BRUXELAS - Enviado especial
Constátase a neglixencia ou, cando menos, o "erro" ou ausencia de comunicación entre os gobernos galego e español e as autoridades comunitarias que elaboran o regulamento para prohibir as redes de deriva, unha arte da pesca especialmente agresiva para o medio ambiente e diversas especies mariñas. Os eurodeputados que exercen como relatores deste informe ratificaron este xoves o que xa avanzaran vinte e catro horas antes o director xeral de Asuntos Marítimos do executivo comunitario e mais o presidente da Comisión de Pesca da Eurocámara: a centenaria pesca artesanal do xeito foi inicialmente incluída nesta tipoloxía de redes por unha ausencia case total de información. No caso do Goberno de España, nomeadamente, o escaso fluxo de información levounos a compoñer un panorama tan distorsionado no que os 427 barcos xeiteiros eran só 25.
Esa evidente disparidade de cifras foi revelada por Marco Affronte, eurodeputado italiano do Movemento Cinco Estrelas e relator do informe na Comisión de Medio Ambiente. Nun encontro coa delegación do xeito convidada á Eurocámara pola representante do BNG, Ana Miranda, Affronte amosouse convencido de que se a información da Xunta e o Goberno central fose axeitada este problema non estaría sobre a mesa, porque "non se chegaría a facer esta proposta". "Cando se estaba preparando a proposta a Comisión Europea non recibiu ningunha información sobre o xeito", afirma. Non houbo "ningún dato ata que se fixo a proposta" e chegou a ouvidos do sector e este se decatou de que podía estar a piques de ser prohibido para sempre. Neste contexto, "se a comisión di que son 25 barcos" é porque "son datos do Estado", do Estado español, coa conseguinte repercusión a respecto do impacto social e económico desta arte.
A Comisión elaborou a proposta sen contar con "ningunha información sobre o xeito", asegura o relator
Unha vez coñecidas as causas do conflito, Affronte, como a propia Miranda, é partidario de emendar a proposta inicial para que non se chegue a ese "veto total" e, pola contra, só se prohíban as artes de pesca realmente agresivas para o medio ambiente -redes de maiores dimensións e doutros materiais- e que arrasan especies diversas sen control ningún. Trátase, di, de "facer confluír as esixencias medioambientais" e a supervivencia dos sectores que "se son sostibles", como neste caso, "non teñen que ter medo". Neste sentido, garante, a súa proposta será que as redes coas características das do xeito non sexan prohibidas e se esta iniciativa "vai adiante, o xeito vai quedar excluído da prohibición", exclusión para a que hai un amplo consenso político na Eurocámara.
Miranda: "Imos gañar a batalla do xeito porque o sector se moveu mentres a Xunta non facía os deberes"
Nun sentido semellante pronunciouse, nun encontro previo cos xeiteiros, a relatora do informe na Comisión de Pesca, a tamén italiana Renata Briano. Como o presidente deste organismo, Alain Cadec, Briano taén ve a posible prohibición do xeito como unha "provocación". "A miña proposta será prohibir as redes ilegais" pero non estas, subliña. Por iso, informan dende o seu equipo, está "tranquila" a respecto da continuidade deste sector pesqueiro. "Xa nos gustaría que o Goberno galego nos atendese coma vostedes", retrucou un dos mariñeiros ante un panorama no que, explican os patróns maiores integrantes da delegación, xa valoran posicionarse publicamente para censurar a dilación exercida ao inicio do proceso pola Xunta e o Goberno central.
Así as cousas, no remate dos encontros co executivo e o lexislativo da Unión Ana Miranda amósase relativamente tranquila sobre a resolución do proceso. "Hai receptividade", sinalou en declaracións á prensa galega nos corredores da Eurocámara onde, a poucos metros, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e o director xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Jesús Gamallo, participaban nun acto do Comité das Rexións. "A batalla do xeito ímola gañar", di a representante do Bloque e futura eurodeputada, pero "porque o sector se moveu" mentres "o Goberno galego non facía os seus deberes".