Se o calendario non muda, dentro dun ano o Estado estará en plena campaña electoral para as eleccións a Cortes Xerais. Estes derradeiros doce meses estarán marcados, como acontece dende os pasados comicios europeos, polos cambios no taboleiro electoral que provoca a irrupción de novas forzas e o trasvase de apoios cara a estas en detrimento das organizacións consideradas máis tradicionais, especialmente o PP e o PSOE. Este clima é o que reflectiron nas últimas semanas, por exemplo, os estudos demoscópicos de Metroscopia e do Centro de Investigacións Sociolóxicas. Pero, que acontece se abrimos o foco un chisco máis e, no canto de botar man destas dúas fontes, trazamos un debuxo apoiado en máis dunha vintena delas? O resultado, entre outros aspectos, é que Podemos xa é a primeira forza en voto directo e que o PP sofre un verdadeiro desplome, perdendo 20 puntos a respecto das eleccións que gañou en 2011 con Mariano Rajoy á fronte.
O consultor e analista Carlos Neira vén realizando un seguimento dos inquéritos que ata 25 'casas' demoscópicas ofrecen dende as últimas eleccións xerais. Con estas radiografías do panorama político sobre a mesa Neira aplica para Praza Pública o método coñecido como house effects, isto é, abordar as estimacións de voto que elabora cada unha delas sen os nesgos resultantes da cociña, as ferramentas de análise que cada entidade demoscópica aplica para reflectir a realidade do xeito en que consideran máis acaído. Trátase, polo tanto, dunha ollada de amplo espectro cuxo resultado é que a forza encabezada por Pablo Iglesias xa sería quen de aglutinar maior porcentaxe de votos que populares e socialistas.
O ascenso de Podemos ao primeiro posto produciuse cadrando coa máis recente vaga de casos de corrupción
A principal conclusión é que Podemos irrompería nas súas primeiras xerais cun 25,3% dos votos, que convertirían o novo partido en primeira forza nun contexto de fonda crise do bipartidismo tradicional, especialmente pola banda do PP. No caso dos de Rajoy o 44,6% que lograron en 2011 pasaría a un 24,9% que os convertiría en segunda forza. Mentres, o PSOE ficaría desprazado a un terceiro posto co 23,1% dos votos, unha perda de algo máis de 5 puntos a respecto dos resultados acadados por Alfredo Pérez Rubalcaba hai tres anos. Os datos reflicten que Podemos estaría por diante do PSOE dende mediados de outubro e o sorpasso ao PP produciuse entre finais do pasado mes e antes do 2 de novembro, isto é, cadrando coa última vaga de casos de corrupción.
Estes números convidarían a falar dunha caste de tripartidismo no Estado, toda vez que pasaría a historia o tradicional esquema no que dúas grandes forzas aglutinan a maior parte dos sufraxios -sete de cada dez en 2011- cun terceiro competidor electoral que os segue a moita distancia. Así, segundo esta estimación de voto Podemos, PP e PSOE sumarían unha porcentaxe de voto semellante á que en 2011 tiveron populares e socialistas, no entorno do 73%, mentres que os partidos que agora lideran Rajoy e Pedro Sánchez ficarían un chisco por baixo do 50% do apoio cidadán. Este novo escenario prexudicaría tamén a Izquierda Unida, que pasaría dun 6,9% dos votos como terceira forza a ser a cuarta co 4,9%.
PP e PSOE non acadarían o 50% dos votos e o BNG lograría o 0,5%
Alén dos postos de cabeza, o panorama tamén se complica para outro partido con vocación estatal, UPyD, que retrocedería unhas décimas mentres entra no xogo Ciudadanos co 3,9% dos votos. Pola banda dereita este estudo outórgalle o 1,5% dos votos a Vox, formación que ficaría, así e todo, por tras dunha CiU en retroceso e dunha Esquerra Republicana á alza, toda vez que a formación que preside Oriol Junqueras acadaría o 2,6% do apoio electoral, medrando máis dun punto a respecto da última convocatoria de eleccións a Cortes Xerais. En Euskadi o PNV retrocedería levemente, o que lle acontece tamén a Amaiur. No caso de Galicia, o BNG quedaría co 0,5% do total dos votos válidos, unha redución de case tres décimas a respecto das últimas xerais.