Sanidade ignora a ILP e anuncia agora os servizos do hospital de Lugo para 2015

Nova sobre a inauguración do Hospital de Lugo na web da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Este domingo, Día Internacional contra o Cancro de Mama, a conselleira de Sanidade ofreceu unha entrevista na Cadena SER. Nesta intervención -realizada integramente en castelán-, Rocío Mosquera foi cuestionada a respecto dun dos asuntos que é preocupación permanente para as persoas que sofren cancro nun ampla parte do país: a dotación dos servizos pendentes do hospital de Lugo, o Lucus Augusti, os mesmos que Alberto Núñez Feijóo prometeu poñer en marcha no ano 2011 e os mesmos que diversos colectivos lucenses tentaron lograr mediante unha iniciativa lexislativa popular que se tramita dende marzo no Parlamento. Mosquera asegura agora que eses servizos estarán parcialmente operativos en 2015, botando por terra a efectos prácticos os preceptos da ILP, cuxa admisión a trámite tamén aceptou o PP.

Mentres a devandita iniciativa popular permanece bloqueada na Cámara galega dende o comezo do verán, como veñen denunciando os tres grupos da oposición, Sanidade nin sequera agarda a que os populares saquen adiante as emendas coas que se dispoñen a baleirala de contido. Nesas modificacións o Grupo Popular nin sequera garante a instalación da totalidade dos servizos prometidos polo presidente: radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica. Ademais, deixa marxe para a instalación dalgúns deles ata o ano 2016. Así e todo, das verbas da conselleira non se desprende que vaia seguir este guión: as datas, explica, veñen marcadas polos ritmos da empresa que lle subministrará ao Sergas os "aceleradores liñais", imprescindibles para as unidades de radioterapia e medicina nuclear.

Mosquera condiciona agora os servizos prometidos por Feijóo para 2011 ao ritmo da empresa que os instalará

E, que acontece coa hemodinámica? Despois de que, o pasado xaneiro, esta unidade especializada en doenzas como os infartos de miocardio comezase a funcionar só en horario de mañá a conselleira tamén desbota ampliar o servizo ás 24 horas do día, como pide a ILP. "Nada xustifica" facelo, asegura Mosquera, que mantén ademais que a decisión da Xunta se basea en criterios médicos e nos ditados dos expertos. Expertos médicos viñeron acreditando durante anos, no entanto, que padecer un infarto na provincia de Lugo era máis perigoso que no resto de Galicia.

Segue a "ruta do cancro"

A enésima dilación do que noutrora foi unha rotunda promesa presidencial provocará que, cando menos ata o ano electoral de 2015, os doentes lucenses de cancro teñan que seguir viaxando a outros centros hospitalarios pola falla de servizos no HULA, unha carencia que provocou o traslado duns 6.000 doentes en só tres anos. Un bo número destas viaxes son para recibir radioterapia, no que a plataforma que reclama os servizos do hospital deu en alcumar "ruta do cancro", a mesma que convidaron a realizar a unha vintena de representantes político a comezos do pasado outubro.

A falta de servizos forzou o desprazamento duns 6.000 pacientes do HULA en apenas tres anos

Nomeadamente, estas viaxes obrigan os e as pacientes a chegar a Lugo ás oito da mañá dende calquera punto da provincia. Unha vez na cidade, arredor de media ducia de persoas son ubicadas nunha anbulancia para viaxar cara a outro centro hospitalario, maioritariamente o da Coruña. Unha vez alí, reciben un tratamento duns 15 minutos tras o que deben agardar unhas dúas horas, ata que todas as persoas desprazadas rematan o tratamento. A continuación, regresan a Lugo e, despois, a cadanseus concellos.

Rocío Mosquera, nunha visita ao Lucus Augusti © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.