Axudas a Crespo que a Xunta atribúe ao bipartito pagáronse con fondos aprobados polo PP

Axudas concedidas a entidades de Crespo en agosto e setembro de 2009, publicadas no DOG en febreiro de 2010 CC-BY-SA Praza Pública

Entre as diversas ideas forzas que a Xunta e o PP están a difundir a respecto da Operación Zeta dúas sobresaen sobre as demais: que foi o actual Goberno galego quen destapou a presunta fraude e que o bipartito de PSdeG e BNG lles adxudicou ás entidades de Gerardo Crespo máis fondos que os conservadores dende 2009. A primeira das afirmacións bate con datos incluídos no sumario, que constatan que a investigación comezou coa denuncia de dúas ex empregadas dunha das entidades da presunta rede, Caype, a finais de 2011. A segunda contrasta cunha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia en xaneiro de 2010, na que figura que as axudas que, segundo o Goberno galego, foron asignadas polo bipartito cando estaba en funcións, tiveron financiamento grazas a dúas ampliacións de crédito aprobadas en agosto e setembro de 2009, cando o PP xa volvera á Xunta. Estes datos, así como outros cálculos feitos públicos hoxe, levan o PSdeG a acusar o presidente da Xunta de "mentir" e esixirlle unha "desculpa pública".

As axudas que, segundo a versión oficial, foron responsabilidade exclusiva do bipartito, responden a unha orde da Consellería de Traballo de finais de 2008 para financiar plans integrados de emprego que viu a luz no DOG do 19 de xaneiro de 2009. Segundo afirmou Alberto Núñez Feijóo, o 30 de marzo dese mesmo ano, isto é, despois das eleccións que el mesmo gañou, o conselleiro socialista Ricardo Varela, xa en funcións, "deixou asinadas" as axudas. No entanto, na base de datos da Consellería figura unha baremación destes subsidios nas que as entidades de Crespo que concorrían ás mesmas, Fundefo e Asociación de Empresarios Discapacitados, fican fóra do reparto.

O 28 de agosto Beatriz Mato, xa como conselleira de Traballo, asina unha primeira ampliación de crédito de 2 millóns de euros para esa orde de axudas por existir "outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins". O 30 de setembro Mato dita outra ampliación, desta volta de 2,4 millóns de euros, baseándose en que a situación económica requiría "accións urxentes e excepcionais" como o "ambicioso plan de choque contra a crise" que viña de arpobar a Xunta. "En desenvolvemento de dito plan" a Consellería "aposta por proporcionarlles aos traballadores e traballadoras programas" de formación e inserción e, por dispoñer de fondos, sumaba a nova cantidade para que as axudas chegasen "ao maior número de beneficiarios posibles".

A Xunta asegura que a asignación a Fundefo e AED quedou feita polo bipartito

Das axudas financiadas con cargo á ampliación de crédito do 28 de agosto resultou beneficiaria, entre outras, a entidade Fundefo, presidida por Crespo, cun importe de 325.600 euros. Entre as entidades que entraron no reparto sufragado coa ampliación do 30 de setembro está outra das entidades de Crespo, Asociación de Empresarios Discapacitados de Galicia (AED Galicia), no seu caso con 304.000 euros. Estas cantidades son, precisamente, as que segundo a Xunta deixou asignadas o  bipartito en funcións nunha decisión datada polo presidente no 30 de marzo de 2009. Esta data non figura nas resolucións publicadas no DOG nin no baremo previo.

"Feijóo deulles en dous anos máis que o bipartito nunha lexislatura"

Estas ampliacións de crédito son, para a secretaria de organización do PSdeG, Pilar Cancela -directora xeral de Relacións Laborais durante o bipartito-, unha das "mentiras" de Feijóo e Mato a respecto deste caso. "O bipartito, cando o Goberno entrou en funcións, non concedeu ningunha axuda a estas empresas", sinalou este venres en rolda de prensa, na que agregou ademais que as entidades de Crespo ficaran inicialmente "fóra" por "unha cuestión de puntuación. Crespo, subliña, logrou estas axudas grazas a "senllas ordes para engadir fondos" ditadas pola actual conselleira. "Ela -salienta- terá que explicar por que".

Asemade, Cancela tamén afirma que é "falso" que o anterior Goberno "lles dese a estas empresas un 30% máis de cartos que o Goberno de Feijóo". Segundo a número dous dos socialistas o PP "utiliza as táboas" dun informe de Traballo "para afirmar que o bipartito lles concedeu ás empresas de Crespo 4,6 millóns e xustificar que lles deu un 30% máis de axudas que eles". Os datos recompilados polo PSdeG, di Cancela, indican que "a conselleira lle endosa ao bipartito 217.456 euros que en realidade foran adxudicados polo Goberno de Fraga". En 2009, mantén, "adxudícalle" á coalición de socialistas e nacionalistas "629.000 euros que foron adxudicados polo Goberno de Feijóo".

O PSdeG acusa o Goberno de "endosarlle" ao bipartito axudas adxudicadas durante os mandatos de Fraga e Feijóo

"Segundo os datos recollidos no DOG -abonda Cancela- o Goberno Feijóo deulles a estas empresas en pouco máis de dous anos case un millón de euros máis que o bipartito en toda a lexislatura", circunstancia que cre especialmente rechamante porque "as partidas para formación do bipartito chegaron ata a triplicar as do PP". "Ademais -asegura- déronlles a estas empresas medio millón de euros en decembro de 2011, despois de coñecer as denuncias de irregularidades".

Os socialistas esixen unha desculpa pública do presidente e Rueda mantén que Feijóo "nunca mentiu"

Estes cálculos levan os socialistas a "esixirlle o presidente unha desculpa pública e unha rectificación inmediata por mentir en sede parlamentaria e por manipular datos oficiais" para "confundir e tentar lavar a súa imaxe a base de titulares falsos". Entre esas "falsidades" Cancela inclúe tamén "que eles fosen os primeiros en denunciar as irregularidades" ou que o bipartito asignase as axudas "sen inspección nin control", algo "gravemente falso", asegura, toda vez que "non se deu nin un só curso que non estivese sometido a control por parte da Administración, con informes e seguimento de cada un dos cursos" e controis adicionais, mantén, aos do período de Fraga.

"Non imos permitir que Feijóo e mato usen nun asunto de tal gravidade a única estratexia que coñecen, escudarse no bipartito", especialmente porque "estamos a falar dun posible financiamento irregular do PP e da relación directa do presidente da Xunta e dos seus altos cargos co presunto conseguidor da trama, Pachi Lucas, e o militante do PP Gerardo Crespo. "Queremos respostas serias", reclama, nun contexto no que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, retruca que Feijóo "nunca mentiu en sede Parlamentaria" e que os datos publicados polo actual Goberno "están nos acordos, nas actas e na documentación dos Consellos da Xunta". As "afirmacións" dos responsables populares na Cámara, asegura, son "axeitadas, correctas e verdadeiras".

Feijóo e Mato, nunha rolda de prensa © Ana Varela
Cancela, este venres en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.