización popular deben ir coordinados de maneira simétrica, entendendo que gañar as eleccións non é suficiente para derrubar o réxime". E destaca que "ademais do dispositivo mediático focalizado en torno a Pablo, tamén foi clave a outra forma de facer campaña: os círculos, o boca a boca, a proximidade, esa visión inclusiva de Podemos, de que todos somos Podemos, participemos nun círculo ou non".

Neste senso Fernández teme que un partido demasiado centralizado, con menos autonomía para os círculos, fixese evaporar a forza que parte da base. "O risco que existe é que os círculo de Podemos se convertan só en comités electorais" -afirma- "Iso sería problemático, porque a xente organízase en Podemos para conquistar e exercer a democracia. Suporía abrir unha separación entre o que Podemos di e o que Podemos realmente fai". En calquera caso, advirte de que "non hai que infravalorar a capacidade dos círculos de autoorganizarse, mesmo se hai estruturas que non facilitan a súa autoorganización". E conclúe que "os círculos van seguir autoorganizados, porque hai moita xente que xa non está disposta a dar un paso atrás, a que a política sexa feita por outros, por moi brillantes e mediáticos que sexan. A pregunta é se a cúpula política de Podemos que saia desta asemblea vai facilitar dispositivos que promovan esta autoorganización".

"A clave é como se desborda Podemos, como se mira dos círculos cara fóra, non como se mira dos círculos cara a un centro novo de poder. Non se pode reproducir por enésima vez o peche das formas organizativas, que é propio dos partidos"

Pola contra, Raimundo Viejo afirma que Podemos "debe ser unha panca na que un comando mediático por unha banda e unha rede de círculos pola outra combinan unha dinámica de antagonismos sociais que permiten a superación da forma-partido". E cualifica de "erro" pensar que Podemos xa é o conxunto de xente sobre o que se pode articular unha organización política, "porque esa organización política transformaríase no PSOE nun prazo moito máis rápido do que se poida pensar". Viejo Vinhas reitera a metáfora de Podemos como "panca" ou "instrumento" para o cambio do sistema e conclúe que "a clave é como se desborda Podemos, como se mira dos círculos cara fóra, non como se mira dos círculos cara a un centro novo de poder. Non se pode reproducir por enésima vez o peche das formas organizativas, que é propio dos partidos".

"Moitas veces ponse o foco sobre Podemos coa esixencia de que hai que saír desta asemblea con todas as cuestións resoltas. Iso é imposible e sería moi pouco beneficioso para Podemos"

Trátase, indica Brais Fernández para rematar, dun "proceso complexo, como é normal nun partido-movemento que reflicte tantas contradicións e aspiracións". E destaca que "moitas veces ponse o foco sobre Podemos coa esixencia de que hai que saír desta asemblea con todas as cuestións resoltas. Iso é imposible e sería moi pouco beneficioso para Podemos". Porén, di, "os procesos de organización nunca rematan, nunca se acaban de pechar, e se se pechan é normalmente a través dunha acción burocrática. Os problemas vanse resolvendo a través da experiencia e da práctica e a propia práctica e a realidade vaiche impoñendo novos problemas a resolver que hoxe non están na axenda".

 

Que pensan os círculos da cidades galegas?

"A Asemblea será seguida por milleiros de persoas a través de Internet, persoas que ademais poderán participar e exercer o seu dereito a decidir o modelo de partido sen verse limitadas por cuestións de distancia ou aforamento"

O Círculo de Vigo destaca que a asemblea "vai ser multitudinaria. E non só pola participación presencial: será seguida por milleiros de persoas a través de Internet, persoas que ademais poderán participar e exercer o seu dereito a decidir o modelo de partido sen verse limitadas por cuestións de distancia ou aforamento. Será unha auténtica festa da democracia". De feito, tanto o círculo de Compostela coma o de Vigo xa convocaron aos e ás simpatizantes da formación para seguir conxuntamente, vía streaming, o desenvolvemento da asemblea. En Vigo será na cafetaría De 4 a 4 (rúa Girona, 16) e en Compostela no Mesón O Afiador (rúa de San Pedro, 28).

Dende Compostela destacan que "o Podemos que saia deste proceso será unha das ferramentas que vai facer posible este cambio, froito do debate e da posta en común de ideas entre todos e todas". Pola súa banda, o círculo de Lugo pensa que "Podemos vai saír fortalecido, non só da presencial que obviamente será un golpe mediático importante e unha mostra da capacidade de mobilización e organizativa de Podemos, senón de todo o proceso". Mentres, o círculo da Coruña chama a "construír con ilusión un Podemos plural, transparente, e reforzado", demostrando que "xuntos pódese”.

"O Podemos que saia deste proceso será unha das ferramentas que vai facer posible este cambio, froito do debate e da posta en común de ideas entre todos e todas"

Tamén dende Ferrol pensan que a formación sairá "fortalecida", permitindo que a partir desta asemblea se poidan "formular estratexias electorais, de comunicación e programáticas firmes", propoñendo ademais "obxectivos municipais". Conclúen que "sexa cal sexa" o borrador ou as propostas elixidas, "todos permitirán a organización democrática dos círculos".

De feito, os círculos non se mollan oficialmente sobre as distintas propostas presentadas á asemblea ou sobre os distintos modelos de organización postos sobre a mesa. A votación é estritamente individual e non queren "guiar" a opinión dos afiliados. Destacan, iso si, que "o debate é enriquecedor", como destaca o Círculo da Coruña, unha visión na que concoda o Círculo de Vigo: "Calquera debate que se formule de forma construtiva é enriquecedor. Agora mesmo está aberto un proceso de debate, no que é lóxico que aparezan distintas visións sobre o que debe ser Podemos. O que nos fai diferentes a outros partidos é que eses debates son moito máis participativos e abertos, xa que a construción de Podemos nos corresponde a todas e todos. A confrontación de ideas é a raíz da democracia e só pode enriquecer á organización, non debilitala".

"Resulta moi rechamante a forma en que os medios se esforzaron en pintar ese debate como unha guerra interna. Que hai máis democrático que debater?"

Dende Ferrol, faise unha crítica a que os medios de comunicación centren unicamente o debate na cuestión organizativa, e a que ademais a reduzan aos dous borradores apadriñados por Iglesias e Echenique: "hai 251 proposicións de todo tipo de temáticas: organizativas, éticas e políticas". De igual xeito, dende Vigo sinalan que "resulta moi rechamante a forma en que os medios se esforzaron en pintar ese debate como unha guerra interna", unha actitude que ao seu parecer "demostra o faltos de costumes democráticos que estamos neste país". "Que hai máis democrático que debater?", conclúen.

 

Que é Podemos?

Para Brais Fernández, “Podemos recolle as aspiracións dun sector moi amplo (e en ampliación) da poboación que está descontento co réxime do 78, a súa xestión concreta no ámbito das políticas públicas e polos resultados desas políticas: corrupción, paro, miseria xeneralizada... Podería definirse como un partido-movemento antirréxime e tamén un partido atrapatodo contra o réxime do 78". Raimundo Viejo, pola súa banda, rexeita a definición como movemento ou partido, con matices: "formalmente é un partido político, o que pasa que como partido político desborda a súa forma, o partido entendido como unha ferramenta institucional propia do réxime. Movemento tampouco é, porque un movemento carece precisamente da delimitación organizativa que Podemos ten". Para o politólogo galego afincado en Cataluña "a novidade é que a participación nos círculos é aberta á sociedade. E neste senso vai desbordando a forma clásica de partido". "O que ten de interesante é esa condición gramsciana do vello que non acaba de morrer e o novo que non acaba de nacer", conclúe.

En opinión de Brais Fernández, "o vector político de Podemos é a demanda que o 15M puxo nas rúas e que callou nos imaxinarios colectivos: que a través da democracia podemos resolver os nosos problemas, que a democracia non é un fin a acadar, senón tamén un medio para resolver os problemas políticos e sociais. O que ocorreu despois das eleccións do 25M é que todas esas aspiracións, descontentos e desafeccións que estaban latentes na sociedade, agora por primeira vez teñen un sitio no que expresarse. Pero a novidade é que á vez que se poden expresar, existe a perspectiva de poder gañar, de poder facer realidade esas aspiracións".

"Podemos apunta a unha formalización institucional das reivindicacións da xente que non estaban atendidas e que non se podían satisfacer no marco do réxime actual"

Raimundo Viejo salienta a importancia do contexto no que nace Podemos: "Podemos responde a unha situación de crise da política dos partidos, da vella política e a unha crise de réxime. Apunta a unha formalización institucional das reivindicacións da xente que non estaban atendidas e que non se podían satisfacer no marco do réxime actual, e moito máis despois da última reforma constitucional". "Podemos é tamén un termómetro da propia crise do réxime; o avance de Podemos é proporcional ao propio desgaste do bipartidismo", engade.

Asemblea de Podemos na Coruña Dominio Público Podemos A Coruña
Acción de Podemos en Vigo, na campaña electoral do 25M Dominio Público Podemos Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.