Camilo Nogueira observa con esperanza e certa preocupación o panorama político galego máis inmediato. Seguro de que, con "sentido común" PSdeG e BNG poderían volver gobernar e mesmo facelo con "maior entendemento" que no anterior bipartito, ve "incomprensible" a "explosión" producida tras unha Asemblea Nacional do BNG que para el "foi un éxito total, porque as forzas políticas alternativas lograron case o mesmo resultado que a UPG e os seus aliados". Dende o punto de vista do histórico nacionalista estas marchas foron "inoportunas" porque os esforzos terían que estar centrados en "gañarlle ao PP" dende dentro do propio BNG. "Eu axudei a que houbese no BNG unha alternativa á forza política dominante" pero "vou traballar para que o BNG acade o mellor resultado posible", afirma.
O ex deputado reflexiona tamén, na conversa con Praza, no papel de Galicia en Europa. "Un país coma o noso, co 90% da renda media da Unión Europea, non necesita a Madrid para nada", afirma. Para o nacionalista "temos que facer propios retos económicos apoiando as actividades produtivas, tendo unha visión de transformación da sociedade". Todo isto, na súa opinión, debe estar baseado en algo fundamental: "a autoestima".