Vence prevé a inclusión de "persoas non militantes do BNG nos primeiros postos" das municipais

Vence (esquerda), no encontro organizado polo CXPG CC-BY-SA Praza Pública

"Candidaturas de amplo espectro". O vindeiro día 29 o Consello Nacional do BNG as propostas para a conformación dos "primeiros treitos" das listas electorais municipais nas sete principais cidades do país e tamén nos concellos actualmente gobernados polo Bloque. Serán nomes chamados a representar nos comicios de maio ás candidaturas BNG-Asembleas abertas, proceso que, di a dirección da formación frontista, está a procurar un "alargamento" da súa "base". Este espírito, asegura o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, percibirase xa neses "primeiros postos" que concorrerán aos comicios, nos que figurarán diversos nomes de "persoas que non militan no BNG".

No marco dun encontro informativo organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia o líder nacionalista asegurou este mércores que o proceso de asembleas iniciado o pasado verán veu sendo "aberto" e non só polo seu nome. A estas xuntanzas, mantén, achegáronse diversas persoas, que aínda sen formar parte da organización ou mesmo sen destacarse no pasado pola súa militancia nacionalista ven agora no BNG unha "ferramenta" para responder aos problemas cidadáns, como a "dinamización económica", o emprego ou a loita contra a corrupción. É un proceso, destaca, que "comeza e remata" nunhas asembleas que ademais, salienta, teñen a vocación de ser unha "ferramenta de diálogo continuado".

A "renovación" non impedirá "excepcións no criterio xeral" para dar "continuidade" a "proxectos" como os de Pontevedra ou Carballo

Esta "renovación", coa incorporación de caras novas e, nalgúns casos, mesmo inéditas na política institucional, non impedirá a continuidade dalgúns dos referentes locais do BNG. Así, Vence lembra que os propios estatutos da formación contemplan a posibilidade de introducir "excepcións" no "criterio xeral" de limitación de tres mandatos. Existen casos "máis que xustificados" para abrir a porta a estas excepcións, caso por exemplo dos alcaldes de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ou Carballo, Evencio Ferrero, para "darlles continuidade" a "proxectos" que son "emblemas" dos que o BNG sente especial "orgullo".

Operación Zeta

Alén do escenario previo ás eleccións municipais, no que Vence tamén lamenta que a alcaldesa da Bola anuncie a súa marcha do BNG por "razóns non demasiado claras", o líder do Bloque expresa a súa "preocupación" por que o debate político do país non estea centrado en "grandes retos" como a necesidade dun cambio de modelo económico ou o "esmorecemento" do tecido produtivo, así como pola "obvia estratexia de tinta de calamar" que o PP, acusa, está a desenvolver ante os casos de presunta corrupción e, nomeadamente, ante a Operación Zeta.

Vence insta a Feijóo a "deixar de sementar lixo para tapar a corrupción dos seus"

Altos cargos do partido que sustenta o Goberno, di o nacionalista, están "claramente involucrados en tramas de financiamento ilegal" e a súa "responsabilidade é obvia", así como a de "amigos íntimos" do presidente da Xunta, caso por exemplo do empresario Pachi Lucas. Despois de que, nos últimos días, o PP responsabilizase o bipartito de axudas a entidades de Gerardo Crespo que previamente presentara como parte do plan anticrise de Feijóo Vence insta o presidente a "deixar de sementar lixo para tapar casos de corrupción dos seus" e "empezar a depurar responsabilidades", a comezar "pola Consellería e a conselleira de Traballo".

Vence (esquerda), no encontro organizado polo CXPG CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.