Un esquema político con tres grandes forzas e Podemos á cabeza delas. É o panorama que debuxa a segunda edición d'O Mirante, o panorama mensual da situación electoral que o consultor e analista Carlos Neira elabora para a Asociación de Medios en Galego. Como hai un mes, o resultado da análise continuada e conxunta dos estudos estatísticos de ata 25 casas demoscópicas dan como resultado que a formación que encabeza Pablo Iglesias se imporía nunhas eleccións co 26,5% dos votos, medrando algo máis dun punto a respecto da anterior edición do estudo, do pasado mes de novembro.
A través da análise coñecida como house effects, consistente en abordar as estimacións de voto de cada unha das fontes demoscópicas sen os "nesgos que incorren as cociñas" de cada unha delas, "separando o ruído ou os desvíos debidos á súa metodoloxía ou ás contaminacións ideolóxicas", a conclusión é que nunhas eleccións a Cortes Xerais o PP pasaría a ser segunda forza política do Estado co 24,4%, agudizando a súa caída duns vinte puntos a respecto dos comicios de 2011. O PSOE, pola súa banda, situaríase en terceira posición, retrocedendo tamén un chisco a respecto do anterior estudo e perdendo algo máis de 6 puntos en relación ás últimas xerais.
Alén das tres grandes forzas e da consolidación dunha caste de tripartidismo, os resultados d'O Mirante indican tamén tamén unha "maior variabilidade" entre o resto de forzas políticas, máis suxeitas á volatilidade xeral que está a caracterizar o panorama político e tamén á evolución de Podemos, PP e PSOE. Así, IU e UPyD soben ambas unhas décimas, se ben a formación de esquerdas seguiría a estar por baixo do seu rexistro electoral de 2011 e o partido de Rosa Díez, por riba. Mentres, Ciudadanos perde folgos nas súas expectativas de voto, pasando do 3,9% do anterior estudo a un 3,2.
O PP mantén a súa caída duns 20 puntos a respecto das eleccións de 2011
Os outros movementos salientables deste estudo proceden de Catalunya. ERC, cun 2,8% dos votos, pasa por diante de CiU e consolida o seu medre a respecto dos comicios de 2011 mentres que os converxentes perden case dous puntos a respecto daquela convocatoria. Así, ambas forzas sitúanse nunha situación de empate técnico con número de votos se ben cómpre ter en conta, subliña o autor, que "as enquisas para as xerais aínda non recollen plenamente a recuperación de CiU tras o 9-N", toda vez que nunhas eleccións catalás os de Artur Mas "volverían estar por diante de Esquerra, especialmente en número de escanos".
ERC supera a CiU e o BNG mantense co 0,5% dos votos que lle outorgaba o anterior estudo
No que actualmente é o Grupo Mixto no Congreso dos Deputados o BNG conserva o 0,5% de votos que lle outorgaba o anterior estudo -en 2011 tivo o 0,76%-. Amaiur medra levemente ata o 1% e o PNV mantense cun 1,1%. A análise prognostica tamén que Vox lograría un 1,2% dos sufraxios nas súas primeiras eleccións xerais e que a coalición de Compromís-Equo melloraría o seu resultado, pasando do 0,89% de hai tres anos ao 1,1%.