A Policía achaca as "falsidades" da trama Zeta ao "nulo" control da Administración

Táboa da contabilidade da presunta trama coas 'devolucións' de cartos públicos CC-BY-SA Praza Pública

"Un sistema organizado e coordinado para conseguir fondos públicos, falseando requisitos, condicións e documentos con tal fin, e unha vez obtidos estes fondos, malversándoos con pactos ilícitos para o seu reparto e posterior uso privativo". Así resume a Unidade de Delincuencia Económica e Financeira (UDEF) da Policía a base da Operación Zeta, a presunta trama de "fraude premeditada" de subvencións e contratos públicos que, supostamente, tiña como núcleo as empresas e asociacións do empresario coruñés Gerardo Crespo. Esta "operativa ilícita" xirou "permanentemente en torno a unha fraude premeditada" baseada en "falsidades" que, para os investigadores, estivo facilitada en boa medida pola "inacción no control" por parte das Administracións públicas, tanto das estatais como, especialmente, da Xunta.

A investigación do caso ten coñecemento desta "comisión de condutas fraudulentas de natureza penal", que dá por "plenamente confirmadas", tras a denuncia de dúas ex empregadas da Confederación de Autónomos y Profesionales de España (CAYPE). Segundo consta no sumario do caso, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, o caso estoura non pola actuación do Goberno galego ante a Fiscalía, como está a suxerir o presidente da Xunta nos últimos días, senón pola exposición "dun conxunto de irregularidades" observadas por estas persoas "na obtención e xustificación de subvencións públicas" que levou os axentes ata o grupo Azetanet, encabezado por Gerardo Crespo.

A Policía detectou unha "inacción no control" da correcta execución das subvencións

Con estas primeiras pezas sobre a mesa os seguintes pasos servíronlle á UDEF para considerar que Crespo "xestionaba un conxunto de fundacións ou asociacións de defensa de autónomos discapacitados", supostamente sen ánimo de lucro, que realmente tiñan como "única actividade seren solicitantes e beneficiarias directas de subvencións". Os cartos públicos eran solicitados por entes como a Fundación para El Desarrollo de la Empleabilidad (FUNDEFO), Asociación de Empresarios Discapacitados de Galicia (AED Galicia) ou Asociación de Trabajadores Autónomos Discapacitados de España (ATRADE), entre outras. Os picazos telefónicos, din os axentes, amosan como Crespo "daba ordes aos seus empregados para crear novas entidades asociativas ficticias" que estaba, en última instancia, baixo a súa "permanente supervisión".

O 'modus operandi'

Neste contexto, as siglas dunhas e outras entidades eran, practicamente, o de menos. Sempre segundo os informes contidos no sumario, as organizacións sen ánimo de lucro que presidía Crespo obtiñan subsidios para a formación e, acto seguido, as súas propias empresas "executaban de maneira subcontratada a formación subvencionada", o que para a Policía é unha "clara contravención" da lei de subvencións. Este xeito de proceder era "un medio de alimentar a actividade do grupo empresarial" de Crespo "e por tanto, o seu patrimonio final", toda vez que "todos os ingresos dunhas e outras ían á mesma caixa". Como CAYPE, resaltan, "estas entidades non tiñan ningunha actividade asociativa". O seu "verdadeiro propósito" era "a caza de cartos públicos".

O "verdadeiro propósito" da trama era "a caza de cartos públicos" sen impartir os cursos subvencionados

Xunto a este circuíto entre empresas e asociacións de Crespo figuran outras pezas da suposta trama: os "clientes externos". Trátase de entidades receptoras de subvencións para a formación, que a contrataban coas empresas de Crespo. Estas, pola súa banda, devolvíanlles unha parte do que inicialmente lles cobraban, toda vez que non lles prestaran "servizo ningún". O que ía e viña eran, en todo caso, cartos públicos, se ben as "devolucións" tiñan formas diveresas: "en metálico", coa "emisión de facturas falsas" ou en "dádivas de distinta especie" que chegaban ata o 50% do total da subvención, o que "lle permitiría a Gerardo captar clientes receptores de substanciosas subvencións periódicas e a estes, a obtención de importantes cantidades económicas procedentes inicialmente do erario".

E, quen eran estes clientes? Asociacións de autónomos como CAYPE, onde comezou todo, A Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA), a Confederación de Empresarios de Hostelería de Galicia, a Asociación de Hostelería da Provincia da Coruña, a Federación de Clínicas Privadas ou "sindicatos como USO Galicia". A trama puido medrar, din os axentes, porque "todos os clientes que executaban subvencións con Azetanet recibían devolucións ilícitas". De todo isto derivaba o "enriquecemento" de Crespo e o medre dos cartos gardados na súa "caixa B", alcumada polo empresario como "a KGB".

Unha "farsa" asociativa sen control

A Policía chega a estas conclusións, entre outras vías, a través das conversas telefónicas intervidas aos presuntos líderes da trama, "en moitas ocasións tan explícitas que non deixaban marxe para a interpretación". Así, pore xemplo, Crespo e os seus colaboradores, como o presidente de CAYPE, Eliseo Calviño, e o presidente de FEAGA, Francisco Pérez Bello, "recoñecen abertamente que as asociacións de autónomos" que recibían "decenas de millóns de euros" eran "unha montaxe ou unha farsa" e que "mentían como un cosaco". Así, por exemplo, nesas conversas menciónase "a falta de auténticos autónomos asociados" a estas entidades, unha carencia que se cubría coa "compra de bases de datos de autónomos a empresas de Internet" ou o "uso de sedes ficticias".

Para chegar con fluidez ás autoridades Crespo utilizaba, supostamente, ao coñecido como Pachi Lucas, amigo de Feijóo

Para poder cometer este "múltiples ilícitos penais" a Policía ve fundamental o recorrente contacto entre Gerardo Crespo e "relevantes cargos políticos". Nas escoitas, di a UDEF, Crespo "recoñecía que a Administración autonómica nunca lle controlara a execución dos seus cursos" ata marzo de 2012 cando, coa investigación xa en marcha a raíz da denuncia das dúas empregadas, Traballo lle "revogou cinco plans integrais de emprego". As relacións de Crespo cos políticos tiñan a "finalidade de facilitar a concesión de cursos e subvencións ou o levantamento de trabas ás mesmas", así como o "presunto amaño de procedementos de adxudicación negociados". Para chegar con fluidez ás autoridades, di a investigación, Crespo apoiábase en boa medida en Francisco Ramón de Lucas, coñecido como Pachi Lucas, empresario madrileño imputado no caso que supostamente recibía "un diñeiro pola práctica de xestións" e que, segundo detallou El País, é amigo persoal do presidente da Xunta. 

Artigo de Gerardo Crespo na revista de Caype, en 2011 © Caype

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.