O PP reduce o recorte á lei do hospital de Lugo ao "cambio dalgunhas palabras"

O pleno vota a iniciativa, co apoio de PSdeG e BNG e o rexeitamento do PP © Deputación de Lugo

Unha promesa do presidente da Xunta que tornou en serio problema para a cidadanía pero tamén nunha nada desdeñable hipoteca política para o PP de Lugo. Alberto Núñez Feijóo prometeu durante a inauguración do Hospital Lucus Augusti, en febreiro de 2011, que ese mesmo ano o complexo tería servizos de hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear. Case catro anos despois a hemodinámica só funciona en horario de oficina e a iniciativa lexislativa popular impulsada pola veciñanza para lograr as dotacións foi recortada polo PP a través de seis emendas parlamentarias. A maioría do pleno da Deputación lucense vén de responder a esta última operación coa petición formal, apoiada por PSdeG e BNG, de dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, mentres os populares da corporación reducen a tesoirada ao "cambio dalgunhas palabras".

Esta petición chegou a través dunha moción impulsada polo presidente do ente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e defendida polo tamén socialista Álvaro Santos, quen ve "indecentes as seis emendas aprobadas en solitario" polo PP no Parlamento, unha "ruín artimaña" que, acusa, provoca que "os pacientes de cancro teñan que seguir sufrindo maratonianas xornadas" para seren tratados na Coruña e outras cidades. "Xa abonda de artimañas, esiximos a inmediata dimisión de Rocío Mosquera" por "institucionalizar a discriminación", di, nun contexto no que a iniciativa reproba tamén as "prácticas políticas do PP" por "deformar o concepto de soberanía popular" con este recorte.

Dende o BNG o deputado Mario Outeiro concorda coa necesidade do cesamento e Mosquera tras a "burla e a traizón a quen habitamos nesta provincia" que, di, executaron os conservadores ao "baleirar de contido e deturpar" a ILP. "Non é xusto que estas doenzas", infartos e cancro, teñan "maiores consecuencias" na provincia de Lugo por non dispoñer de radioterapia ou por atender os infartos só "nun horario sen sentido, en horario de oficina". "As emendas do PP non garanten que os servizos se presten dentro do Sergas, deixan aberta a porta á súa privatización" e, ademais, "alongan os prazos máis alá do ano 2016".

A moción aprobada, impulsada por Besteiro, acusa o PP de "institucionalizar a discriminación" dos pacientes do HULA

Neste difícil panorama foi no que tivo que intervir o voceiro do PP no debate, Fernando Pensado. Mentres un cento de persoas afectadas pola ausencia de servizos no hospital seguían o debate dende o público o ex alcalde de Palas de Rei, médico de profesión, deu en admitir que "posiblemente, aquí faltou diálogo", pero no que a Xunta e o PP non "fixesen absolutamente nada" para instalar os servizos prometidos. "É posible que se cambiasen algunhas palabras" da ILP orixinal -a proposta mudou mesmo de nome e os seus preceptos practicamente desapareceron- pero "non o espírito da iniciativa", asegura. Socialistas e nacionalistas, acusa, están a "manexar a dor allea" e, malia que a instalación destes equipos "non é ir á tenda da esquina e mercalos", o seu partido asegura que "dentro de doce ou catorce meses" as instalacións serán "inauguradas por quen hoxe está gobernando Galicia".

Os populares admiten que "faltou diálogo" e que a promesa de Feijóo "non se fixo", pero defenden agora a instalación parcial dos servizos cunha dilación de máis de media década

Así as cousas, e malia admitir que "as hemerotecas son irrefutables" e que o presidente da Xunta "dixo que en tres meses se podían poñer" os servizos pendentes "e non se fixo", Pensado rexeita a reprobación da conselleira porque PSdeG e BNG están dando "a imaxe de que en Lugo é todo un desastre e morren os enfermos nas cunetas, que a situación é biafreña". O PP, mantén, non vai "permitir nin un día máis dos 18 meses aprobados" para que "estas infraestruras tan necesarias" estean en funcionamento. Deste xeito, no mellor dos casos, o HULA terá radioterapia e medicina nuclear media década despois do prometido e os infartos seguirán sendo tratados só polas mañás.

Pensado, Santos e Outeiro, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública
Impulsores da ILP, ante a Deputación © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.