A Xunta incluíu no seu "plan de choque" anticrise axudas a Crespo que agora atribúe ao bipartito

Comunicado da Xunta sobre o Plan de Choque, en 2010 CC-BY-SA Praza Pública

Algúns dos titulares que o gabinete do presidente da Xunta máis se esforzou en espallar duarnte os meses seguintes ao retorno do PP á Xunta en 2009 foron os vinculados ao seu "plan de choque" contra a crise económica. Alberto Núñez Feijóo reiteraba que fora quen de "reordenar" arredor dunha décima parte do orzamento que herdara do bipartito para "darlle pulo á economía galega para superar a crise e para compensar os seus efectos". "É o momento para que todos os que temos que ver coa situación económica poñamos toda a carne no asador", explicaba naqueles días a conselleira de Traballo, Beatriz Mato. Entre as medidas presentadas como parte daquel plan figura o incremento de fondos para os programas integrados de emprego, incluíndo axudas que foron parar a entidades dirixidas por Gerardo Crespo, presunto líder da trama Zeta, e que o Executivo popular atribúe agora en exclusiva, precisamente, ao Goberno de coalición de PSdeG e BNG.

Unha das liñas de defensa política da actual Xunta ante o escándalo pola suposta rede corrupta dedicada, segundo a Policía, a "cazar cartos públicos", vén consistindo en afirmar que o bipartito subvencionou máis a Crespo que o PP e que, ademais, lle adxudicou axudas co Goberno en funcións, tras perder os comicios do 1 de marzo de 2009. O gabinete popular apoia este argumento nunha proposta de adxudicación dos subsidios datada, segundo Feijóo, no día 30 do mesmo mes, e correspondente a axudas para plans de emprego convocadas a comezos de ano. Así e todo, como vén informando este diario, no baremo inicial das axudas as entidades de Crespo que concorrían ás mesmas -Fundefo e AED- quedaban fóra do reparto, ao que accederon tras a aprobación de senllas ampliacións de crédito aprobadas co PP xa no Goberno e asinadas pola actual conselleira de Traballo, Beatriz Mato.

No baremo inicial das axudas as entidades de Crespo ficaban sen fondos

A primeira ampliación, do 28 de agosto, xustificouse coa existencia de fondos adicionais que podían ser "utilizados para os mesmos fins" das subvencións. A segunda, do 30 de setembro, é a que foi presentada como parte do devandito "plan de choque" contra a crise. Así, na propia orde, Traballo explicaba que "a situación económica actual require do deseño e desenvolvemento de accións urxentes e excepcionais" para "mitigar as dificultades que están a pasar os galegos e galegas como consecuencia directa dos efectos da actual crise". "Neste contexto -continuaba- a Xunta puxo en marcha un ambicioso plan de choque contra a crise" no que Traballo "comprométese a desenvolver as medidas necesarias" para "reactivar o mercado laboral de Galicia".

A Xunta presentou a ampliación das axudas que beneficiou entidades ligadas á trama Zeta como parte do seu "ambicioso plan de choque contra a crise"

"En desenvolvemento de dito plan", agregaba o mesmo texto, o departamento de Mato apostaba, "entre outras políticas activas, por proporcionarlles aos traballadores programas combinados de información, orientación, formación e inserción laboral". Dado que había fondos dispoñibles, concluía, "cómpre realizar unha segunda ampliación do importe dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro" da orde que, efectivamente, deixara promulgada ao bipartito, para así "facelas chegar ao maior número de beneficiarios posibles". A primeira ampiación achegoulle 325.600 euros a Fundefo e a segunda, encadrada abertamente no "plan de choque", outorgoulle 304.000 euros a AED.

Poucos meses despois, en febreiro de 2010, a propia Beatriz Mato ofrecía unha rolda de prensa na que aseguraba que "máis de 30.000 traballadores galegos" se beneficiaran do "plan de choque", que servira para "consolidar ao redor de 24.800 empregos". "No eido do fomento do emprego -informaba daquela a Xunta- o plan de choque permitiu destinar 24,4 millóns á formación de traballadores, coa fin de mellorar a súa cualificación profesional". "Grazas a este investimento, realizáronse 1.320 cursos dos que se beneficiarios 15.828 persoas", resumía, nun balance que, obviamente, incluía o reparto de axudas que agora, segundo a versión oficial, foron responsabilidade exclusiva do bipartito.

Baremo das axudas procedente da base de datos de Traballo, coas entidades de Crespo excluídas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.