A UE agarda información da Xunta para decidir se investiga a trama Zeta

Marianne Thyssen, comisaria europea de Emprego © Comisión Europea

Unha investigación europea mentres se veta a investigación no Parlamento de Galicia. É o posible escenario que ten por diante a póla administrativa da Operación Zeta, a trama de presunta fraude en cursos de formación supostamente liderada polo empresario coruñés Gerardo Crespo. Cando resta algo máis dun mes para que a trintena de persoas imputadas na causa comecen a declarar ante a xuíza a comisaria europea de Emprego, a belga Marianne Thyssen, vén de lle confirmar ao eurodeputado socialista José Blanco que está a agardar por información da Xunta para determinar se hai motivos para abrir unha investigación de seu.

Thyssen vén de responder á pregunta formulada ao respecto por Blanco tras o levantamento do segredo de sumario da investigación. Dado que os cursos foron "financiados con fondos europeos xesitonados pola Xunta e que a investigación xudicial provocou a dimisión dun director xeral do Goberno galego" o parlamentario do PSOE preguntáballe se tiña coñecemento "dos feitos investigados pola Xustiza galega" e se "mantivo contacto coas autoridades galegas ou españolas en relación a estes feitos". E, efectivamente, o Executivo comunitario é consciente do que acontece co caso que veu axitando a política galega neste outono.

"A Comisión está ao corrente da investigación que están desenvolvendo as autoridades españolas en relación cuns cursos de formación en Galicia", explica Thyssenn na resposta, na que aclara ademais que, "inmediatamente despois das publicación dos primeiros informes", foi a propia Comisión a que "pediu ás autoridades nacionais que xestionan o Fondo Social Europeo", isto é, en última instancia, á Consellería de Traballo da Xunta, "que comprobasen se os proxectos que implicaban unha presunta fraude foron cofinanciados" con este fondo comunitario. Ademais, advertiu da necesidade de "tomar as correspondentes medidas correctivas e preventivas" se este caso se dera. Do mesmo xeito, "a Comisión informou á OLAF".

"A Comisión podería iniciar a súa propia investigación sobre este caso", advirte Thyssen en resposta a Blanco

Unha vez feito este requerimento "dende o 10 de decembro non se recibiu ningunha resposta das autoridades nacionais sobre este asunto", confirma a comisaria. Cando esta información chegue a Bruxelas e, "en función dos datos transmitidos, a Comisión podería iniciar a súa propia investigación sobre este caso", advirte. A xuízo de Blanco da resposta Comisión cabe concluír que "o Goberno retén información á Comisión Europea sobre a fraude nos cursos de formación de Galicia".

Xunta e PP vetan a investigación en Galicia

Esta advertencia da Comisión Europea chega mentres, en Galicia, a Xunta e o PP se veñen negando sistematicamente á apertura dunha comisión de investigación con, entre outros argumentos, que xa hai unha investigación xudicial en marcha ou que indagar dende o Parlamento implicaría "politizar". Asemade, nas últimas semanas o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, negouse a comparecer sobre a trama e a aclarar os seus contactos co presunto conseguidor da mesma, o empresario Pachi de Lucas. Do mesmo xeito, os populares e a conselleira de Traballo chegaron a afirmar e a negar nunha mesma comparecencia que a Xunta está sendo investigada pola Xustiza no marco desta operación contra a corrupción.

Marianne Thyssen, comisaria europea de Emprego © Comisión Europea
Blanco, durante un pleno en Estrasburgo CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.