"É a primeira ocasión en que medran as contas da Administracón autonómica dende o ano 2009". É unha das ideas forza que a Xunta vén reiterando a respecto dos Orzamentos Xerais para 2015, que este luns comezaron a súa tramitación coa entrega do proxecto á presidenta do Parlamento por parte da conselleira de Facenda, Elena Muñoz. Durante os últimos anos o gabinete que dirixe Alberto Núñez Feijóo insistiu en que os recursos da Administración autonómica retrocederan, aproximadamente, a niveis do ano 2006, pero agora, por fin, inician a senda dun moderado crecemento. Se ben estas afirmacións son certas ao referirse ao conxunto do orzamento non é posible aplicalas a un dos ámbitos que o actual Goberno máis someteu aos recortes: a lingua e a cultura galegas, que nestes anos perderon, en conxunto, o 60% da súa dotación económica.
Nas contas públicas para o vindeiro ano estas partidas, ambas dependentes da Consellería de Cultura e Educación, suman 64,4 millóns de euros, dos que 57,7 corresponden a cultura e 6,7, á promoción da lingua galega. Fronte a múltiples partidas que en 2015 estarán un chisco máis folgadas, ás culturais réstanlles algo máis dun 5%, case 4 millóns de euros, mentres que as lingüísticas deixan polo camiño unha porcentaxe semellante que, traducida en diñeiro, supón algo máis de 300.000 euros de rebaixa.
Os fondos de promoción da lingua caeron case un 70% dende 2009
O ámbito da promoción do idioma propio, cuxo prognóstico en canto a número de falantes é notablemente máis pesimista que ao inicio do mandato de Feijóo, é o máis prexudicado por estas tesoiradas en termos porcentuais, tanto en comparación co período do Goberno bipartito como co Executivo de Manuel Fraga. Así, dende o retorno do PP a San Caetano os fondos para a normalización do galego pasaron de 21,5 millóns de euros en 2009 aos devanditos 6,7, un desplome de case o 70% que deixa a Secretaría Xeral de Política Lingüística nun nivel moi inferior ao do gabinete Fraga, do que Feijóo era vicepresidente e que no seu derradeiro orzamento dedicou 19,2 millóns a promocionar o galego.
Pola banda da cultura o panorama non é moito máis alentador, toda vez que o recorte destes anos supera o 59%, pasando de 141,06 millóns de euros de hai seis anos aos 57,7 incluídos no proxecto orzamentario de 2015. Como no caso da lingua o recorte orzamentario comezou xa en 2010, se ben a gran rebaixa produciuse a partir de 2012, cando as políticas culturais deixaron de ter Consellería de seu. Naquel ano a desaparecida Consellería de Cultura e Turismo xa pasara dos devanditos 141 millóns a 80,97. Un ano despois, xa fusionada con Educación, Cultura quedou en 61,7 millóns. En 2014 a súa dotación baixou menos dun 1% e no vindeiro ano perderá case 4 millóns.
Isto sucede nun contexto no que, a priori, a Consellería de Cultura podería dispoñer de máis fondos que hai un ano, toda vez que a Cidade da Cultura pasa de recibir 9,2 millóns de euros a algo menos de 7 millóns. Onde non haberá recorte ningún será na Fundación Camilo José Cela, rescatada pola Xunta en 2012 por mor da mala xestión dos seus responsables, que a levaron á creba. En 2015, igual que nos anos anteriores, recibirá 257.294 euros das arcas públicas galegas.