"Louzán usa o seu cargo para facer campaña na Federación Galega de Fútbol"

Louzán, durante unha visita a un campo de fútbol de Ribadumia © Deputación de Pontevedra

Hai apenas unha semana o actual presidente da Deputación de Pontevedra, confirmaba a súa intención de presidir tamén o fútbol galego. Como adiantara este diario o pasado setembro Rafael Louzán lanzouse á carreira para disputarlle a presidencia da Federación Galega de Fútbol ao alcalde socialista de Cerceda, José García Liñares. Agora o dirixente conservador tenta recabar apoios entre os diferentes sectores do deporte rei en Galicia e faino, segundo o PSdeG, valéndose do seu cargo de presidente da Deputación, posición que utiliza, acusan para "promocionarse como aspirante a dirixir a Federación".

A voceira dos socialistas en materia deportiva, Carmen Acuña, vén de presentar no Parlamento unha serie de iniciativas para denunciar que nos últimos tempos "están a ser sucesivamente convocados a amables encontros co presidente da Deputación" os representantes de "clubes, técnicos, árbitros e xogadores" que forman a asemblea que decidirá a presidencia da FGF. Louzán, censura, "utiliza de forma espuria o seu cargo institucional para facer campaña electoral con toda naturalidade, total impunidade e ilimitado descaro", unha actitude que, di, o Goberno galego debería aclarar se "encaixa no código ético que tanto anuncia o señor Feijóo".

Louzán protagonizou como presidente da Deputación diversos actos co mundo do fútbol nos últimos meses 

Esta denuncia do PSdeG chega nun contexto no que, en apenas dous meses, a propia Deputación pontevedresa informa de múltiples actos de Louzán vinculados co fútbol en localidades como Cerponzóns, Ribadumia, Barro ou Cotobade, ademais de na propia sede da institución provincial. Nestes encontros, asegura Acuña, Louzán "explícalles aos asembleístas que imos estar aí defendendo os intereses do fútbol galego, especialmente do fútobl base, do fútbol feminino e do fútbol sala". Ademais, "sen ningún tipo de complexo", o popular explica que "espera contar con moitos apoios en Pontevedra" no proceso electoral federativo.

Unha provincia inzada de campos de herba artificial

Nun só mandato a Deputación pontevedresa destinou case 40 millóns a uns 70 campos de herba artificial

A candidatura de Louzán chega tras varios anos nos que a Deputación de Pontevedra inzou a provincia de campos de fútbol de herba artificial, ata o punto de destinar case 40 millóns de euros a pavimentar con este material arredor de 70 instalacións deportivas nun contexto no que, por exemplo, en Ribadumia, concello natal de Louzán, hai xa dispoñibles catro destes campos malia contar con só 5.000 habitantes. O propio dirixente conservador foi cuestionado no Parlamento ao respecto dende os grupos da oposición, que ven nestes campos unha vía para alimentar a súa rede clientelar. "Mentres os rapaces están aí, ocupados, non están noutras circunstancias que nos preocupan aos que temos fillos", xustificou.

Agora os socialistas piden tamén explicacións, precisamente, sobre estes campos. O Goberno galego, explica a parlamentaria, debe detallar as razóns polas que a Deputación de Pontevedra financiou estes campos e, sobre todo, se estes teñen ou non relación coa aspiración de Louzán para presidir a FGF. Por iso Acuña pregúntalle á Xunta cantas destas instalacións "son utilizadas polos asembleístas con dereito a voto e cantas subvencións concede a clubes, técnicos, árbitros ou xogadores que van participar como asembleístas" na elección do presidente da Federación.

Louzán, durante unha visita a un campo de fútbol de Ribadumia © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.