O ex alcalde compostelán Ángel Currás, imputado por tráfico de influencias no caso Pokemon, abandonará a súa acta de concelleiro, e converterase no novo director en Galicia da empresa pública Tragsa. Esta decisión interprétase como un premio da dirección popular para o ex rexedor, que ocupará un posto moi cómodo e afastado dos focos mediáticos no que, ademais, percibirá un soldo mesmo superior ao que recibía como alcalde. O movemento supón tamén un alivio para o actual alcalde Agustín Hernández, que se libera dun evidente lastre na súa corporación, despois de que fose moi criticada publicamente a permanencia de Currás como responsable de Relacións Institucionais.
Esta decisión interprétase como un premio da dirección popular para o ex rexedor, que ocupará un posto moi cómodo e afastado dos focos mediáticos no que, ademais, percibirá un soldo mesmo superior ao que recibía como alcalde
Finalmente, a marcha de Ángel Currás tamén significará que só 5 dos 13 concelleiros populares terán sido elixidos pola cidadanía, pois o seu substituto ou substituta, esgotada xa a lista que o PP presentou en 2011, terá que ser un novo concelleiro ou concelleira non electa. Ademais do alcalde Agustín Hernández (número 25 na lista electoral popular), figura Marta González (número 24), ademais de Reyes Leis, Luis Meijide e José Manuel Rosende. Son os únicos concelleiros escollidos por votación popular.
O nome de Currás soou durante os últimos meses para ocupar a dirección do Consorcio, que seguirá vacante, ou para algún cargo diplomático. Finalmente, pasará a dirixir en Galicia Tragsa, a empresa de xestión de obras e servizos que forma parte da Sociedad Estatal de Participacións Industriais (SEPI). Currás substituirá en Tragsa a outro ex rexedor, César Aja (que foi alcalde de Viveiro), que dende este verán traballa como conselleiro do Ministerio de Educación para Turquía, Rumanía, Hungría e Bulgaria. A outra coincidencia entre Currás e Aja é que este tamén estivo imputado, acusado de malversación de fondos públicos por pagar até seis mil euros en marisco cunha tarxeta do Concello.
A marcha de Currás suscitou reaccións moi distintas no PP e nos grupos da oposición. O vicepresidente da Xunta e número dous do PPdeG, Alfonso Rueda, afirmou que non entende o nomeamento "como un premio" senón como "o peche da súa etapa no concello". Pola contra, dende PSdeG-PSOE, AGE e BNG a decisión foi recibida con críticas. Yolanda Díaz cualificou de "indecentes" estes movementos e criticou as "portas xiratorias". Para Díaz, a "un alcalde corrupto, un delincuente", agora "atópanlle un posto marabilloso pola porta de atrás nunha empresa pública como Tragsa".
Quen tamén reaccionaron foron as seccións sindicais de CC.OO. en Tragsa e Tragsatec, que emitiron un comunicado no que sinalan que a fichaxe de "presuntos delincuentes" supón "un insulto". "Que a Dirección do Grupo Tragsa decida acoller e protexer presuntos delincuentes nunha empresa financiada exclusivamente con fondos públicos debería supor a inmediata intervención da SEPI e o cese inmediato non só de Ángel Currás, senón tamén do presidente e secretario xeral do Grupo Tragsa, Miguel Giménez de Córdoba e José Manuel Díez Quintanilla", sinalaron.