Feijóo evita aclarar a relación que mantén con 'Pachi' Lucas

Núñez Feijoo, este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello © Conchi Paz

"Entendo que o que os galegos queren saber, e no que imos seguir insistindo é en que a efectos de sumarios non hai amigos nin inimigos; dáme igual quen estea nunha investigación, imos investigar igual. Dáme exactamente igual quen estea ou non estea. Non hai diferenciación entre uns e outros, non hai distinción coas leis". Foi o máis semellante a unha explicación concreta sobre a relación que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, mantén ou mantivo con Francisco Ramón de Lucas, coñecido como Pachi Lucas, suposto conseguidor da trama investigada na Operación Zeta

En seis ocasións Feijoo foi preguntado polos xornalistas sobre o nivel de coñecemento ou trato que mantiña con Francisco Ramón de Lucas e outras tantas veces evitou aclarar esta cuestión

En seis ocasións Feijoo foi preguntado polos xornalistas sobre os recentes casos de corrupción, sobre todo sobre a Operación Zeta, e outras tantas veces o presidente da Xunta evitou aclarar o nivel de coñecemento ou trato que mantiña con este empresario madrileño imputado no caso. Tamén foi preguntado por unhas declaracións, que constan no sumario do caso, que o sinalan como "clave" na trama. O presidente da Xunta sinalou que polo que lle "contaron" (xa que -dixo- "non teño tempo para andar lendo o sumario"), ese fragmento podería estar "manipulado", e afirmou que no sumario faltan folios intermedios.

O presidente da Xunta defendeu que "foi o Goberno galego" o que denunciou estas actuacións, e destacou que foi a "única administración" que o puxo en coñecemento da Fiscalía. "A Xunta non é a denunciada, é quen denuncia; as denunciadas son estas 26 empresas", engadiu. Aproveitou, así mesmo, para atacar o Goberno bipartito, sinalando que non ten dúbidas "de momento" da "honorabilidade" do "Goberno que me precedeu".

Preguntado polas peticións de "perdón" realizadas nos últimos días por Mariano Rajoy e Esperanza Aguirre por mor dos casos de corrupción que afectan ao Partido Popular, Núñez Feijoo asegurou que "sen dúbida hai que pedir perdón" pero engadiu que "é mellor facelo que pedilo" e que "hai que pedir perdón actuando, denunciando os feitos".

Núñez Feijoo asegurou que "sen dúbida hai que pedir perdón" pero engadiu que "é mellor facelo que pedilo" e que "hai que pedir perdón actuando, denunciando os feitos"

Na rolda de prensa tamén reiterou (como adiantara este mércores no Parlamento) que non ten "noticia" de que Ángel Currás vaia ser designado como delegado de Tragsa en Galicia e sinalou que entende que o ex rexedor compostelán continuará como concelleiro "pois a el pertence a acta e non ao partido", aínda que -concluíu- pode volver ao seu posto de catedrático de instituto "cando queira".

 

Reaccións de AGE e BNG

O portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, que este xoves ofrecía unha rolda de prensa sobre o "déficit de tarifa eléctrica" afirmou, preguntado polos novos casos de corrupción coñecidos, entre eles os desvelados pola Operación Zeta, que xa non os pode ver porque "hai tanta merda" que o impide. Beiras presentou unha iniciativa baseada nun traballo de investigación que "demostra" a "estafa coa que as compañías eléctricas están a roubar á cidadanía" botando man "dun suposto déficit de tarifa fraudulento e amparado polo goberno estatal e galego".

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, valorou como "total e absolutamente insuficientes" as explicacións de Núñez Feijóo sobre os casos de corrupción e reclamou a creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego sobre as revelacións da operación Zeta. Jorquera considera que Feijóo ten que "asumir responsabilidades" e, tal e como fai o PP en Andalucía co "escándalo dos ERE", propiciar unha investigación.

Núñez Feijoo, este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.