Pouca política, escaso debate e certezas aínda máis escasas. A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, acudiu este martes ao Parlamento para, a petición propia, comparecer verbo dos "mecanismos de control sobre as axudas destinadas á formación". A comparecencia, concibida para amortecer a presión que paira sobre o presidente da Xunta a conta da Operación Zeta deita escasa luz sobre a presunta trama corrupta de falsos cursos de formación e mesmo achega máis confusión sobre ela, toda vez que dende o Goberno e o partido que o sustenta, o PP, se chegou a afirmar durante o debate que o Executivo está sendo investigado e tamén todo o contrario, que non o está.
A cerna do argumentario de Mato estaba composta por dúas mensaxes: que foi o actual Goberno quen aplicou un sistema eficaz de control destes cursos, que agora será incrementado con medidas como un novo manual de control ou a xustificación de asistencia mediante pegada dixital, e que tamén foi este Executivo quen iniciou o proceso ao elevar á Fiscalía a finais de 2012 a investigación interna sobre cinco subvencións outorgadas a entidades de Gerardo Crespo, se ben o propio sumario acredita que as indigacións policiais e xudiciais se remontan ao outono de 2011, a raíz da denuncia de dúas traballadoras de CAYPE.
"Estase a investigar tamén o seu goberno", "as investigadas son as empresas, non a Xunta"
E a partir de aquí, a confusión. "A investigación do xuíz [quen instrúe o caso é unha xuíza] está a chegar ata o ano 2000" e, polo tanto, reprochoulle á oposición, "estase a investigar tamén a xestión do bipartito". Minutos despois, a propia conselleira dende a mesma tribuna afirmou que "estamos falando da investigación sobre un empresario" e "dunha fraude que rolda os 20 millóns" e atinxe a axudas concedidas por diversas Administracións do Estado. "As investigadas son as empresas, non a Xunta", proclamou na súa quenda o voceiro do PP, Miguel Tellado, quen especifica que "o xulgado da Coruña non está a investigar a adxudicación dos cursos", senón a súa "xustificación por parte das empresas". "Están a investigar o seu goberno tamén, teñen unha oportunidade de ouro de dicir o que facían vostedes", retou na súa contrarréplica a conselleira.
A oposición pide dimisións e o PP, explicacións á oposición
Neste escuro clima a oposición en pleno, do Grupo Mixto ao PSdeG, insisten en reclamar as explicacións aínda non dadas pola conselleira e polo presidente, así como a asunción inmediata de responsabilidades políticas, a comezar polo cesamento de Beatriz Mato no seu cargo. "Non creo que teña que ir ao cárcere, pero como responsable política ten que dimitir", resumiu a socialista Marisol Soneira que, como as súas homólogas do resto de grupos, insiste en que os conservadores deben comezar por aclarar se, como reflicte o sumario e como di o presunto líder da trama, a rede corrupta financiou irregularmente o PP da Coruña e se o empresario Pachi de Lucas a beneficiou a través da súa amizade con Alberto Núñez Feijóo.
"Isto xa se lles foi das mans", advirte dende o BNG Montse Prado, que ve o Goberno instalado na estratexia da "mentira repetida cen veces" ao teimar en que foi a Xunta do PP quen iniciou as indagacións. O propio Bloque, lembra, xa cuestionou o Goberno en 2010 por este caso. "Que estivo facendo dende aquela?", pregúntase. Na mesma liña, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, ve imprescindible que sexan "aclaradas" cuestións "gravísimas" como o "financiamento presuntamente irregular do PP" ou o papel na rede de persoas "determinantes" no partido do Goberno, tales como José Manuel Romay Beccaría ou o propio Feijóo. "Aí fóra chove e a corrupción é unha forma de Goberno", ilustra, polo que, "se ten decencia", Mato debería comezar por asumir "responsabilidades" coa súa dimisión.
A oposición reclama explicacións sobre o financiamento do PP, Tellado acusa o resto de grupos de ser "mesquiños" e exercer a "miseria política"
Todas estas peticións de explicacións foron retrucadas con dureza por Tellado. Quen fora xefe de gabinete da propia Consellería de Traballo entre 2009 e 2011 non aforra cualificativos para o que considera o "teatrillo da oposición entregada á demagoxia" e á procura da "carnaza miserable". Os grupos distintos do PP teñen un xeito de proceder "torticeiro e mesquiño", buscando "na mentira, na miseria política e na difamación" o "apoio electoral que non lles dan nas urnas". El, asegura, non vai contribuír a tornar a política galega nunha "lameira" aínda que, así e todo, no propio discurso presenta un PSOE "cercado pola corrupción", acusa o BNG de beneficiar "empresas amigas" dende a Xunta e aproveita, asemade, para pedirlle contas a AGE polos omnipresentes ERE de Andalucía.
Neste confuso clima a conselleira Mato conclúe que os grupos da oposición procuran unha estratexia de "Salsa Rosa e Sálvame Deluxe" neste caso -é acaído, repuxo Prado, "porque aí falan de bolsos, agasallos e relacións perigosas"- e opta, no entanto, por non tocar cuestións espiñentas como "o financiamento dos partidos" porque esa non é unha "competencia do exercicio do Goberno da Xunta -o propio Feijóo propuxo medidas na materia a pasada semana-". "Queren discutir se demos ou non tantos millóns" pero "esta conselleira non dá nada", senón que "resolve" as subvencións mediante "concorrencia competitiva". Ela, como a oposición, bota en falta que se dean "explicacións", pero da xestión do bipartito.