A militancia do PSdeG lanza as súas apostas para as cidades

Barcón, Reyes, Sestayo e Barquero CC-BY-SA Praza Pública

Complétase o taboleiro. Algo máis de 2.000 persoas elixiron este domingo as persoas que encabezarán as candidaturas do PSdeG en catro cidades e cinco vilas nas eleccións municipais de maio. A militancia dos socialistas galegos completou a nómina na que xa figuraban Abel Caballero, en Vigo, Xosé López Orozco, en Lugo, e Agustín Fernández, en Pontevedra. No caso das cidades as vitorias máis amplas foron as da xa candidatas na Coruña e Ferrol, Mar Barcón e Beatriz Sestayo, que se impuxeron aos seus rivais por máis do 60% dos votos. Mentres, José Ángel Vázquez Barquero derrotou o ex secretario xeral do partido, Pachi Vázquez, por un chisco máis da metade dos votos, o mesmo que fixo Francisco Reyes en Compostela fronte a Mercedes Rosón.

A Coruña

A que fora secretaria de organización do PSdeG e actual voceira municipal do partido, Mar Barcón, logrou 260 votos, case o duplo que o seu opoñente, Ángel Garmendia. Tras coñecer a súa vitoria Barcón amosouse convencida de que o partido na cidade abre agora unha nova "etapa" de "unidade". Tras esta mostra de "participación" e "apoio", di, é posible afirmar que na cidade actualmente gobernada polo conservador Carlos Negreira "quedan 175 días para o cambio".

Santiago

A da capital foi unha das campañas máis duras e o seu resultado, un dos máis axustados. Francisco Reyes e Mercedes Rosón representaban dous modelos de partido e, tamén de visión estratéxica do PSdeG, de ideoloxía e de posibles alianzas. Finalmente, o actual voceiro no Concello, que tiña o apoio dalgúns dos pesos pesados do aparello local da formación, logrou 301 votos fronte aos 235 de Rosón. Tras a polémica dos censos inchados Reyes ten agora diante de si o reto de aumentar o coñecemento cidadán e de tentar amosarse como alternativa no convulso contexto compostelán, marcado pola desfeita do PP de Conde Roa e Ángel Currás e polo intento de Agustín Hernández de visualizar que encetou unha nova xeira sen previo paso polas urnas.

Ferrol

A parlamentaria Beatriz Sestayo ratificou este domingo a súa hexemonía no PSdeG ferrolán ao lograr máis do duplo de sufraxios que o seu rival, Ramón Veloso. Sestayo coida que, tras este resultado, "xa hai unha voz e un proxecto único no PSOE de Ferrol para recuperar a Alcaldía" que actualmente está nas mans de José Manuel Rey Varela, quen os inquéritos auguran que perderá a primeira maioría absoluta da historia da cidade, lograda en 2011. Para Sestayo resulta salientable, ademais, que o Partido Socialista vaia ter, por primeira vez, unha candidata ao bastón de mando en Ferrol. Pola súa banda, Veloso afirma uqe "a partir de agora todos nos poñemos á disposición" de Sestayo, "eu o primeiro".

Ourense

As primarias ourensás foron unhas das que máis olladas concentraron por dirimirse nelas unha nova batalla interna das dúas faccións do partido, unha delas a encabezada polo ex secretario xeral do PSdeG. O ex líder dos socialistas galegos e antigo alcalde do Carballiño non puido superar o actual concelleiro José Ángel Vázquez Barquero, quen agora se pon á fronte do axitado panorama local ao impoñerse por 237 votos fronte aos 199 do seu rival. A derrota de Vázquez pode ser lida tamén como un debilitamento dos seus partidarios no aparello nacional do PSdeG.

Vilas e secretaría provincial coruñesa

Alén das principais cidades a militancia socialista determinou os carteis electorais de seis vilas. En Vilagarcía Alberto Varela impúxose a Fernando Quintela por 86 votos fronte a 96 e en Ponteareas Chus Garrote converteuse en candidata á alcaldía ao lograr 25 sufraxios fronte aos 12 de Tomás González. En Marín outra candidata, Mariluz Santiago, foi a gañadora diante de Tomás González por 31 votos a 28 e en Ribeira, José Manuel Vilas será o candidato con 25 votos por 18 de Ricardo Fernández. En Carballo, pola súa banda, a vitoria foi para Jesús Añón, que tivo 14 votos, un máis que a outra aspirante, Mari Carmen Vila.

O alcalde de Culleredo liderará o partido na provincia da Coruña

A outra votación da xornada tivo como escenario a provincia coruñesa, na que se renovaba a secretaría xeral do partido. Finalmente o substituto de Francisco Caamaño será o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, que se fixo co 60% dos votos fronte ao 40% do rexedor de Oroso, Manuel Mirás, segundo datos facilitados pola dirección do PSdeG. 

Un intre das votacións, este domingo en Ourense CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.