"Non vou entrar en inxurias e insidias". O presidente da Xunta volveuse enfrontar este mércores a unha dura sesión de control coa trama Zeta, a presunta fraude en cursos de formación, no centro do debate. PSdeG, AGE e BNG volveron esixir que Alberto Núñez Feijóo compareza monograficamente sobre este "escándalo" e, nomeadamente, sobre o "presunto financiamento irregular" do PP con fondos da trama e a respecto da súa relación co empresario Pachi de Lucas, amigo do presidente e, segundo a Policía, enlace entre as entidades de Gerardo Crespo e dirixentes políticos. Feijóo, novamente, negou calquera implicación no caso e atribuíulle ao seu Goberno a iniciativa á hora de iniciar a denuncia. Así e todo, na súa resposta houbo, cando menos, dous elementos novos: a acusación de que o bipartito adxudicou "en funcións" o contrato do servizo de transporte adaptado, algo que, segundo datos da propia Xunta, non se corresponde coa realidade, e a esixencia da dimisión de Tania Sánchez, deputada de IU na Asemblea de Madrid.
"Vai explicar de xeito documentado todo o que temos que coñecer a través dos sumarios xudiciais?", preguntou o socialista José Luis Méndez Romeu. "No sumario alúdese a pagos en B ao seu partido, pode afirmar que é falso?", reclamou saber Francisco Jorquera, do BNG. "Ademais de presunto financiamento irregular, houbo adxudicacións a dedo para financiar esa trama corrupta?", cuestionou a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz. O líder conservador negou as acusacións, "rotundamente" no caso do Bloque e máis xenericamente para o resto de grupos e, a carón desta negativa, botou man novamente do ventilador dialéctico.
Feijóo acusa agora o bipartito de adxudicar en funcións 65 millóns en cursos e outros 65 para o transporte adaptado
"Non hai ningún inconveniente en comparecer, ao contrario", asegura apenas vinte e catro horas despois de que o seu partido o volvese impedir. "O que non podo evitar -acusou, en resposta a Romeu-, é que vostedes desen en funcións moitos millóns de cursos, 65 millóns de euros en cursos de formación durante o período en funcións do Goberno bipartito". Acto seguido, xa respondendo a Jorquera, eses 65 millóns pasaron a ser "da Vicepresidencia en funcións, 65 millóns para o 065 e durante cinco anos" nun "expediente con disconformidade da Intervención Xeral" que "convalidaron no Consello da Xunta en funcións". Con esta afirmación o presidente refírese á adxudicación do servizo de transporte adaptado para persoas dependentes ou con discapacidade impulsada pola antiga Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar.
Os 61 lotes do contrato do transporte adaptado adxudicáronse definitivamente o 27 de xaneiro de 2009, cando o Goberno aínda non estaba en funcións
Efectivamente, ese contrato rolda os 65 millóns de euros pero, alén do momento en que se convalidase o gasto -o inicio da súa tramitación aprobouse no Consello da Xunta do 23 de outubro de 2008 e convalidouse o 18 de marzo, xa en funcións, di a Xunta-, segundo consta na información oficial da propia Xunta, os 61 lotes dos que estaba composto foron adxudicados definitivamente o 27 de xaneiro de 2009, isto é, máis dun mes antes das eleccións autonómicas do 1 de marzo. Isto implica que o Goberno de coalición de PSdeG e BNG aínda non estaba en funcións, toda vez que, segundo o artigo 17 do Estatuto de Autonomía, "a Xunta cesa tras a celebración de eleccións", neste caso despois dese 1 de marzo, e "continua en funcións ata a toma de posesión da nova Xunta", período que se estendeu ata mediados de abril dese mesmo ano.
Este engado sitúa o presidente na posición na que caeu no outono de 2012 o daquela candidato socialista á Xunta, Pachi Vázquez, quen, tras referirse a Feijóo como "presidente en funcións", foi obxecto de hilaridade nas filas do PP, que a través de Alfonso Rueda lle lembrou, "a título meramente informativo", cando o Goberno galego entra en funcións, segundo a lei.
A xuíza reclama información dos cursos dende o 2000
Mentres dende a Presidencia da Xunta aseguran que o gasto adxudicado en funcións inclúe 65 millóns de euros para cursos de formación e outros 65 para o devandito transporte adaptado -o comunicado do Goberno sobre a sesión de control non inclúe, tampouco, dato ningún ao respecto-, o propio Feijóo revela que a investigación da trama Zeta se estende ata os gobernos de Manuel Fraga e comezará, nomeadamente, na súa penúltima lexislatura. O Goberno galego, di, recibiu unha "notificación do xulgado" para que "remitamos toda a documentación" relativa aos cursos de formación para o emprego "dende o ano 2000", o que abrangue o penúltimo e o último gabinete de Fraga, vicepresidido por Feijóo, o Goberno bipartito e os dous Executivos do PP elixidos en 2009 e 2012.
O presidente retruca a petición de explicacións de AGE esixindo a dimisión dunha deputada de IU en Madrid
Neste contexto xurdiu tamén a outra petición de explicacións do presidente, neste caso dirixida a IU en Madrid. Despois de que a vicevoceira de AGE reclamase "medidas" concretas contra a corrupción Feijóo instou a Díaz a aclarar se IU vai "expulsar" o seu voceiro "no Concello de Sevilla" ou a "unha deputada moi famosa" que "tamén ten problemas por estar nun concurso de adxudicación a unha empresa da súa familia". "Vostedes votan adxudicar ás súas familias os contratos e non teñen nada que explicar porque sería machista", espetoulle, en referencia a novas publicadas nos últimos días polos xornais ABC e La Razón, entre outros. "Tome medidas e renda contas, que é o que lle toca", esixiu Díaz. "Van cesar a señora tania Sánchez?", reclamou de novo o presidente da Xunta.