Feijóo deféndese da trama dos cursos presumindo de liderar a loita contra a corrupción

Núñez Feijóo, no Parlamento © Xoán Crespo

Feijóo deféndese atacando. Ante as diferentes informacións do sumario da operación Zeta -que investiga a trama dos cursos falsos de emprego- que o salpican, o presidente da Xunta presume de liderar xunto ao seu Goberno a loita contra a corrupción e incluso asegura que a investigación que se está a levar a cabo é grazas ás denuncias que fixo o seu Executivo. Na sesión de control no Parlamento nada especificou de que medidas tomar contra este e outros casos, pero si chegou a utilizar unha frase na que sae citado no sumario para advertir que el será "clave" nesa suposta loita contra as prácticas corruptas.

Feijóo aparece no sumario citado como "clave" e el responde que será "clave" na loita contra a corrupción

“Gerardo, el jueves 7. A las 5,30 en Génova, despacho Ana Pastor. Marga [directiva das empresas investigadas] y tú. Un saludo. Feijóo va a ser clave”. Así se pode ler no sumario da operación Zeta nunha conversa extraída dunha mensaxe enviada a Gerardo Crespo, presunto líder da trama, por Pachi Lucas, recoñecido amigo do presidente da Xunta e suposto "conseguidor" da rede corrupta. Francisco Jorquera, voceiro do BNG, mostrou tamén unha fotografía na que Lucas aparece xunto a Mariano Rajoy, José Luis Louzán, Alfonso Rueda e o propio Núñez Feijóo na praza de touros de Pontevedra. Pero a resposta foi sempre a mesma: presumir de integridade e atacar o bipartito.

"Este goberno é o único que puxo en coñecemento do fiscal o que pasaba, mentres vostedes (en referencia ao bipartito) deron un 30% máis de axudas a estas empresas, ata seis millóns de euros; súmese a esta actuación impecable desde o punto de vista da Fiscalía", chegoulle a responder Feijóo a Jorquera logo de que este lle amosase a fotografía e pedise incluso a súa dimisión ante a descuberta da que considera unha "trama de financiamento irregular" do PP e despois de que o sumario desvelase tamén como a contable de Crespo admitía que sacou cartos da caixa B para pagar en sobres aos populares.

O presidente deféndese atacando o bipartito, ao que adcusa de "dar un 30% máis de axudas" ás empresas vinculadas á trama

O BNG, ao igual que outros grupos, recordáronlle a Feijóo a morea de cargos e militantes do PP citados no sumario, pero o presidente teimou en presumir de eficacia contra a corrupción. "Neste momento todos os cursos de formación son investigados e en 2010 creouse un servizo para investigalos, algo que antes non existía", dixo, asegurando mesmo que "non é normal" que este sumario "non saíse na anterior lexislatura". "Todo o mundo mirou para outro lado ata que este Goberno quixo investigalo", engadiu.

O BNG mostroulle a Feijóo unha fotografía na que o "conseguidor" da trama aparece xunto a el, Rajoy, Louzán e Rueda

Pero Jorquera lembroulle que foron funcionarios e ex traballadores os que desvelaron a trama corrupta dos cursos de formación que implica a Romay Beccaría ou Carlos Negreira e que aínda en 2013 a Xunta llelos concedeu ás empresas implicadas. Feijóo contestou acusando o bipartito de adxudicar tamén cursos co goberno en funcións e incluso aludindo a correos que no sumario desvelarían conversas entre membros do anterior executivo de coalición e directivos das compañías investigadas. "Seguirei actuando afecte a quen afecte", volveu presumir o presidente, que nada dixo, non obstante, de que nova medidas pretende tomar. "Se vostedes tivesen actuado na anterior lexislatura, isto teríase parado", asegurou antes de que a voceira de AGE, Yolanda Díaz, lle preguntase se el era "o home X" desta trama.

"Ler a prensa hoxe dá terror", afirmou Díaz, que acusou o PP de "prácticas corruptas e do carrexo de xente impedida a votar", unha situación que tamén se está a investigar e pola que reclamou dimisións, algo que tampouco aclarou nin respondeu Feijóo. Tampouco advertiu novas medidas sobre a corrupción ao ser requirido polo portavoz socialista, José Luis Méndez Romeu, que lle preguntou se "non vai dar ningunha explicación" logo de que o nome do presidente "apareza nomeado nos sumarios". "Vostede evita acordos serios e limítase a xestos, pero pedir perdón non é dabondo".

Feijóo evita dar explicacións e tira balóns fóra propoñendo un pacto anticorrupción ao PSdeG

E Feijóo volveu tirar balóns fóra, sacando da manga esta vez a proposta dun pacto anticorrupción ao PSdeG en Galicia e presumindo das dez medidas de rexeneración democrática presentadas no Debate do Estado da Autonomía. "O seu partido debería ter un mínimo de autonomía para poder pactar aquí; sigo esperando ese pacto e agardo que se poida facer cos grupos de Galicia; se non están dispostos non nos faga perder o tempo. Nós levamos estes temas á Fiscalía e vostedes non fixeron nada", insistiu.

Foto mostrada polo BNG no Parlamento © BNG
Núñez Feijóo, no Parlamento © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.