A corrupción que salpica o PP non existe na TVG

Baltar Pumar, nun mitin con Rajoy e Feijóo © PPdeG

Os numerosos casos de corrupción que asolan o PP, en Galicia ou fóra dela, son noticia na maioría de medios de comunicación. Pero non en todos. A TVG segue a obviar ou pasar por riba das polémicas e acusacións que sobre o Partido Popular se verten nas últimas semanas. A manipulación que levan tempo denunciando traballadores da canle pública intensifícase a medida que se achegan as vindeiras eleccións e ao tempo que se incrementan as presuntas irregularidades na formación ou nos gobernos populares.

A manipulación intensifícase a medida que se achegan as eleccións e que aumentan os casos de corrupción

"Acelérase o paso porque se achegan os comicios locais; a cousa vai a peor e seguirá indo a peor nas vindeiras semanas", aseguran a Praza fontes do persoal da CRTVG, que reparan en diversas informacións nos telexornais da última fin de semana como paradigmas da manipulación máis extrema que se leva a cabo na canle pública cando xorden casos de corrupción vinculados ao PP. De feito, o blog Eu non manipulo, que desde hai máis de ano e medio denuncia desde dentro a manipulación nos servizos informativos da TVG, intensificou nos últimos días a súa actividade. Non era para menos.

O "desequilibrio e a parcialidade" co que se trataron os temas de corrupción nos informativos da pasada fin de semana foron moi criticados. Eran unha mostra máis. No telexornal do sábado, e respecto do presunto financiamento ilegal do PP de Ourense xurdido dos testemuños na operación Pokémon, os telespectadores da TVG só puideron escoitar unha declaración exculpatoria do presidente dos populares ourensáns, Manuel Baltar. Pola contra, e ante os rexistros levados a cabo na Deputación de Lugo por parte da xuíza De Lara, os televidentes accederon a declaracións do BNG, do PSdeG e do alcalde de Lugo. 

A TVG equiparou os rexistros na Deputación de Lugo co presunto financiamento irregular do PP e só deu voz ás exculpacións populares

Non foi ata a noite cando o telexornal fixo alusión ás reaccións do voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, ou do portavoz parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, pero só cunha breve referencia sobre imaxes que non incluían ningunha das declaracións da oposición en viva voz pedindo a comparecencia de Núñez Feijóo sobre este asunto.

Xa no domingo, a situación empeorou aínda máis. Inclúense as últimas novidades sobre os rexistros na Deputación de Lugo, obviándose o presunto financiamento irregular do PP de Ourense e incluíndo tan só unhas declaracións: as do vicepresidente Alfonso Rueda criticando a actitude de Besteiro ante a suposta corrupción no PSdeG.

"Foi un caso paradigmático, pero é o habitual; a equiparación que se fan entre uns casos e outros non soporta comparación", di un dos traballadores da televisión pública galega. O caso é que o mesmo xoves no que se coñeceron as revelacións do ex xerente do PP de Ourense, o telexornal apenas lle dedicou uns segundos, ofrecendo só a versión do PP ou obviando pouco despois a petición de comparecencia do director xeral da CRTVG que fixeran AGE e BNG.

Nas últimas semanas, o telexornal obviou as denuncias do Consello de Contas sobre os cursos de formación subvencionados pola Xunta

Acontece isto coa operación Pokémon e con casos de corrupción, pero tamén con moitas máis informacións Así, a contratación "en diferido" da xerente do PP de Madrid ao día seguinte de que fose despedido en Génova non se contou. Tampouco se dixo nada das protestas de veciños de Ofimático no pleno da Coruña, que nin tan sequera foron noticia para o informativo local, nin se fixo referencia ningunha á rolda de prensa que Roberto Rivas, o bombeiro que se negou a desafiuzar unha anciá, ofreceu tras ser sancionado pola xustiza. Por suposto, tampouco unha palabra do recurso gañado por este conflito por Francisco Jorquera, voceiro do BNG, malia que si se informara do expediente que se lle abrira.

Ademais, os telexornais da TVG nos últimos días tampouco puxeron demasiada intención en destacar informacións sobre a operación Zeta. O Consello de Contas detectou irregularidades nos cursos de formación subvencionados pola Xunta de Galicia, pero os informativos decidiron que iso non era o importante. Nun pequeno corte de quince segundos, o presidente do Consello, Xesús Palmou, saíu nas pantallas pero sen facer referencia ás irregularidades das que acababa de informar. Coma se non existisen. Porque para a televisión pública, tampoco existiu a petición por parte da oposición da conselleira Beatriz Mato. Ou cando menos nada se dixo.

O xuízo pola carretaxe de votantes ou a petición de dimisión de Beatriz Mato tampouco foron noticia na canle pública

Pouco máis se lle dedicou a casos como a carretaxe de votantes con demencia e a declaración xudicial de membros do PPdeG tras as denuncias de AGE. Un dos imputados é José Luis Iravedra, membro do Consello de Administración da TVG.

"Inclúense sempre comentarios ou declaracións que deixan en bo lugar ao PP -porque goberna a Xunta na actualidade- e os seus dirixentes. Paralelamente, dos grupos da oposición destácanse informacións negativas, leas internas e problemas", explicaban a Praza traballadores da TVG para explicar "como se manipula" na canle pública. As cousas non cambiaron e, segundo denuncian fontes do persoal, os xornalistas de prácticas son cada vez máis habituais nas informacións políticas e sensibles para o poder.

"Chegará un día no que a manipulación nos medios públicos se considere delito", aseguran traballadores da TVG, que advirten que a manipulación irá a peor e que o caso da televisión pública galega reproduce o que tamén acontece en TVE e que os seus traballadores, a través dese Consello de Informativos que o persoal leva tempo reclamando para a CRTVG, denuncian con intensidade desde hai semanas.

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG
Alfonso Sánchez Izquierdo e Alberto Núñez Feijóo CC-BY-NC-SA Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.