O recorte á lei do hospital alimenta a treboada no PP de Lugo

Barreiro, Castiñeira e Feijóo, na campaña das municipais de 2011 CC-BY-SA PPdeG

No 2011 o PP tiña o vento a favor ante as eleccións municipais, tamén en Galicia. A crise económica e o tremendo desgaste sufrido polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero impulsaban os conservadores cara a unha gran vitoria e por iso aspiraban a recuperar prazas que tornaran en inexpugnables para eles. Lugo era un dos obxectivos sinalados na axenda dos de Alberto Núñez Feijóo: catro anos despois da fin do cacharrismo na Deputación e tras doce anos de Xosé López Orozco na Alcaldía da capital da provincia apostaban por regresar triunfantes. Por iso non escatimaron esforzos nesa contenda electoral e por iso, tamén, pegaron os carteis da campaña na cidade de Lugo. Tres anos e medio despois e ás portas do ano electoral os conservadores lucenses teñen diante de si un panorama máis treboento, no que os conatos de crise interna son alimentados coa indignación que, en diversos ámbitos da sociedade lucense, está a provocar o recorte da iniciativa lexislativa popular (ILP) para dotar o Hospital Lucus Augusti (HULA) dos servizos de hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear.

No ámbito puramente interno a batalla saltou á esfera pública cando, en plena ponte de decembro, a actual delegada provincial da Xunta e ex alcaldesa de Sober, Raquel Arias, colocou na prensa a súa intención de postularse como candidata do PP a presidir a Deputación de Lugo no caso de que os resultados municipais o permitan. O paso adiante foi lido non só como un menosprezo á actual voceira popular na institución provincial, Elena Candia, senón tamén como unha réplica do pulso protagonizado entre 2005 e 2006 por José Manuel Barreiro e Alberto Núñez Feijóo para substituír a Manuel Fraga no liderado do PPdeG e, en última instancia, como unha reedición da tensión entre boinas e birretes, entre o PP máis rural e o máis urbano e enraizado na madrileña rúa de Génova, o de Feijóo.

O pulso entre Arias e Candia é lido como unha reedición do enfrontamento entre Feijóo e Barreiro e das pugnas entre boinas e birretes no PPdeG

Como era de agardar a tensión interna negouse oficialmente, tamén por boca de Candia que, non obstante, aproveitou unha rolda de prensa para acompañar unha resposta ritual, "estou á disposición do partido", con outra que soou a advertencia: "podo afirmar que teño o apoio maioritario de alcaldes e voceiros". Neste punto entrou en escena Barreiro, presidente provincial do partido, que atribuíu á "imaxinación acentuada" dalgunhas persoas que haxa "unha candidata de Feijóo", Arias, e "outra, de Barreiro". Así e todo, aproveitou, en resposta a Europa Press, para explicar que Raquel Arias lle preguntara pola posibilidade de que el mesmo volvese ser candidato a ocupar a presidencia que agora exerce o socialista José Ramón Gómez Besteiro. "Díxenlle que non me parecía coherente" porque "hai outa persoa votada polos diputados provinciais que fai a tarefa con brillantez", isto é, Elena Candia.

O hospital erosiona a Castiñeira

Neste clima de tensión, e mentres Feijóo sinala que "as dúas son compañeiras moi preparadas" e que ambas "falaron primeiro co presidente provincial e logo, comigo" sobre as súas intencións, chegou, a pasada semana, o debate final da ILP do hospital. Nesa sesión parlamentaria o PP sacou adiante as emendas que, na práctica, baleiran de contido a proposta cidadá, dilatando prazos e difuminando os compromisos que o propio presidente da Xunta asumiu na inauguración do HULA, en febreiro de 2011. Para aprobar o recorte fixeron falta todos os votos do Grupo Popular e, polo tanto, tamén o de Jaime Castiñeira, voceiro do PP no Concello de Lugo e quen, agás sorpresa maiúscula, recuncará como candidato á Alcaldía.

As críticas polo recorte á ILP céntranse en Castiñeira, voceiro local e aspirante a recuncar como candidato á Alcaldía

Vinte e catro horas despois de ser obxecto de duras críticas de oposición e grupos veciñais por colaborar na tesoirada dunha lei que el mesmo defendera Castiñeira emitiu un comunicado para asegurar quen "en tres meses" quedaría "resolto" o concurso público "no que se inclúe a inestalación de radioterapia e medicina nuclear". "Os lucenses teremos os servizos que merecemos, por moito que lle pese ao PSOE", ao que acusa de "ruín, mesquiño" e "miserable" por "facer política da enfermidade". A contundencia de Castiñeira bateu poucos días despois no cos socialistas ou con outro partido, senón coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, que nunha entrevista da Radio Galega alongaba os prazos para a entrada en funcionamento destes servizos ata finais de 2016, alén dos 18 meses que marca a versión recortada da lei e media década despois do prometido por Feijóo.

O debate do HULA retornará ao pleno da Deputación o vindeiro día 30

Castiñeira respondeu á desautorización da súa compañeira de partido cun novo comunicado, no que este luns dixo confiar en que as verbas de Mosquera se traten dun "malentendido", porque "os nove deputados da provincia votamos a lei cun prazo de 18 meses e de aí non imos permitir nin un día máis de atraso". Mentres, colectivos veciñais, colexios profesionais, sindicatos e partidos políticos anuncian novas mobilizacións na defensa dos servizos para o hospital e centran os seus reproches nun debilitado Castiñeira, sobre quen os seus opoñentes empezan a ver pairar o risco de que poida chegar a ser substituído no cartel electoral do PP por outro candidato menos erosionado por este asunto. Sexa como for, o incendio continúa vivo e non semella que vaia sofocado, cando menos de momento, toda vez que a cuestión do HULA retornará ao pleno da Deputación lucense o vindeiro día 30, cando se prevé que a maioría de PSdeG e BNG aprobe unha moción promovida por Besteiro na defensa dos servizos do hospital e pola "inmediata dimisión" de Mosquera.

Raquel Arias e Elena Candia © Xunta / PP Mondoñedo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.