A Xunta prevé subvencionar un vídeo de Enrique Iglesias un 70% máis que aos medios en galego

Imaxe promocional do cantante © Enrique Iglesias

Madrid, xullo de 1992. Manuel Fraga é presidente da Xunta dende hai apenas tres anos e o seu Goberno traballa nun dos seus primeiros megaproxectos: o Xacobeo, o evento que lle dará a volta á conmemoración do Ano Santo Compostelań e que ten na sala de máquinas ao conselleiro Victor Vázquez Portomeñe. O xefe do Executivo galego é o protagonista dun acto na madrileña Casa de Galicia xunto ao cantante Julio Iglesias, nomeado embaixador do Xacobeo pola nada desprezable cifra de 300 millóns de pesetas, algo máis de 1,8 millóns de euros. Vinte anos despois daqueles meses o Goberno galego estuda realizar outra achega económica a outro membro da familia Iglesias, tamén con explicación turística: a aparición de diferentes puntos da xeografía do país nun vídeo de Enrique Iglesias. O desembolso sería moito maior a que, por exemplo, realiza para impulsar a publicación de medios en galego.

Segundo publica este xoves La Voz de Galicia a Axencia Turismo de Galicia, organismo dependente da Presidencia da Xunta, xa lle puxo tope á cantidade que está disposta a pagarlle á produtora que o pasado novembro realizou o clip do cantante en Galicia. A referencia dos cartos a gastar son os que levou a empresa Unipublic o pasado verán por celebrar a derradeira tirada da Vuelta a España en Compostela: 289.256,20 euros máis IVE, isto é, 350.000 euros. Ese sería o pagamento para que na montaxe musical luzan o máis posible escenas como a celebración dunha macro festa no mosteiro de Carboeiro, imaxes aéreas da Cidade da Cultura ou percorridos polo centro histórico de Santiago.

A Xunta valora achegarlle os fondos á produtora do vídeo de Iglesias en concepto de promoción turística de Galicia

Trátase, segundo veu transcendendo nas últimas semanas, de que a peza audiovisual protagonizada polo cantante sirva como "promoción turística" do país, na liña da proba ciclista. Así, a cambio deses ata 350.000 euros os acordes da canción Noche y día soarían tendo como escenarios a Muralla de Lugo, o burgo medieval da mesma cidade ou a Torre de Hércules. A xuízo do produtor do vídeo, de orixe lucense, "se houbese que pagar a prezo de tarifa publicitaria" os "impactos do clip" en todo o mundo "falaríamos de cifras multimillonarias", declarou a La Voz. Se o acordo chega a pecharse eses impactos superporán ás imaxes de Galicia versos como "Hoy me dijeron que en la noche tú eres la reina / Que tú mueves la cintura con indecencia" ou "Santa Cruz azul bahía / Poca ropa, sudaíta / Fuego puro, agua fría La vida es un carnaval / Baila de noche y de día".

Diferenza cos medios en galego

No caso de que as negociacións entre turismo e a produtora cheguen a bo porto esta compañía audiovisual recibirá unha achega pública notablemente maior que, por exemplo, todas as empresas editoras que neste 2014 reciben subvencións da Xunta por editaren medios de comunicación en galego, cuxa publicación e difusión a Xunta ten o mandato de impulsar, tamén economicamente, segundo a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Nomeadamente, a diferenza chegaría a ser ata dun 70%.

Os fondos para a promoción da lingua galega descenderon un 70% dende 2009

Segundo as resolucións feitas públicas pola Secretaría Xeral de Medios a finais de novembro as beneficiarias destas axudas son un total de 15 empresas -as axudas deixan fóra os medios editados por entidades con formas xurídicas diferentes á empresarial- que editan case unha vintena de cabeceiras en diferentes formatos. A suma destas subvencións acadou os 206.158,66. Esta cantidade é semellante tamén, por exemplo, á que consignan os Orzamentos Xerais da Xunta de 2015 para o fomento da lingua galega nos concellos (245.000 euros) ou para as bolsas dos lectorados de lingua galega (209.604). Dende o ano 2009 os fondos da Xunta para a promoción do galego descenderon un 70%.

Imaxe promocional do cantante © Enrique Iglesias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.