A "intermediación" de Gerardo Crespo con Carlos Negreira

Feijóo e Negreira, no mitin do 12 de maio na Coruña © PP A Coruña

O alcalde da Coruña e presidente do PP na provincia, Carlos Negreira, negou este mesmo mércores nunha entrevista en Radio Coruña que tivese algunha vinculación co empresario Gerardo Crespo, o líder da trama de corrupción de cursos falsos que investiga a operación Zeta, "máis aló da que se mantén como calquera outro representante de veciños". Non opinan o mesmo os investigadores, que no sumario ao que tivo acceso Praza dan conta do "nivel de relacións" que ten o empresario con importantes cargos públicos, entre eles o rexedor, ao que chega a "realizar funcións de intermediación da súa axenda".

Os investigadores falan do "nivel de relacións" de Crespo que chega a "realizar funcións de intermediación" da axenda de Negreira

Chega a esta conclusión a policía logo de que Crespo exerza de intermediario entre o responsable do sindicato USO en Galicia e o alcalde da Coruña para lograrlle ao primeiro deles unha cita co rexedor. "Que hablaremos le dije... Esta semana estoy a tope", respóndelle ao líder da trama Carlos Negreira, que admite que existen no sumario once mensaxes telefónicas enviadas por Crespo ao seu teléfono, "a maioría non contestadas". Esta si.

"Deixoume tirado cando comezaron as escoitas", revela Crespo sobre Negreira nunha entrevista en La Opinión. Certo que o sumario non dá conta dunha relación demasiado fluída, pero si deixa entrever unha anterior moito máis estreita. Son os investigadores os que falan dun "posible labor de intermediación" por parte do empresario entre as persoas interesadas en contactar co alcalde e o propio rexedor. Nunha conversa gravada, ofrécelle colaboración a un coñecido para facer "gestiones con Carlos [Negreira] y con quien veas". "Tras tu reunión con Negreira, ¿puedo yo mantener la mía?", pregúntalle o interlocutor.

A confianza e a petición de favores era tal que Gerardo Crespo chama directamente á secretaria do alcalde da Coruña para informala da situación de diferentes procesos de adxudicación de servizos municipais, advertíndolle de que a súa empresa se presentou a un de Consumo "Para que lo sepa", dille. "Hay un proceso negociado que durante años estábamos llevando nosotros, el de bibliotecas, y no nos han invitado. Cuando nos hemos enterado... Se lo han dado a otra empresa [...] y el técnico del ayuntamiento es el primer sorprendido. Ahora nos hemos presentado a otro tema de la Oficina de Consumo, para que lo sepa".

O empresario que lidera a trama advirte á secretaria do alcalde dos procesos municipais aos que opta a súa empresa

Antes, o empresario xa se encargara de mandarlle un SMS ao rexedor: "Hola. Desde hace años llevamos los cursos de bibliotecas del ayunt. y siempre nos invitaban al negociado; lo sabe el técnico... Y este año no. Un abrazo".

Tan só uns días máis tarde, e segundo as conversas telefónicas intervidas, os propios investigadores advirten de que se intenta "amañar" un proceso de adxudicación "dun servizo vinculado con Consumo, a realizar a través dun procedemento negociado sen publicidade e no que se vai presentar algunha das empresas de Gerardo Crespo". Refírense á Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC). Tal e como revela a policía, a idea é presentar outras dúas "empresas amigas" para "formalizar unha apariencia de concorrencia nun proceso de adxudicación xa decidido que finalmente recaerá presuntamente a favor da empresa de Gerardo".

A policía advirte que Crespo intenta "amañar" unha adxudicación co Concello presentando "dúas empresas amigas" para "aparentar concorrencia"

A conversa é entre unha empregada da súa empresa e o propio Crespo. "Estamos con el tema de Consumo y nos piden dos empresas más [...] Nos vamos a presentar nosotros y dos empresas más... amigas", admítelle, supoñendo que é no propio Concello onde llelo solicitan. De feito, os investigadores aseguran que esta chamada "hai que poñela en relación cos sms enviados por Gerardo Crespo a Negreira e coa chamada do mesmo día mantida entre o mesmo Crespo e a secretaria do alcalde".

Dúas horas "con el señor alcalde de La Coruña"

Ademais, Eliseo Calviño, outro dos implicados na operación Zeta -responsable de Caype e outro dos líderes da trama-, presume tamén da súa relación con Negreira. Nunha chamada ao seu amigo e socio, Gerardo Crespo, anúncialle que estivo "como dos horas y media con nuestro amigo... Con Carlos, con el señor alcalde de La Coruña" e faino "mostrando a súa satisfacción", tal e como din os investigadores. "Dos horas y media, eh? Muy bien, él muy bien como siempre, lo que pasa es que, claro, él tiene que ser muy bien, pues con todos. Yo creo que hay algunas cosas que le quedaron claras, eh?... De alguna le sorprendió mucho...Y vamos a ver... Pero ya hablaremos de eso".

"Estuve dos horas con nuestro amigo, con Carlos Negreira; muy bien como siempre [...] Hay cosas que le quedaron claras", dille Calviño a Crespo

A xuntanza entre Negreira e Calviño, así como a conversa telefónica co seu socio, teñen lugar poucos días despois de que Gerardo Crespo advirta á secretaria do alcalde de que unha das súas compañías se presentou a un proceso da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) e tan só uns días antes de que unha empregada advirta ao empresario de que hai que presentar "dúas empresas amigas" a un proceso de adxudicación. Segundo conversas posteriores, o líder da trama lamenta que non lograse a adxudicación deste proceso e así llo recrimina a responsables do Concello.

Segundo outras informacións xa publicadas, este non é o primeiro intento de amaño de contratos relacionados con institucións de Consumo por parte de Crespo. Correos atopados pola policía demostran como responsables do Instituto Galego de Consumo arranxaron contratos con Crespo, que pactaba as condicións para que as súas empresas fosen as adxudicatarias.

"Me siento amparado y muy feliz del alcalde amigo que tengo", dille Crespo a Negreira nunha mensaxe

O que é evidente para os investigadores é que Crespo pasa tempo "presionando" a Carlos Negreira "co obxecto de conseguir máis adxudicacións". "Me siento abandonado [...] Abrazos", dille o empresario. Logo de que o líder da trama advirta no Concello de que non está a ser informado de diferentes concursos. Pouco despois, o rexedor envíalle outro SMS: "Ok Gerardo... Abrazos". Noutra conversa posterior con responsables en María Pita, o líder da trama asegura que "al alcalde le joroba" que el non sexa informado de diferentes procesos.

Logo de que o líder da trama corrupta insista en varias conversas con persoal do Concello achegado ao alcalde, decide enviarlle outra mensaxe telefónica a Negreira. "Me siento amparado y muy feliz del alcalde amigo que tengo", ponlle nun deses sms. Os investigadores entenden que Crespo "parece estar máis contento co alcalde" logo de contactar coa administración local, "aínda que este non lle contesta". Non o fai nese momento, pero si horas despois: "Abrazos... le paso el mensaje a "programación"... Nos vemos pronto!! Buen fin de semana!!". Unha relación que parece demasiado cordial para ser a que se mantén "con calquera dirixente veciñal".

O alcalde da Coruña, na entrevista en Radio Coruña, pídelle a Crespo que deixe "o resentimento e remordemento" e que se centre "na súa defensa". O empresario, pola súa banda, asegura na entrevista en La Opinión, que fixo moitos favores políticos e carga con dureza contra o alcalde, advertindo ademais que dará conta de todo ao xuíz cando sexa chamado a declarar.

Gerardo Crespo © Xunta
Feijóo e Negreira, no mitin do 12 de maio na Coruña © PP A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.