As leis de acompañamento dos orzamentos son unha técnica normativa tan legal como cuestionada. Non son poucas as persoas que dende o ámbito económico e político cuestionan a idoneidade destas normas que, tramitadas e aprobadas simultaneamente coas contas anuais dalgunhas administracións, adoitan traer consigo disposicións que pouco ou nada teñen que ver co orzamento. No caso galego, tras uns anos de desaparición o retorno do PP ao poder supuxo tamén a volta á oficialmente chamada "lei de medidas fiscais e administrativas", cuxa utilización volveu ser criticada este mércores por PSdeG e AGE. Para 2015, a normativa anexa aos Orzamentos Xerais da Xunta permite coar no ordenamento xurídico do país, entre outras cuestións, unha autorización para abrir novos casinos.
Para realizar esta operación o capítulo III do título II da lei de acompañamento implica unha reforma da lei de xogos e apostas. A norma, promulgada en 1985, estipula que só pode haber un casino por provincia e, ademais, este deberá, "en todo caso, contar nun radio de 25 quilómetros" cun "asentamento de poboación superior aos 300.000 habitantes". Así, na práctica, a Xunta puña os marcos para que só puidese haber dous casinos en Galicia: un na contorna de Vigo e outro, na da Coruña. Tras anos de reclamacións do sector do xogo e de globos sonda do Goberno galego, isto vai cambiar.
Os novos casinos terán a consideración legal de "sala adicional" dos xa existentes
A devandita restrición de 1985 permanecerá intacta na lei que, non obstante, verá incrementado o seu texto con dous puntos no artigo 8. Neles a Xunta sinala que "poderá autorizarse a cada un dos casinos de xogo a instalación e funcionamento dunha sala adicional". A particularidade desta "sala adicional" é que pode estar "fóra do recinto ou complexo onde estea situado o casino", concretamente, en calquera outro sitio sempre que estea "dentro da mesma provincia". Así as cousas, serán dous casinos que legamente constarán como un só. "Dita sala -continúa a lei de acompañamento- funcionará como apéndice do casino do que forme parte" e nela "poderán practicarse todos os xogos autorizados para casino".
Porta aberta para un casino en Vigo
Esta reforma legal abre a porta de par en par á que vén sendo unha reclamación histórica do sector do xogo e, máis concretamente, das empresas propietarias do Casino La Toja, situado na illa da Toxa. Cirsa e Egasa veñen premendo dende hai tempo para poderen abrir un novo casino en Vigo, apertura rexeitada en 2012 polo Tribunal Supremo porque, precisamente, batía coa lei. Así, por exemplo, xa en 2013 o presidente de Egasa, José González, expresaba o seu desexo de abrir na cidade viguesa unha caste de sucursal da súa instalación da Toxa.
O casino da Toxa reclama dende hai anos poder expandirse a Vigo e a Xunta considérao un "instrumento para a dinamización económica"
Na liña destas reclamacións o vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, vén deslizando dende hai anos a súa disposición a atender a demanda. Deste xeito, durante unha visita a Vigo en 2011 Alfonso Rueda explicaba que a apertura dun casino na cidade suporía "un atractivo para a xente de fóra", caso por exemplo dos "cruceiristas". "Estámolo considerando, podería funcionar", admitía daquela o número dous de Feijóo, que vía na idea do casino vigués un "proxecto moi vantaxoso".
Agora os argumentarios dun e doutro ficarán plasmados na lei. Así, o Goberno indica na exposición de motivos da lei de acompañamento que a "posibilidade de abrir salas apéndice ou adicionais aos casinos autorizados" é un "instrumento para a dinamización da actividade económica". Un novo casino, asegura a Xunta, terá "impacto directo tanto no sector do xogo como noutros relacionados, sinaladamente no do turismo, coa ampliación da oferta de ocio".