A Xunta gasta case 300.000 euros en promocionar Galicia coa última etapa da Vuelta

Feijóo, na saída da Vuelta 2013 © Ana Varela

A Xunta leva tempo apostando pola Vuelta Ciclista a España. Cun perfil máis turístico que deportivo, esta aposta levou a que en 2013 a rolda saíse dende Vilanova de Arousa, cunha implicación económica directa da Deputación de Pontevedra. Para Feijóo aquel evento foi unha "inmensa satisfacción", porque a rolda ciclista se iniciaba nun "elemento idiosincrático da nosa iconografía como pobo". "A aposta da nosa comunidade pola Vuelta é máis forte ca nunca", explicou o presidente.

A Xunta negoulle á oposición información sobre o que gastara na edición do ano pasado da Vuelta

Agora, o Goberno galego prepárase para acoller a edición de 2014, onde Galicia volverá ter un papel relevante, sendo desta vez o escenario das cinco últimas etapas, incluíndo unha tirada final que rematará na praza do Obradoiro. A principios deste ano, a oposición intentou que a Xunta desvelase os cartos públicos que a Administración autonómica gastara na edición do pasado ano. Pero nada conseguiu. A Axencia de Turismo contestou os partidos que preguntaron pero sen revelar cantidade ningunha, aínda que foi a propia Axencia a que pagou un anuncio promocional adxudicado a Unipublic, propietaria e organizadora da Vuelta, que asumiu o encargo en abril de 2013 por algo máis de 165.000 euros.

A Axencia de Turismo adxudicou a "promoción do turismo de Galicia" a Unipublic por máis de 289.000 euros

Deste ano, o gasto será aínda maior, de case o dobre, e outra vez a través da Axencia de Turismo de Galicia, que vén de adxudicar tamén a Unipublic a "promoción do turismo de Galicia a través da etapa 21ª Santiago de Compostela-Santiago de Compostela (CIR) da Volta Ciclista a España 2014". A empresa organizadora da carreira asumirá este encargo publicitario por 289.256,20 euros. Estes cartos, á marxe dos que acheguen as deputacións provinciais e os concellos por onde discorran as diferentes etapas da rolda ciclista en Galicia, que rematará na praza do Obradoiro. Alí, a compañía propietaria da competición ofrecerá un "espazo privado na chegada da derradeira tirada da Vuelta" ante o Pazo de Raxoi. Haberá "cátering" e "barra libre". Todo por 150 euros máis IVE. Un espazo VIP por uns 180 euros.

Case 290.000 euros co obxectivo de promocionar o turismo de Galicia, nunha estratexia da que o Goberno apoia polo retorno económico que disque ten unha Vuelta que permitiría aumentar a afluencia de visitantes ao país. Será nunha carreira que, malia a relevancia galega no seu percorrido, non poderá gozar dun equipo galego. O desaparecido Xacobeo deixou de levar as cores galegas por un millón de euros. "A Xunta non nos tiña cariño", coincidían en denunciar varios dos corredores daquel conxunto nunha entrevista en Praza Pública.

A directora de Turismo, ex edís de Santiago, Louzán e Calvo, na presentación da Vuelta © Xunta
Feijóo e Rajoy, na saída da Vuelta en Vilanova de Arousa © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.