A lei para instalar os servizos pendentes no Hospital de Lugo queda ata sen nome

Nova sobre a inauguración do Hospital de Lugo na web da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Que o Hospital de Lugo teña ou non servizos de hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear seguirá sendo unha cuestión da vontade política de quen goberne e non unha obriga legal. A Xunta de Portavoces do Parlamento decidiu este martes que a vindeira semana se vote definitivamente o que queda da iniciativa lexislativa popular que o pasado marzo defenderon no pleno representantes veciñais lucenses e que iniciou o seu trámite co aval da unanimidade de todos os grupos. Nove meses despois do texto redactado pola cidadanía non queda practicamente nada, nin sequera o título.

Como informou este diario o PP aproveitou o relatorio que debía transformar a ILP en proxecto de lei para, coas súas emendas, baleirala de contido e, sobre todo, liberar de compromisos ao Goberno galego. Así, a propia mudanza do título convértese xa en toda unha declaración de intencións. A proposta cidadá era unha lei para "garantir a prestación das especialidades de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear en igualdade de condicións para toda a cidadanía galega con independencia do seu lugar de residencia". Agora o texto será aprobado como "lei pola que se modifica a lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías sanitarias", isto é, como unha mera engádega da norma que, entre outros aspectos, abre a porta ao traspaso de pacientes do Sergas á sanidade privada.

Na exposición de motivos da lei, onde a proposta inicial explicaba os factores sociais e sanitarios que fan necesarios estes servizos -prometidos por Alberto Núñez Feijóo en 2011 no acto de inauguración do hospital- e esixía compromisos concretos o PP introduce unha reflexión sobre a "equidade no acceso á asistencia sanitaria" e verbo da esixencia de "para determinadas actividades clínicas, agrupar un volume de casos suficiente para que os profesionais sanitarios poidan desenvolver a súa actividade nunhas condicións óptimas". Ademais, lembra a existencia, dende 2005, dun programa para atender infartos de miocardio que prevé os "traslados dende calquera punto da xeografía galega a un centro de intervencionismo e menos de 120 minutos".

Tras as emendas do PP a lei non garante a instalación no HULA dos servizos de radioterapia e medicina nuclear

Xa na parte dispositiva da lei, que na ILP obrigaba a Xunta a "dotar de servizo de hemodinámica 24 horas [actualmente funciona a media xornada], radioterapia e medicina nuclear" a "todas as provincias galegas" en "igualdade de condicións", o PP dispersa os compromisos todo o posible. "A administración autonómica disporá as medidas oportunas e os recursos económicos, humanos e materiais necesarios" para que "todas as provincias galegas dispoñan de procedementos [que non de servizos] de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear, garantindo a equidade na prestación e a libre elección do usuario", di a nova redacción. "En calquera caso -engade o texto, apoiado só polo PP- a prestación destes servizos deberase levar a cabo tendo en conta as condicións de calidade, efectividade e seguridade da atención sanitaria dos pacientes e o mellor aproveitamento das salas de hemodinámica existentes".

A ILP fixaba un prazo de cumprimento de 6 meses que agora se converten en 18

Neste contexto, e mentres numerosos pacientes lucenses teñen que ser trasladados diariamente para, por exemplo, recibiren tratamentos contra o cancro, os populares modifican tamén os prazos para o cumprimento da lei. Onde a ILP fixaba un límite de seis meses o PP outorga dezaoito, polo que o Goberno galego terá ata mediados de 2016 para cumprir parcialmente os compromisos adquiridos polo presidente en 2011 e que a conselleira de Sanidade fixou despois, tamén parcialmente, para o ano 2015.

Mobilización no HULA para reclamar a radioterapia CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.