"Non esperen para facer algo a que haxa danos persoais". É a reivindicación que os responsables da sección autonómica da CIG lle lanzan de novo ao Goberno galego despois de que, na mañá deste martes, "volvesen aparecer cachos de fachada desprendidos" no complexo administrativo de San Caetano, sede principal do Goberno galego. Desta volta o desprendemento produciuse "diante da porta de acceso á Consellería de Educación", pero "non é a primeira vez". Ao seu xuízo estase a poñer en risco a integridade física do persoal e da cidadanía e unha das causas, afirman, é que "non se cumpre" co contrato de limpeza dos edificios.
A través dun escrito dirixido á Secretaría Xeral de Presidencia o delegado de prevención da CIG, Fulgencio Fernández, vén de comunicarlle ao departamento de Alfonso Rueda que "houbo varios desprendementos na fachada" nos últimos tempos, "co grave risco que implica isto para os centos de traballadores que prestan os seus servizos nestas dependencias e para o público en xeral". Trátase, nomeadaemente, de "desprendementos de pedra granítica de cornixas moi pesadas" que, "dende a altura que caen, como lle dea a unha persoa pode ferila gravemente e mesmo ter un resultado de morte".
Isto sucede nun contexto no que, subliñan, o contrato coa empresa encargada da limpeza dos edificios oficaiis contempla unha limpeza anual destas fachadas, que deben ter "un mantemento axeitado". "Isto está nas cláusulas do contrato de limpeza" pero "non se fai, polo mentos dende que eu son delegado de prevención de Servizos Centrais, e disto hai xa máis de seis anos". "Como ben se pode comprobar a simple vista -engade- esta fachada ten musgo e moita suciedade acumulada" durante "moitos anos". "Se tivese o mantemento axeitado anualmente, o risco de desprendemento sería moito menor".
Contrato renovado o pasado outubro
A central sindical solicita unha "reparación de emerxencia da fachada" pero olla directamente tamén á "empresa de limpeza", á que se lle deben "esixir o cumprimento das cláusulas do contrato". Esta empresa é Limpiezas Pisuerga Grupo Norte, unha compañía con sede en Segovia que accedeu a este servizo en maio de 2012 por uns 6 millóns de euros tras ser a "única que se presentou". Segundo a CIG, durante este período "podemos asegurar que o contrato estivo sendo incumprido sen que por parte da administración se impoña ningún tipo de penalización". Así, por exemplo, afirman, a empresa "non realiza as substitucións do persoal" e "non realiza diversos traballos recollidos nos pregos", tales como a devandita limpeza das fachadas, pero tamén a "limpeza quincenal de axulexos e servizos, armarios e andeis".
O pasado outubro Limpiezas Pisuerga volveu ser adxudicataria da limpeza dos edificios da Xunta
Neste contexto, o pasado o outubro a Consellería de Presidencia resolveu un novo procedemento de adxudicación dos servizos de limpeza dos edificios administrativos que volve incluír no seu prego de condicións a limpeza e mantemento anual das fachadas. Neste caso concorreron sete empresas ao contrato e a adxudicataria foi de novo Limpiezas Pisuerga, que asume o servizo durante un ano prorrogable por 6,4 millóns de euros, apenas 120.000 euros por baixo do orzamento de licitación, isto é, do máximo que a Xunta estaba disposta a pagar.