Unha prórroga no mandato como consecuencia directa de ter desencadeado unha extraordinaria polémica e un importante deterioro á imaxe da institución. É a paradoxal situación na que se pode atopar o Valedor do Pobo, Benigno López, tras a controversia creada a pasada semana polas súas consideracións na Comisión de Peticións no Parlamento sobre a posibilidade de "suspender" a aplicación da Lei da Dependencia e verbo dos "imprescindibles, xustos e necesarios" recortes sociais do Goberno central. O aliñamento máis ou menos explícito de López coas políticas dos conservadores deu lugar á petición de dimisión por parte dos grupos da oposición, que este luns se concreta en senllas iniciativas parlamentarias que aludirán ao "notorio incumprimento" das súas funcións, un dos supostos que a lei contempla para o seu cesamento . Ao tempo, o PP realizaba unha pechada defensa do alto comisionado que, a priori, converte case en política ficción a posibilidade dun acordo entre os grupos para pactar o nome dunha persoa substituta para o Valedor, cuxo mandato expira o vindeiro mes de xullo.
A reforma legal impulsada polo Goberno de Fraga permite que López continúe no cargo ata que non se pacte a súa substitución
Será nese mes cando se cumpran cinco anos dende que o bipartito de PSdeG e BNG aceptase a candidatura de López, chegada dende latitudes populares, para substituír a José Ramón Vázquez Sandes. Daquela, a flexibilidade de socialistas e nacionalistas -considerada como excesiva mesmo dentro das súas propias filas- deu lugar a que o novo Valedor fose avalado pola unanimidade da Cámara, superando sobradamente os tres quintos que son necesarios para designalo. Pero o que daquela sobraba, desta volta pode faltar. Malia á súa maioría absoluta o PP precisa sumar ou os 25 parlamentarios socialistas ou os 12 nacionalistas para manter a López ou buscarlle un substituto, hipóteses ambas -especialmente a primeira- pouco probables despois do acontecido nos últimos días, menos aínda tendo en conta que a remuda tería que producirse a escasos meses das eleccións -apenas tres se finalmente se celebran no outono-.
Neste contexto as posibilidades que se abrirían serían esencialmente dúas. Segundo a lei que regula o funcionamento da defensoría galega, unha vez completado o mandato a presidenta do Parlamento ten que "declarar vacante" o posto e, "no prazo non superior a un mes", deberase iniciar "o procedemento para a elección dun novo Valedor". Na redacción orixinal desta norma, redactada en 1984, a Comisión de Peticións da Cámara tiña a potestade de nomear, "por maioría simple", a un dos vicevaledores para que desempeñase o cargo de maneira interina ata que existise un substituto ou substituta. Pero isto variou en 1994, cando a maioría absoluta de Manuel Fraga reformou a norma para estipular que "se a causa do cesamento fose a expiración do seu nomeamento, o Valedor do Pobo seguirá no desempeño do seu cargo con prórroga de funcións ata que se produza a nova elección". Dadas as circunstancias, esa prórroga semella unha das posibilidades máis viables.
Con todo, aínda hai outra vía posible, a dunha nova reforma legal. Inseríndose na dinámica aberta por outros dirixentes do seu partido, como María Dolores de Cospedal, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba no pasado debate de política xeral a súa intención de eliminar as figuras dos vicevaledores, tres postos dos cales un está vacante dende o pasado venres a causa da dimisión de Dolores Galovart, proposta polo PSdeG e que renunciou precisamente polas declaracións de Benigno López. Para suprimir estes postos cómpre reformar a lei e nese proceso poderíase modificar ou flexibilizar tamén o procedemento de elección do propio Valedor inserindo, por exemplo, a posibilidade de elixilo por maioría absoluta en caso de que non chegase a un consenso maior. Así e todo, esa vía semella tamén pouco realizable, por ter un custo elevado en termos de oportunidade política pouco antes da cita coas urnas.